Centenarios
A literatura española está a entrar nun ciclo de centenarios literarios que só terá unha relativa calma dentro dunha década, cando veña o centenario da Guerra Civil e non haxa absolutamente nada que celebrar, nin literario nin doutro tipo. Namentres, desfilarán a Xeración do 27 con todos os seus autores e libros e, asemade, moitos outros autores e autoras que naceron a finais dos vinte e principios dos trinta do século XX e desenvolveron a súa carreira literaria a partir dos anos cincuenta.
É o caso de Carmen Martín Gaite, nacida en Salamanca, pero ourensá de corazón, de quen estamos a celebrar en 2025 o centenario do nacemento. Quizais a mellor homenaxe que se lle fixo neste ano sexa a magnífica biografía que hoxe traemos a estas páxinas, titulada co mesmo nome da autora, debida ao investigador na súa obra e tamén amigo José Teruel e gañadora do prestixioso Premio Comillas –o que leva de seu, dende hai tempo, a publicación por Tusquets–.
A figura de Martín Gaite, como a de Laforet, Matute ou quen fora o seu marido, Rafael Sánchez Ferlosio, é, na nosa opinión, indisociábel da época na que desenvolveron o comezo da súa obra. Eran os anos 50 e a literatura española estaba na época que a historia literaria chama Realismo Social. Unha etiqueta que o único que agocha, de novo na nosa visión, é a imposibilidade de facer un neorrealismo de contido moito máis social e subversivo –coma o italiano, representado polos guións de Zavattini e o Ladrón de bicicletas de Vittorio de Sica– ou de se achegar á literatura modernista que fora tendencia en Europa e Estados Unidos dende o triunfo de Joyce, Faulkner ou Virginia Woolf. É por isto que moitos lectores, entre os que me conto, non vemos a Martín Gaite como unha autora de moito interese: para sermos sinceros, a que está considerada a súa obra mestra, Entre visillos, sempre me pareceu unha novela moi aburrida.
Estes reparos non impiden considerar a Martín Gaite —Carmiña, co diminutivo galego, durante boa parte desta biografía— unha das grandes intelectuais españolas do século XX e, ademais, un personaxe apaixonante. Por isto paga a pena a lectura do libro de Teruel, informado de primeira man, entrevistador de moitas persoas que coñeceron e trataron á autora, mergullador en arquivos e bibliotecas e, ao cabo, magnífico lector das novelas e os ensaios de Martín Gaite.
O libro segue un fío cronolóxico apenas rachado polo necesario chimpo cara o pasado que se dá neste tipo de ensaios para analizar as orixes familiares do persoeiro en cuestión. Isto facilita a lectura, o mesmo que o estilo fluído de Teruel, nada amigo de barroquismos ou análises complexas no que ten que ver coas obras. Tamén destacan o equilibro e a temperanza do biógrafo en dous acontecementos concretos: o proceso de separación e divorcio de Gaite e Ferlosio —do que sae moi mal parado, malia todo, o novelista, incapaz de se rexer por uns horarios compatíbeis coa vida familiar— e o tráxico pasamento da filla de ambos, Marta —á que case sempre se menciona por un alcume, La Torci— a causa da grande epidemia da intelectualidade española dos 80: a sida provocada polo consumo de heroína.
Se unha tacha temos que poñer ao libro, para rematar, é a precipitación do seu final. O tempo acelérase nos noventa e, quizais tamén por unha aplicación dese pudor que vimos de mencionar con divorcios e orfandades filiais, Teruel apenas entra no curso da enfermidade de Gaite e os derradeiros anos de traballo literario. Non pasa de ser, en calquera caso, unha pequena mácula dentro dun ensaio de grande calidade investigadora e literaria.