Opinión

Lixo branco do país

Antes de designar unha variante da música do país —ou country— dos Estados Unidos, hillbilly foi un xentilicio —despectivo— para os colonos dos Apalaches: de orixe escocesa, irlandesa e galesa; campesiños pobres os máis, xente das montañas. Eles trouxeran as músicas da herdanza gaélica: baladas, xigas e reels, que acompañaban con fiddle, tinwistle, frautas e mandolinas. Un día incorporaron un instrumento afroamericano —o banjo— e así, da conxunción das tradicións dos desfarrapados e dos escravos, naceron as formas radicais das músicas estadounidenses. Un deses hillbillies pagaríalle ao médico en 1946 un saco de millo por asistir o nacemento da súa cuarta filla, Dolly Rebecca Parton.
Dolly Parton
photo_camera Dolly Parton

ROBERT LEE Parton e Avie Lee Caroline Owens vivían nunha cabana dun único cuarto en Pittman Center, nas beiras do río Little Pigeon, nas Great Smoky Mountains. Despois de Dolly nacerían outras oito crianzas. Avie Lee animaba os meniños a buscarlle un pelouro ben grande para cociñar “unha sopa de pedras”. Dolly Parton emprega as palabras dirt poor (pobreza porca) para referenciar a súa infancia e fala de si propia como unha «white trash Hillbilly», o que vén ser «lixo branco montañés».

Dous libros e un podcast teñen revisado recentemente a posición central de Dolly Parton no imaxinario estadounidense. Por unha banda, unha autobiografía a partir das letras de 175 cancións, que asina a artista a catro mans co xornalista Robert K. Oermann e titulada Songteller: My Life in Lyrics (Chronicle Books LLC). Por outra, She Come by it Natural: Dolly Parton and the Women who Lived her Songs (Scribner), da profesora Sarah Smarsh, que incorpora perspectiva de clase e de xénero. Finalmente, os nove episodios de Jad Abumrad e Shima Oliaee (WNYC) baixo o epígrafe Dolly Parton’s America, que colleitaron un éxito notable xusto antes da pandemia.

"Con remendos nas miñas enaguas/ e buratos nos dous zapatos,/ co meu abrigo de moitas cores/ corría para a escola/ para atopar os outros a rir/ e a facer burla de min/ e do abrigo de moitas cores/ que a mamai coseu para min", escribe Dolly Parton en Coat of Many Colors (1968), un dos seus primeiros éxitos.

A medida que nacían cativos novos, eran asignados a un dos irmáns máis vellos, que se erguía de noite para consolalo ou mudarlle os cueiros


O cancioneiro de Parton é un romanceiro de vello, como as coplas que se lles mercaban aos cegos nas feiras. Nestas narrativas versificadas habitan o canto desesperado dunha muller recluída polo seu home nun psiquiátrico en Daddy Come and Get Me e a historia funesta de Down from Dover, protagonizada por unha moza preñada, expulsada da casa familiar e que paire unha nena morta en pobreza e soidade.

"Os motivos recorrentes das súas primeiras cancións, en particular, inclúen homes hipócritas violentos e mesmo asasinos; mulleres utilizadas, abandonadas e avergonzadas e nenos moribundos", explica Sarah Smarsh.

A cantante sería portada de PlayBoy en outubro de 1978. A revista fixéralle múltiples ofertas para espila, pero ela posou vestida de coelliña. Na entrevista interior, Parton relata que durmían tres e catro nenos na mesma cama e que nos duros invernos ata agradecía que os máis pequenos mexasen por si. Un intre de calor. A medida que nacían cativos novos, eran asignados a un dos irmáns máis vellos, que se erguía de noite para consolalo ou mudarlle os cueiros. Á Dolly de nove anos tocoulle encargarse do seu irmán Larry, que morrería os poucos días.

Á familia faltáballe case que de todo, mais zumegaba amor e enxeño. Dolly Parton, hoxe á cabeza dun emporio con cinco mil empregados exemplificado no parque temático de Dollywood (Tennessee), sostén que tirou o xen negociante do seu pai, un xornaleiro sen terras e analfabeto que foi quen de estirar os seus escasísimos recursos ata o infinito.

O talento de Dolly Parton levouna a ser unha estrela infantil de radio e televisión


Pola parte da nai chégalle a creatividade. A de Avie Lee era unha familia de soñadores. Non tiñan radio nin electricidade e as cancións eran o seu lecer. O tío Billy cómpralle á nena Dolly de 7 anos a primeira guitarra. De adolescente admiraría á cantautora Rose Maddox, filla de aparceiros de Alabama, pero o primeiro referente foi unha irmá da súa nai, a tía Dorothy Jo, que facía súas as melodías campesiñas da vella Europa.

O talento de Dolly Parton levouna a ser unha estrela infantil de radio e televisión. Ía e viña todos os días no autobús a Knoxville, despois da escola e das tarefas da casa. Aos 13 anos gravou o seu primeiro single, Puppy Love. Acompañouna a súa avoa nunha viaxe no coche de liña de trinta horas ata o estudo de Goldbank Records, en Lousiana.

Recén entrada na adolescencia, Dolly Parton conseguiu unha actuación no Grand Ole Opry, a gran cita semanal ao vivo en Nashville, a capital da música country. Alí coñeceu a Johnny Cash, quen a animou a perseguir os seus anceios.

Fíxolle caso. Xusto o día despois de rematar o instituto, a moza mudouse a Nashville. Compuxo para o selo Combine Publishing. Os seus temas, interpretados por Bill Phillips, Skeeter Davies, Kitty Wells ou Hank Williams Jr., convértense en éxitos nas listaxes. En 1966, con vinte anos por cumprir, grava o seu primeiro single de country como adulta. Non asina ela a composición de Dumb Blonde (Loura parva), senón un home: Curly Putman.

