Apuntamentos para unha Bienal recuperada

Peza da Bienal de Pontevedra. FREIRE
Peza da Bienal de Pontevedra. FREIRE
É a gran noticia da plástica galega neste ano, a recuperación da Bienal de Arte de Pontevedra, despois da súa última edición no ano 2010. Volver (a) ser humanos convoca a toda unha serie de artistas para facer unha reflexión sobre os diferentes conflitos bélicos do mundo.

No ano 2010 a Deputación de Pontevedra decidiu que un histórico proxecto a nivel internacional, a bienal de arte máis antiga da Península Ibérica, freaba a súa traxectoria, agora, esa mesma Deputación, corrixe aquela decisión, da man do seu vicepresidente, Rafa Domínguez, é recupera a Bienal de Arte de Pontevedra como un amplo proxecto artístico, mais tamén, polo argumento conceptual e temático que xustifica a convocatoria dun amplo conxunto de artistas procedentes de diferentes zonas do mundo, debemos entendela como un compromiso con todos eses territorios asolados polas guerra e o que iso supón en canto á convivencia, a resistencia do ser humano e o cambio na prioridade de diversas situacións na vida das persoas que se ven envoltas no desconcerto, no medo e na incerteza.

O comisariado de Antón Castro, xunto ao comisariado adxunto de Agar Ledo, con Iñaki Martínez Antelo como comisario de Artes Vivas, o permanente compromiso de Antón Sobral, así como do persoal do Museo de Pontevedra, permitiu que fixeran todos eles un magnífico traballo, primeiro dende a complexidade organizativa dun evento destas características, e, despois, pola suxerente materialización do proxecto ao longo de toda a cidade, expandindo as obras por diferentes espazos tanto expositivos, como o Pazo da Cultura, a Fundación Moldes, a Fundación RAC, as ruínas de San Domingos ou a Facultade de Belas Artes, e o seu corazón no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, ou públicos, coa instalación de diferentes pezas en varios itinerarios cidadáns que permiten a convivencia coas propias pezas.

Volver (a) ser humanos é o leit-motiv que deberemos ter presente fronte a cada unha das obras do sesenta artistas que amosan as súas pezas nesta convocatoria. Unha ollada cara nós mesmos ante unha situación de conflito e como a arte pode, se non dar respostas, si, cando menos, facer as preguntas necesarias para que sexamos nós mesmos os que dende a nosa individualidade posicionarnos ou, cando menos, reflexionar sobre o que supoñen eses contextos de violencia que en boa parte dos casos pon en bastantes dúbidas esa condición de seres humanos.

Moi interesante é a presenza galega, que amosa a súa xa ben recoñecida capacidade para participar neste tipo de citas e que a súa arte funcione ao mesmo nivel que á de calquera outro creador do mundo. Nomes como os de Almudena Fernández, Beatriz Ruibal, Carmen Hermo, Manuel Vilariño, Carlos Fer, Christian Villamide, Norberto Olmedo, Marta Pazos, Andrea Dávila, Lois Patiño, Damian Ucieda, Soledad Penalta e sumémoslle tamén a Marina Núñez polo moito tempo que como mestra na Facultade de Belas Artes de Pontevedra xa a podemos integrar no noso ecosistema artístico. Cada un deles non deixa de seducir ao espectador polas súas capacidades para crear, dende diferentes soportes e posibilidades, pezas cheas de compromiso, de valores plásticos, e de converter nun elemento artístico todo aquilo que se agocha tras unha guerra, nas que máis aló do trazo groso que lle queramos aplicar danse toda unha serie de circunstancias máis particulares e ás que dende a distancia tamén se poden suxerir varias desas preguntas das que falaba con anterioridade.

Pero tamén son moitos os artistas que proceden de zonas realmente en conflicto: Gaza e Israel, Rusia e Ucraína, Tailandia, Mali, Exipto, Sudán ou Turquía, tan só por citar algúns deses escenarios que, moitos deles, afastados dos grandes conflitos bélicos que nos chegan a través dos medios de comunicación, teñen ou tiveron non hai moito tempo, guerras que marcaron as súas vidas e cómo se establecían as relacións entre os habitantes dos seus países. Mais unha bienal é moito máis que exposicións, e esta 32ª Bienal de Arte de Pontevedra engade unha chea de actividades que poden coñecer na súa páxina web, así como información máis polo miúdo dos artistas e as súas obras, e que ata o 30 de setembro se pode participar nelas, como palestras cos artistas, performances, concertos, danza, proxeccións cinematográficas. En definitiva, unha proposta multidisciplinar que converte Pontevedra nunha das capitais da arte mundial grazas á recuperación dunha Bienal que volve para beneficio de tódolos humanos.

Comentarios