Inmensidade dende o íntimo

Cadro de Leopoldo Novoa. EP
Cadro de Leopoldo Novoa. EP
A coruñesa galería Moret Art amosa unha interesante mostra da obra máis íntima de Leopoldo Nóvoa. Artista inesquecible ao que é preciso volver cada certo tempo para entender a atemporalidade dunha obra chea de misterios e dunha forza que xorde da materia

Os que amamos a arte precisamos de cando en cando volver á obra de determinados artistas. Eternos nas súas posibilidades creativas e que sempre que te enfrontas a eles provocan un arreguizo que ao espectador lle devolve a confianza na arte e mesmo no ser humano.

Un destes nomes da nosa plástica é o do pontevedrés Leopoldo Nóvoa (Salcedo, Pontevedra; 1919-París, 2012) e cuxa obra, aínda pendente dun espazo que concrete a súa visibilidade permanente, de cando en cando emerxe dese universo das sombras e das cinzas no que o propio artista a quixo envolver dende o catárquico incendio do seu estudio parisino, no que en 1979 pereceron alrededor de dúas mil obras.

Esas sombras despéxanse durante unhas semanas grazas á iniciativa da coruñesa galería Moret Art, nunha cidade sempre próxima ao artista e onde fixo unha das súas obras máis monumentais, o mural de Santa Margarida. Curiosamente, ou non tanto, a ubicación no tecido urbano coruñés da galería Moret Art, a tan só uns poucos metros dese mural, permite un marabilloso e fértil diálogo entre esa obra de senso ciclópeo e un conxunto de pezas que traballan dende a súa dimensión o camiño inverso, o da intimidade, o do enfrontamento  co artista no acubillo do estudio onde sensacións, formas e materiais amoréanse nunhas pezas cheas de sensibilidade, mais tamén da contundencia que ten toda a súa obra con independencia do seu tamaño.

Daquela, en canto o visitante pasa uns instantes rodeados por esas obras xorde todo ese latexo magnético que posúe a plástica de Leopoldo Nóvoa. Tanto dá se falamos de metros e metros de parede ou dun pequeno cartón de pouco máis de vinte centímetros. A alma dun artista, a súa enorme dimensión, móvese nun mesmo rexistro, o da capacidade da arte para converterse nunha superficie de experimentación e de diálogo coa súa sociedade e co espectador. Percorremos coa nosa mirada esas superficies, nas que se integran diferentes materiais, na que se abren ocos, nas que se tensa a súa superficie e nas que a pegada do seu creador nos sitúa ante un desafío permanente coas posibilidades expresivas de quen tivo a forza necesaria para reiventar a súa arte tras o paso aniquilador do lume.

Dende entón as súas superficies achegáronse ás lapas, aos restos en forma de cinzas, a unha sensorialidade da superficie convertida nun territorio no que aunar destrución e poesía, unha maridaxe que levou a obra de Leopoldo Nóvoa unha cimeira plástica e a xerar un discurso que ten na memoria outro ingrediente que, como o lévedo na masa, outórgalle a dimensión precisa para fornecer ese impacto ante quen se pon fronte ás pezas que conforman a exposición ‘Añoranza del absoluto’, que podemos visitar ata o 16 de xaneiro. Obras inesgotables na súa contemplación, capaces sempre de sorprender, de levar ao espectador a habitar un tempo que semella contido no seu interior grazas a esa poética que o pecha todo, concedéndolle unha sorprendente unidade a eses elementos que forman parte do cadro, tanto os propios como os alleos, aqueles que repousan a súa superficie, experimentando unha sorte de sedimentación natural na que é o propio home e o seu tempo vivido son os que pasan a formar parte del.

 A achega da galería coruñesa conforma un espazo coidado na súa exposición, que amosa ese senso recollido dunha exposición que traballa nunha dimensión que permite entender mellor que coa obra de maior tamaño as posibilidades expresivas do pintor, capaz de condensar tanto en tan pouco, de suxerir toda unha serie de percepcións da realidade que provocan a nosa reflexión e estremecemento nun ámbito formal tan reducido. En definitiva, unha maneira de achegarnos ao misterio creativo dun dos nosos autores máis poderosos e cuxa obra segue a significarse como unha das máis sobranceiras da nosa plástica.

Falaba o tamén inesquecible Ramiro Fonte da solidaridade que o pintor acadaba coa súa «poética da cinza que manifestaba un lirismo subxectivo. Esa poética agora, a pequenas doses, reafirma a súa afouteza e fai desa solidaridade co ser humano o chanzo final dun compromiso artístico que segue a emocionar.