O talento de Dolly Parton levouna a ser unha estrela infantil de radio e televisión


Outro home, Porter Wagoner, marcará a vida profesional de Parton o seguinte lustro. Wagoner convídaa a colaborar no seu programa, The Porter Wagoner Show. Ela comprométese por cinco anos e coa data cumprida non sabe como despedirse. Ao cabo, sáelle unha canción: I Will Always Love you.

Na mesma tarde de 1973, unha soa muller, Dolly Parton, escribe I Will Always Love You, que despois repopularizaría Whitney Houston, e Jolene, un clásico imperecedeiro; a canción favorita de Nelson Mandela.

Dolly Parton tivo e ten a capacidade de erixirse en tótem da cultura popular dos Estados Unidos en seis décadas diferentes. Camiñou para que Taylor Swift puidese correr.

Sobre a súa persoa penden múltiples lendas rururbanas. Que se é parella da súa mellor amiga e asistente, Judy Ogle. Que se ten un fillo secreto con Burt Reynolds. E outro con Elvis Presley.
Polo que atinxe a Presley, el quixo cantar I Will Always Love you, mais Parton nunca lle deu luz verde. Tivo máis fortuna na negociación Kevin Costner, produtor de The Bodyguard (O escolta) en 1992. "Paroume o corazón cando escoitei por primeira vez na miña canción o vibrato de Whitney Houston". O verán pasado sóubose que a cantante de Tennessee investiu os (moitos) royalties que lle reportou a segunda mocidade do seu tema na gorxa de Houston nunha histórica barriada negra de Nashville.

O talento de Dolly Parton levouna a ser unha estrela infantil de radio e televisión


Nin Ogle nin Reynolds nin Presley. Dolly Parton leva casada 55 anos con Carl Thomas Dean, un señor de Nashville que ten unha empresa de pavimentados. Coñecéronse na lavandería Wishy Washy. Ela tiña 18 e el ía para vinte e un. Outra das lendas que circulan arredor de Parton é que o seu home, sempre alonxado dos focos, é imaxinario.

A cantante caeu desmaiada de dor no escenario en 1982, aos 36 anos. O diagnóstico, endometriose, e o tratamento, unha histerectomía. Talvez a experiencia de perder o pequeno Larry, o seu bebé, e o dó de asumir a imposibilidade de concibir conduciron a Dolly Parton nas súas escollas. A unidade maternoinfantil do hospital de Sevierville leva o seu nome pola contribución de 500.000 dólares realizada pola artista. A iniciativa Imagination Library leva distribuídos libros a máis dun millón de nenos en todo o mundo.

Parton é sabedora do trato que reciben colegas do country como as Dixie Chicks por posicionarse contra o Partido Republicano. Que manteña un perfil apartidario non significa que non haxa política no seu discurso. Por ela falan as cancións, o seu activismo ecoloxista e en favor dos dereitos LGTBI+ e, especialmente, das persoas trans. Tamén ten sido clara con movementos recentes como o #BlackLivesMatter e o #MeToo ou na campaña #FreeBritney, pola fin da tutela de Britney Spears polo seu pai.

A Dolly Parton, madriña de Miley Cyrus, débelle o mundo a serie de culto Buffy, cazavampiros, que ela produciu a finais dos 90 sen figurar nos créditos. Dolly Parton, madriña involuntaria da ovella Dolly —puxéronlle o nome porque as células nai para a clonación procedían dos tetos—, financiou con un millón de dólares o desenvolvemento da vacina de Moderna contra o coronavirus.

É autora de máis de tres mil cancións, que escribe nunha libreta amarela


É autora de máis de tres mil cancións, que escribe nunha libreta amarela. Toca vinte instrumentos e nunca aprendeu solfexo; grava cada fraseo novo, cada retrouso que se lle ocorre, en cassettes que merca en Ebay. Fala de si mesma como a "punk rocker orixinal".

Se en 1966 lle escribiron Dumb Blonde, en 2008 asina ela Backwoods Barbie. «Son unha Barbie do quinto carallo con suxeitador push up e tacóns./ Pode que semelle artificial, pero no que conta son real». Fala da súa roupa. As perrucas. As cirurxías estéticas. "Tiven que traballar cada cousa que teño. A miña non é unha beleza natural. Sería unha drag queen se non fose unha muller". E faino desde a autoparodia: "Cando todo falle, fai un chiste de tetas". Dolly Parton hai moito tempo que transcendeu as babecadas sobre louras parvas: "Sei que non son parva. Tamén sei que non son loura".

Dolly Parton's Heartstrings
Dolly Parton fixo a súa primeira incursión no cinema en 1980 na aclamada ‘9 to 5’, para a que tamén compuxo a banda sonora. En 1980 coprotagonizaría con Burt Reynolds ‘The Best Little Whorehouse in Texas’. Tamén lle daría a réplica a Sylvester Stallone en Rhinestone (1984) e integraría o reparto coral de Magnolias de acero (1989). Máis recentemente e xa na pequena pantalla, apareceu como estrela convidada na exitosa serie infantil Hannah Montana (2006-2011), onde encarnaba á tía de Miley Cyrus, a súa afillada na vida real. En vésperas da pandemia covídica chegou a Netflix Acordes do corazón, unha produción de Warner Bros de oito episodios que leva á narración audiovisual os relatos capturados en cancións tan coñecidas como Jolene, Down from Dover, These Old Bones ou Sugar Hill.

 

Comentarios