Os bicos de cine de Manuel Moldes
Conservada na Filmoteca de Galicia, a cuxos fondos pertence dende a súa creación en 1991, as 25 pezas que conforman a serie Bicos de cine que realizara o pintor Manuel Moldes co gallo das Xornadas de Cinema e Vídeo do Carballiño (Xociviga), ven de novo a luz nas salas da Fundación Manuel Moldes en Pontevedra para amosar así un traballo pouco exhibido e moi esquecido polo público, sendo este un dos fins desta entidade empeñada na preservación, coñecemento e difusión do legado dun dos nomes claves da plástica galega.
Se Pontevedra está a vivir durante estas semanas un tempo de cine, coa recente celebración da décima edición do Festival Novos Cinemas e a inminente gala de entrega dos Premios Feroz, a exposición Bicos de cine é un magnífico complemento a todo este ambiente cinematográfico, ao tempo que ofrece unha perspectiva creativa tan suxerente como interesante na confluencia de dúas artes como a pintura e o propio cinema, arte á que Manuel Moldes era moi afeccionado e gran coñecedor. De aí a sucesión de títulos que se reflicten nas obras, cada unha delas relacionada cun filme, non sendo moitos deles títulos precisamente dos máis coñecidos entre o gran público.
A serie 'Bicos de cine' enmárcase dentro do seu proceso creativo nun momento no que a figuración estaba moi presente, como aconteceu na década dos anos 80, e tras os fulgurantes anos do colectivo Atlántica, co que iso significou para a arte galega e do que Manuel Moldes formou parte dende o primeiro momento. O carácter expresionista das súas figuras e a relación entre elas dentro do espazo plástico amosan nesta serie toda a súa contundencia e potencialidade, ao tempo que dende esa representación de diferentes bicos cinematográficos se xera tamén unha forte compoñente de sensualidade. Xunto ás figuras, e dende esas referencias cinematográficas, Moldes non elude a presenza de elementos que definen a súa arte, sobre todo en momentos determinados, como os símbolos incorporados mediante unha curiosa técnica de collage ou escenarios físicos de Pontevedra, sempre presente na súa obra, non só como mero marco físico, senón como recuperación sentimental e memorialística da propia vida inxerida na súa vila.
A mostra, que estará aberta ata finais de marzo, podemos entendela tamén como unha sorte de agasallo, como supón sempre a recuperación dun patrimonio moi esquecido pola cidadanía, pero tamén, e á vista do seu contido, permite establecer a comparación con aquel filme creado pouco tempo antes da realización desta serie, como é 'Cinema Paradiso', na que se lembramos o seu emocionante final no que o que fora un neno, agora director de cine, axudante dun proxeccionista nunha vila italiana e despois do pasamento deste, enfróntase nunha pantalla ao derradeiro regalo daquel home, todos os bicos que a censura retirou dos filmes que marcaron ás persoas que as viron. Entre bágoas reconcíliase co seu pasado ao tempo que asiste a unha nova proba de amor daquel home. Manuel Moldes pon ante nós esta sucesión de Bicos de cine para provocar toda unha serie de emocións, desta vez a cabalo da pintura e do cinema, e cunha firme ancoraxe na nosa memoria cinematográfica e sentimental.
Dende o punto de vista da súa plástica, estas pezas, ademais da compoñente figurativa, permite atender a cuestións como a permanente investigación do pintor en canto ás posibilidades da pintura e dos materias para a súa representación. As obras sorprenden pola cantidade de matices, polo detalle en determinados aspectos, pola evolución das cores que semellan sufrir un proceso de cambio dende a creación e a capacidade de síntese que de todo un filme agocha en cada unha.
O que fóra cómplice de Manuel Moldes naquela aventura pictórico-cinematográfica dos 90, Enrique Acuña, calificou de xeito recente esta serie como a Suite Vollard de Moldes, establecendo unha semellanza coa famosa serie picassiana, certamente un dos mestres do pintor pontevedrés, e que agora nos ofrece, na súa fundación, un inesperado agasallo do que gozar.