Lola viu cascudas no seu piso
Despis enmarca o rostro cos dedos, toma o aire que lle vai faltando e inunda os ollos nun pánico absoluto: non sei se é a miña veciña ou o cadro este de Munch. Pero non estamos nunha pasarela do Oslo expresionista nin ando eu de secundario tal un deses señores borrosos e con sombreiro; isto é o segundo andar do edificio que foi bo en tempos, diante dos felpudos e cas chaves na man. A luz resesa dos fluorescentes pégase nas paredes mal repintadas.
—Teñen que entrar por aquí, pola porta! Algunha xa vin polo corredor, porque tal como está todo porcón e mexado pola cadela dos que se meteron aí en fronte —e fai un xesto de picarse a vea movendo a cabeza cara o 2ºG, onde o narcopiso— pois non me estrañaría, ca de xentalla que meten dentro. E nun dúplex como os nosos!
Lola puxo varias trampas, repelentes e herbas á entrada, que agora colleu un aire de altar deses espontáneos que cando xa dan vergonza o retiraran os do lixo a ninguén lle parece mal. Vaimas sinalando: unhas caixiñas negras, plásticas e baixas que lembran ás minas antipersoa; outras son un diminuto cubo de papel tal cal che poñen a droga nos festivais (esa broma afórrolla a Lola). Hai uns cercos como de escuma, de dous ou tres sprays diferentes (tamén diante da miña porta, nun xesto entre preventivo e solidario, porque me quere ben, e agradézolle a molestia e mais o dispendio) e todo ten un aspecto francamente noxento, entre o ritual vudú e o camerino de Luar cando o deixa unha estrela xa apagada que tivo o seu momento na Oti ou Operación Triunfo.
Ábrese o ascensor: é a vicepresidenta da comunidade, que sube de pasear ao can. Ela é unha señora estupenda do meu tempo, fina e determinada, e o can un setter irlandés ben aprendido, que vai sen correa e pasa de garatuxas. Aquí o ascensor, recordatorio doutros tempos no material e simbólico, só parece ser usado polos propietarios: polas escaleiras só imos eu, un italiano deportista e guapísimo e mais a xente que vai e vén do narcopiso. Ás veces aparece a nai, outra señora inda más estupenda e fina, cunha melena gris espectacular xeito Chus Pato, visitala a ela e mais ao setter; e entre que me ve subir a pé e levo un chándal (deses de táctel e cores imposibles, tanto de rapazada e señores que queremos ser rapazada) queda algo co susto por se non serei eu o veciño ionqui.
-Lola, (e suspira a mandataria como cando lle repites o mesmo a un neno cento unha veces) nese piso non se pode fumigar sen orde xudicial. Os do 2ºF téñenos porta con porta, imaxina. Ningún de nós estamos contentos ca situación, as cascudas son desagradables para todos.
Eu asinto por cortesía: si, si, inaceptable todo, si, si, que noxo as cascudas e que pouco xeito todo. Entón por darlle dramatismo a veciña lévanos de tour ao outro extremo para amosarnos unha morta, que ninguén tocou e miran de lonxe: era cativa de todo, nin unha unlla mediría, e marrón case translúcida. Debéuseme notar na cara a decepción: eu imaxinaba desas grandes e negras, de peli de Ken Loach, de drama, que fan ata ruído subindo nas paredes.
—Pois disto xa o falamos o presidente e mais eu. O equipo de limpeza non está a facer o seu traballo. Imos xestionar o seu despido procedente. Xa temos xente de man.
Porque claro, aquí neste edificio todos os que non son ionquis ou italianos guapos coñecen a policías, concelleiros, avogados e xente influínte, pero curiosamente nunca dan feito nada e a merda cómeos igual.
Coas da limpeza coincido moito, cedo cando elas traballan e eu salgo con présa. Son dúas irmás, levan no edificio vinte anos e parrafean contigo canto lles deixes. A súa conversa favorita son os tempos pasados, cando a comunidade era, din, doutro nivel. Agora teñen que limpar cousas inverosímiles mentres o edificio vai vello, roto e húmido; e pretenderán que fagan milagres cunha fregona e un pano dous días á semana.
Do 2ºG remexen as chaves dende dentro, abren e marcha o residente co seu patinete eléctrico. Irá de reparto; xa non veñen tanto ao piso, agora descentralizaron nos bares próximos. Leva casco e chaleco reflector porque tampouco se pode desobedecer tanto á lei. Nós paramos de falar un intre mentes pasa. Eu normalmente saúdoo —el non devolve—; pero desta, paso. Pódeme a presión grupal.
