O día estrano no que descubrimos as pilas
Cada noite parezo morrer. As imaxes deixan de axitarse, as mensaxes de amigos e periodistas cesan de manar. Quedo comigo. Nos primeiros minutos síntome desvalido e carente. Hai un mundo de colores e sensacións axitándose fóra. Síntome aillado. Volvín ser quen de ler durante horas. Ignoro a polémica de Melody, supoño que Luar segue emitíndose. Podo vivir á marxe das grandes convulsións que duran dez minutos. Mesmo reconforta ignorar a vulgaridade con coleta da cantante ou ese programa para a nosa educación estética, tan decadente. O domingo lin de corrido a novela inédita dun amigo. Botei dez horas en tres qundas. Excepcionais. A lectura e a novela.
O ensaio Hipnocracia (Rosamerón) do filósofo hongkonés Jianwei Xun fala sobre esta traxedia banal e contemporáneo. Temos a cabeza furada de vídeos curtos e de titulares que logran que aflore a nosa curiosidade máis elemental e superficial. A Hipnocracia é unha teoría que argumenta que o poder xa non se exerce na realidade, que o poder xa non precisa territorio nin policía; nin sequera necesita ser impoñerse sendo sutil, como expoñía Foucault, porque non se revela no plano do material e tanxible.
Para Jianwei Xun o poder exércese manipulando a percepción con algoritmos. Manipular as visións particulares ten como consecuencia, que, ao sumalas, manipúlase a conciencia colectiva. Quero dicir, que o poder xa non precisa persuadir nin reprimir. Abóndalle con ofrecer a cada individuo o seu mundo ideal a través dunha narración dixital á que accede a través do seu móbil ou tablet. O mundo ideal de Platón é unha visión de apariencia real preparada para cada individuo.
Canda o poder vai a economía, son elementos que se atraen e se alimentan mutuamente. Jianwei Xun explica en Hipnocracia que as pantallas non se limitan a absorbernos a atención, senón que a convirten en beneficios para as empresas que dirixen a tramoia. A fragmentación da realidade permite especializar a cada cliente. Posibilita optimizar os algoritmos que o dirixen cara a uns gustos, intereses e desexos concretos.
Estados Unidos como negocio particular
A democracia, con todas as fendas que ten, levounos a que ese poder do algoritmo teña un paralelismo na realidade a través de dous empresarios, Donald Trump e Elon Musk. Ambos convertiron Estados Unidos nun negocio particular. De ambos, o empresario tradicional, Trump, entende os negocios físicos con máis fondura, polo que lle están indo mellor. Musk acaba de cesar no goberno norteamericano porque estaba perdendo millóns de dólares.
A actitude de Donald Trump é pechar o seu país. Actúa contraditoriamente. Por unha banda, quere recuperar o traballo manual das fábricas; unha política económica obsoleta e inaplicable, pero que lle dá votos do proletario branco sen conciencia de clase. Por outra bando, está cerrando Estados Unidos ao coñecemento e a ciencia, é dicir, ao progreso.
Tomou Harvard coma a letra escarlata do seu reinado da ignorancia. Erra turrando contra Harvard, minimizando o pensamento e a investigación universitarios. Erra ao poñer trabas ao talento estranxeiro, que foi o que conseguiu o liderado mundial para o país. O gran salto nortamericano produciuse ao converterse en pista de aterraxe para a intelixencia alemana escapada dos nazis. Os refuxiados acabaron sumando 16 premios Nobel, entre os que xa o lograran no seu país e os que o conseguiron nos Usa.
Empeza a cobrar sentido o título que inspirou ao conservadurismo norteamericano tradicional: O peche da mente americana (Simon & Schuster, en inglés). Aínda que Allan Bloom non propoñía nese libro unha elite de empresarios iletrados, senón unha sociedade platónica: unha democracia dirixida polos máis aptos.
Jianwei Xun denuncia que a potencialidade máis perigosa da intelixencia artificial é a capacidade para plasmar as mentiras e presentalas como realidade. Eu penso que o interese de Donald Trump nela reside en que pode facer vídeos coas súas manipulacíóns. A maiores de distorsionar a percepción da realidade, pode contar cunha proba patente de que di a verdade, por moito que esa verdade sexa falsa tanto na orixe como na xustificación.
O mandatario norteamericano non pasará á Historia coma un tradicional dirixente político que asume un problema e lle busca unha solución, senón coma un empresario que necesita unha solución para enriquecerse e crea un problema para aplicala. As armas de Trump son a nostalxia dun pasado que nunca existiu e o medo a un futuro que nunca vai suceder e a simplificación do presente. Todo o que necesita para executar o seu plan é unha sociedade convencida do engano. O medio é a conexión por wifi. Precisa dos mandatarios da tecnoloxía. A contrapartida que lles ofrece é un capitalismo libre de impostos e de diñeiro a interés barato.
O algoritmo conduce o noso pensamento
O autor de Hipnocracia advirte de que "o aspecto máis insidioso da hipnocracia non é o control da esfera pública, senón a infiltración no noso espazo íntimo. Canto máis privadas sexan as nosas experiencias, máis mediadas, moldeadas e mesmo creadas están por procesos algorítimicos". É dicir, non escapamos ao sometemento do poder nin dentro da casa. Foucault xa adiantara en Historia da sexualidade que o poder tamén condiciona o que facemos coas nosas parellas. Agora é peor: o algoritmo conduce o noso pensamento.
Jianwei Xun propón combater esta imposición coa Revolución do Trivial: "Pequenos xestos que o sistema non pode medir nin monetizar, e a procura de espazos de silencio onde o fluxo algorítmico se interrómpe".
Dito dun xeito máis sinxelo. Apaguen o móbil e usen tecnoloxías sen conexión wifi, coma os libros ou as radios a pilas. Non teman , xa o fixeron no apagón. Puidemos soportalo durante unhas horas. Controlamos a ansiedade da cobertura apagada porque sabiamos que era temporal, coma eu cando apago o móbil polas noites. Dicía Giuseppe Verdi: "Volvamos ao pasado, será un progreso". O meu consello é facelo unhas horas ao dia. Antes de apagar, busquen información en internet sobre Jianwei Xun, un filósofo que vive na contradición.