Finar no linde

Richard Fariña. EP
Richard Fariña. EP
Para matar a curiosade, quixen coñecer algunhas das versións máis famosas da canción House of the Rising Sun. A miña favorita, co permiso de The Animals, é a de Joan Baez. Entón achegueime máis a ela, procurei información da súa vida. Vin que tiña irmás e o apelido de casada dunha delas deixoume parvo. Continuei na pesquisa. Veño contalo.

O recente filme Un completo descoñecido abordan os comezos e a vida artística de Bob Dylan, aínda que tamén hai oco para Pete Seeger, Johnny Cash, Al Kooper e, evidentemente, Joan Baez. Non quedou metraxe para dar crédito a un dos grandes esquecidos desa xeración, unha peza fundamental e relegada. Unha peza, ademais, de innegable galeguidade. O escritor e cantautor Richard Fariña puxo a primeira pedra para o castelo dos demais.

En 1925, Liborio Ricardo Fariñas tivo que fuxir de Cuba logo de intentar formar un sindicato para pedir melloras laborais. Naquel momento sumaba só 18 anos e seu pai, tamén Liborio e emigrado de Galicia na localidade de Matanzas, despediuse dun dos seus 24 fillos. Ao chegar a Brooklyn, eliminou o S final do seu apelido, namorou dunha irlandesa e casou con ela. En 1937, o matrimonio tivo un fillo, ao que chamaron Richard. Aquel neno criouse nun barrio de clase media, con acceso a dúas culturas familiares tan distintas como estimulantes e coa convicción de non pertencer a ningún lugar.

Richard Fariña experimentou unha adolescencia de relativo éxito amoroso e co encanto pícaro que se xera ante as pequenas necesidades. Tiña lingua e inventiva, ademais dun peculiar xeito de ver o mundo. Formouse nun instituto politécnico e logo de recibir unha beca para estudar algunha enxeñería na Universidade de Cornell, da Ivy League, decidiu mudar de especialidade cara os Estudos Ingleses.

Unha vez no campus, mostrou interese por publicar algunha peza en revistas literarias e xornais de todo o país. Quería contar algo, aínda que non sabía o que. Fariña compartía habitación cun rapaz de Long Island que comprendía o seu interés por ser escritor, Thomas Pynchon. Xuntos concebiron un futuro nas letras. Pero por causa dunhas protestas en contra das normativas do campus, Fariña foi expulsado en 1959, antes da súa graduación.

Ao volver a Manhattan, observou un ánimo revolucionario na sociedade. Naquel momento, a White Horse Tavern convertírase nun punto de encontro cultural obligatorio e de cada xornada, Fariña extraía unha crónica. James Baldwin, Jack Kerouac, Norman Mailer ou Hunter S. Thompson eran rostros habituais no local. Ubícase todavía hoxe en Greenwich Village, sendo o bar máis antigo de New York City en funcionamiento. Nos bailes nocturnos e entre recitais, Fariña coñece alí a Carolyn Hester, unha cantante folk de éxito nese tempo. Casaron 18 días despois.

Richard pasou a ser o representante da súa esposa e embarcáronse nunha xira mundial. Ás agochadas, escribía unha novela que avanzaba cando Carolyn estaba sobre o escenario. De volta no estudo de gravación para o terceiro disco da muller, Fariña comeza a facer amizade cun rapaz que participa tocando a harmónica. Chámase Bob Dylan e coñéceo de vista, da White Horse Tavern. Para cando remata o traballo, ambos rapaces manteñen un forte vínculo afectivo.

Afán recolector de música folclórica

Dylan queda fascinado ante a figura de Richard Fariña. A súa procedencia permítelle recitar a Lorca con frecuencia e bailar ritmos latinos nas festas, amosa facilidade para achegarse ao blues, ao jazz e ao folk, tanto blanco como negro. Ten un afán recolector cara a música folclórica e tradicional dos Estados Unidos, tamén polos instrumentos tribais. Mentres o mundo rendíase a Buddy Holly, Fariña enxalzaba unha ópera baseada en Bertolt Brecht. A inspiración para Dylan é innegable e os testigos de primeira man confírmano ata o presente.

