O crepúsculo das verbenas
ADVIRTEN no sector da faísca prendida e o apocalipse moderado que trae. Menos formacións. Máis precariedade. Traballos no arame. Daquela xa todo o valor cultural que periga, pero iso non o cubre o seguro. Nós temos que admitir, un pouco a touro pasado si, que moi normal nunca foi a cousa; que nolo parecese xa é outra, entre a forza da rutina e o encantados que estamos pensando que en Galicia non hai fantasía pequena cando se lle pon diante un grupo de entusiastas. Pero moi normal nunca foi que unha parroquia de seis habitantes trouxese a Panorama. Cos seus tráileres a manobrar no torreiro como só ves facelo a chineses no Youtube. Ver chegar coches en caravana por estradas esquecidas, sen sinais nen iluminación, que parece iso a ruta Ho Chi Minh. E que comece o show ás doce da noite. E que sexa un martes. E que estea todo cheo. Tampouco é normal a Capela Sixtina.
O fenómeno non o vimos chegar ningún, cegados estabamos todos polo lucerío. As aldeas cativeiras que mantiñan as festas milagrosamente —sen esaxerar no prodixio: o de xuntar trinta mil euros e seis persoas enérxicas e resolutivas que as xestionasen, todo pola vaga promesa da resposta e máis que nada por amor á terra e aos mortos; eu só lle atopo paralelismo ás familias carlistas que aló polo 1830 acababan arruinadas mantendo partidas que nada facían— pois acaban desaparecendo. Hai neorrurais, esa palabra tan horrible para xente ben diversa e cándida que comprou un casal para darlle vida, ou iso din eles, e que un pouco porque oíu campás deciden recuperar o día da patroa. Pero non sabendo de orquestras —e iso que hai cen no país, máis se contamos a dúos e tríos— e como se lles dispara o prezo das dúas que coñecen da tele, pois acaban chamando a Taburete ou a Sés, dependendo de se traballan nunha inmobiliaria da Coruña ou na administración en Santiago.
Pérdense, co despoboamento, moitos festivos locais. Santos, santas e virxes aos que ninguén lles tira un par de bombas, nin quitan para que lles dea o aire e luza o sol nos dourados. Igual si, e teñen sorte e lanzan un foguete de medio estalo, e o sacan as vellas se a figura non é mala de levar; pero banda de música nada, e verbena menos. A charanga terá que acompañar á procesión reprimindo de meterlle o swing merengue ao Hosanna in excelsis, e dubidarán de presentarse ca camiseta flúor de sempre ou algo máis do xeito. O dos festivos dáballe algo de sentido a que un martes de xuño estivese unha chea de xente ata as mil da mañá a tomar os cubatas. Pero poucas eran as poboacións —máis ben ningunha— que eran autosuficientes en masa crítica festexeira: sempre tiñan que vir de fóra. Vale que hai vacacións longas -as máis, as dos funcionarios que contratan a Sés- pero habería que botar números por si antes había menos xente choiando, ou se eran traballos todos de tarde. Ou se simplemente a raza estaba composta de titáns da festa que aguantaba todo o verán de troula, dende o Santo Hadrián de Malpica ao San Froilán de Lugo, non stop, como os rapaces de Manchester en ‘24 hour party people’. A estes habería que velos no San Roque de Melide, que son nove días de maratón verbeneiro e cas formacións máis sonadas. Tamén non hai que pasar por alto que en Melide tiveron unha orquestra sinfónica e polo tanto o puño aberto para as artes. Cando Josep Pla viu Nova York de noite dende o barco con tantas luces prendidas preguntouse: "E todo isto quen o pagará?" En Melide págao todo a hostalería e o ocio nocturno, que entre peregrinos e xente da contorna non dá abasto. Ao sétimo día as camareiras chegan a un nivel de trance que saben que cando lles piden ‘husqvarna con cola’ queren dicir ron arehucas con cola.
A Sigfrido matouno un xabaril nun bosque denso ás beiras do Rin, outro xabaril vai pola estrada secundaria e non pensa parar por moito ruído que meta ese BMW con matrícula de Ourense.
Se hai un crepúsculo das verbenas este debe ser como o espectáculo wagneriano que é. A Panorama inaugurou unha segunda formación máis compacta, reciclando material da nave nai —Panorama City: como o Eroski City, que son máis pequenos— demostrando unha vez máis que viven no futuro. Atentos como son, e adiantándose ao final, comezan a ensaiar o Götterdämmrung Show 2026, e non ha faltar a pirotecnia.