Bulos educativos

Una escuela.EP
Una escuela.EP

DENTRO DE todo español e todo galego late o corazón dun seleccionador de fútbol e dun ministro de Educación. Ao cabo, todos pasamos moitos anos no sistema educativo: como pouco seis de primaria —oito, os de máis de corenta— e catro de secundaria, aos que con moita facilidade suman os máis novos outros dous de Bacharelato. E queda a Universidade. Se o meu veciño do sexto estivo 18 anos nun centro educativo de calquera tipo... como non vai saber como funciona iso da educación?

Pois non, non o sabe. Se me permiten retomar o tema futbolístico, é o mesmo que cando o exseleccionador español Javier Clemente declarou que só por ver fútbol a xente non sabía de fútbol... porque se fose así as máis sabias serían as vacas de Lezama, que pasan anos a ver os adestramentos... e non están en disposición de mellorar o rendemento do Athletic de Bilbao. É máis: ás veces de educación non saben nin os expertos —a etiqueta de experto en educación marca prezo barato hai tempo—.

Non ocorre o mesmo con Jesús Rogero e Daniel Turienzo, que veñen de asinar en Capitán Swing Educafakes. 50 mentiras y medias verdades sobre la educación española. Eles si poden reclamar esa condición, pois Rogero é un prestixioso sociólogo nese terreo e Turienzo exerceu a profesión como mestre, primeiro en varias comunidades e agora na rede española de educación no exterior. O seu libro, breve e cunha estrutura moi determinada, pretende combater co carácter de manual urxente as desinformacións interesadas que rodean o sistema educativo público, ameazado sobre todo nunhas grandes cidades nas que a desinvestimento económico e outros problemas están a levar na práctica a que o ensino se converta en fonte de desigualdades e non en ascensor social.

Dito isto, obsérvanse un par de erros metodolóxicos, sobre todo no inicio da obra. En primeiro lugar, en ningures chegan a distinguirse os bulos  —que podemos interpretar como mentiras sen máis— das medias verdades; en segundo lugar, e en estreita relación co anterior, nos asuntos estritamente académicos apréciase unha certa falla de contra argumentos. Expliquémonos cun exemplo: os autores maniféstanse contra a segregación do alumnado por razóns estritamente académicas e citan unha serie de estudos rigorosos... pero esquecen —entre irónicas aspas— mencionar que un sistema educativo de éxito recoñecido, coma o alemán, aplica esta política sen que supoña trauma ou escándalo algún.

Co paso das páxinas, aínda sen realizar a distinción arriba indicada, o libro gaña en solidez. Ocorre cando se deixan os asuntos máis relacionados co rendemento e as metodoloxías, e se entra nos apartados da atención á diversidade e, sobre todo, das relacións en España entre o ensino público e o ensino privado-concertado. Ningún cidadán pode agardar que un ensaio cambie a realidade instaurada dende mediados dos anos 80, pero xa é hora de que, polo menos, se recoñeza en todos os ámbitos políticos e sociais que o ensino concertado non é máis rendíbel có público e que só favorece a persoas que posúen ou aspiran a posuír capital económico e cultural.

O caso é que, por desgraza, Rogero e Turienzo han chocar coa dura realidade da desinformación no século XXI. Son progresistas, son científicos, son especialistas e investiron horas de formación e escrita nun libro valioso para desmontar bulos educativos. Os creadores desas mentiras dedicaron un 1 por cento dese tempo a inventalas e moito máis en difundilas con axuda de partes interesadas... e teñen todas as de gañar nun debate mediatizado por unha realidade social cada día máis segregadora na práctica.

Comentarios