En 1961, Richard Fariña move uns cantos fíos e emprega o seu rol como membro activo do movemento contracultural para que Bob Dylan toque por primeira vez no icónico The Troubadour. Uns meses despois, marcha a Europa acompañando a Dylan e Joan Baez para unha gravación. Estando de visita en París, coñece á irmá menor de Baez, Mimi, de 17 anos. Logo dun proceso de divorcio sinxelo motivado por un novo amor, Mimi casa con Richard e adopta o apelido Fariña. Thomas Pynchon exerce como padriño. O matrimonio múdase a un apartamento en California e entréganse á producción musical. En 1965, publican os dous único álbumes existentes da parella: Celebrations for a Grey Day e Reflections in a Crystal Wind, considerado un dos máis influíntes para a Contracultura.

A escritura de Richard Fariña foi adscrita á corrente da canción protesta e, entre eles, destacaba como un talento inusual pola poética e a valentía, como en Reno Nevada ou Birmingham Sunday. Xunto a Mimi, actuou no Newport Folk Festival, onde Bob Dylan estourou como unha estrela.

O 30 de abril de 1966, Richard Fariña atopábase firmando exemplares da súa primeira novela, Been Down So Long It Looks Like Up to Me (Estiven tanto tempo abaixo que semella que estou arriba), que saíra ao mercado dous días antes. Reservara un libro que dedicou cun simple: "Este é para Mimi". Esa mesma tarde celebrarían o 21º aniversario da súa esposa cunha festa sorpresa. Un dos convidados chegou en motocicleta ao evento e movido pola curiosidade, Fariña pedíulle dar unha volta, pero como paquete e non conducindo.

No estrada do val de Carmel, nunha curva pechada con forma de S, o piloto perdeu o control e ambos saíron despedidos contra un valado de arame de espiño. Richard Fariña faleceu no acto, o outro home quedou ferido de gravidade. A Policía determinou que conducían a 150 kilómetros por hora nun tramo limitado a 50. A repentina morte do cantautor e escritor deixou conmocionada á comunidade cultural e á familia artística Baez-Dylan.

A novela de Fariña serviu para entender o verdadeiro rol do seu autor dentro do ecosistema: ser a ponte que conectaba o movemento Beat coa Contracultura hippie e protesta. Coa súa morte, marchou o único eslabón en si mesmo para ambas correntes artísticas. Pynchon encumbrou a narrativa do seu amigo como unha das mellores do seu tempo, especialmente en termos de valentía, humor e rupturismo, e Jim Morrison ou Hunter S. Thompson reivindicaron o seu valor, que chega ata os nosos días como un clásico de culto.

Richard Fariña xerou unha nova forma de Odiseo na súa única novela e acolleu nas súas follas o delirio psicodélico, sexual e político do seu tempo. Trátase dunha ficción de crecemento cara a idade adulta ambientada nun campus universitario, pero cun fondo picaresco e ecos á Revolución Cubana. Fariña presumía de participar no IRA nunha estancia en Irlanda con 18 anos e tamén de ter disparado ao lado de Fidel Castro en varias batallas, aínda que ambos episodios son falsos. Os seus amigos sempre aplaudiron a capacidade innata coa que alimentaba a súa propia lenda.

A pegada de Richard Fariña queda diluída en cada repaso á Contracultura e ese momento do século XX. Thomas Pynchon dedicoulle O arco iris de gravidade, que quedará para a posteridade. Joan Baez, pola súa parte, tivo sempre sinceridade ao falar do seu falecido cuñado. Preguntada sobre como sería a vida se non ocorrese o accidente, foi clara: "Se non morrera tan novo, tería sido moito máis difícil o éxito de Bob Dylan".

Comentarios