Ensoñacións da natureza

Visitantes en la muestra. EP
Visitantes en la muestra. EP
Unha moi interesante aposta pola revisión do noso contexto natural dende o artístico é a que reúne a Consuelo Chacón, Patricia Mateo e José Luis López Moral no Colexio de Fonseca para trazar unha cartografía simbólica da nosa terra, tan atractiva como fascinante 

BAIXO O título de O retorno do máxico e co comisariado de Paula Cabaleiro, tres artistas de orixe madrileña, Consuelo Chacón, Patricia Mateo e José Luis López Moral, afrontan un desafío complexo se un o ve sobre o papel e ante o seu traslado a un espazo expositivo, pero do que todos eles saen airosos nunha efectiva combinación de xéneros artísticos e pola súa montaxe no Salón do Artesoado do Colexio de Fonseca en Compostela.

Alí, fotografía, vídeo, instalación, pintura ou son, exercen unha sorte de fascinación para o visitante que, entre a coidada iluminación da sala, atopa esa estrañeza que causa a contorna natural, a dos recunchos imprevisibles, a de belezas que nos sobresaltan, pero tamén a que agocha todo un sinfín de historias, de mitos lexendarios que outorgan á natureza moitas significacións que van moito máis alá das puramente visuais ou contemplativas, xurdindo no seu interior unha sorte de tremor que emerxe do misterio de toda unha tradición cultural de narracións e sucesos que conforman moitos deses escenarios naturais.

A clara interpelación ao visitante, que nun momento determinado mesmo pasa a formar parte da propia natureza grazas a un intelixente xogo de espellos, permite asomalo a toda unha serie de incertidumes que dende as preguntas precisas nos obrigan a propoñer unha serie de respostas sobre cal é a nosa propia relación co territorio e con todo ese sustrato histórico que o completa, e que as máis das veces, dende a nosa limitada contemplación do físico, non adoitamos atender. Cada un deles estableceu unha lectura propia co territorio, a través da visita a diferentes espazos da nosa xeografía para, posteriormente, interpretalos dende cadansúas posibilidades e intereses creativos, confluíndo, finalmente, nesta proposta colectiva que traballa tamén dende a configuración dun percorrido propio, ao que á experiencia se lle engade o valor do cultural hoxe, a suma das miradas dos artistas que na súa epistemoloxía plástica vén a engadir novos sedimentos aos que durante tantos séculos diferentes momentos históricos xeraron ao ollar a esa natureza da que non podemos afastarnos por moi urbanitas que tentemos ser.

É, precisamente, ese fío permanente co noso territorio o que sempre permitirá validar novas lecturas da natureza, por moito que se pense que é un tema xa excesivamente tratado pola historia da arte, de aí que esta proposta colectiva teña tamén outro valor que engadir, como é o de apostar polo novo dende o peso da nosa tradición, converténdose nunha especie de desafío. As diferentes pezas da mostra capturan ou propoñen unha nova mirada á natureza, unhas máis contemplativas, outras máis lúdicas, outras desafiantes e outras nun xogo do surreal que permite atopar novas perspectivas, nova formas de mirar o que pensamos que é sempre fermoso e estático, pero que no seu interior agocha no poucas sorpresas.

A sabedoría popular, a identidade cultural, o patrimonio botánico e o permanente xogo entre o real e a ficción veñen a ser tamén espellos nos que os propios artistas se asoman para verse eles mesmos reflectidos e atopar esa nova dimensión que o máxico, o relacionado con feitizos e meigas, permite explicar, ou polo menos expor cómo os seus respectivos latexos artísticos poden poñer ante nós toda unha serie de suxerentes estímulos para máis alá da fascinación procurar unha interacción más mental para que esas preguntas non se esgoten aos poucos minutos.

Atravesar entre esta vexetación, ante esas miradas que se sitúan fronte aos nosos ollos, unhas máis reais, outras máis simbólicas. Portas de acceso a novas dimensións, umbrais que superar para atopar ese contexto escuro e etéreo no que estes escintilantes verdes que dominan o espazo convértense en lóstregos que nos fan manter a tensión precisa baixo ese ceo de madeira que nos cubre no salón de Fonseca e no que se abre ante nós unha natureza aparentemente domesticada pero fronte á que non debemos relaxarnos, senón manter unha permanente atención ante as preguntas que agardan entre as follas.