Opinión

Mellor arder

Neil Young é un dos compositores máis importantes da historia do rock. Ecoloxista, independente, transgresor. Fixo parte de Buffalo Springfield e Crosby, Stills & Nash. Foi abandeirado do pacifismo e o movemento hippy. Coñeceu a dor e a gloria. Continúa xirando, rexistrando obsesivamente toda a súa obra para goce do resto. 13 discos dende 2016 dan fe de alguén que nunca desertou do rock

1978


NEIL YOUNG xa está no cumio e regresa coa súa emblemática banda de acompañamento (Crazy Horse) a Los Ángeles, para tocaren no Forum. No horizonte, unha inmensa columna de fume, víase a quilómetros de distancia. A radio daba conta do suceso. Logo de tocaren sóubose que ardera fora a casa do músico en Malibú.

O roqueiro canadiano (Toronto, 1945) continúa ardendo, aos seus 65 anos, combatendo a lenda negra do seu propio verso, contido na canción que máis veces interpretou en directo, «Hey hey, My, my: mellor arder que apagarse aos poucos». A polémica frase foi encontrada nunha nota manuscrita por Kurt Cobain, o cantante de Nirvana, logo do seu suicidio, en 1994. Pero no 79, ano de publicación do disco Rust Never Dies, o verso de Young viuse como unha reivindicación da autodestrución, simbolizada na morte de Elvis. Este feito cadraba no tempo —ao xeito dun facho incombustíbel que viaxa de man en man— co auxe do punk nihilista dos Sex Pistols.
Cómpre ler as propias palabras de Young ao respecto: «Sei que non fago máis ca escribir e falar sobre persoas que xa morreron. Gústame vivir. Non quero morrer até dentro de moito porque aínda non estou preparado. Supoño que se pensase que vou morrer, prepararíame, se tivese tempo para iso, pero non estou seguro. Hai quen cre que non é bo pensar niso. Envexo a capacidade de control que teñen sobre os seus pensamentos».

1963


Os coches das funerarias, coa excepción do Papa Móbil, non teñen parangón no mercado automobilístico: adáptanse perfectamente ás necesidades do pasaxeiro. Iso foi o que razoou con lucidez aquel rapaz de 18 anos na foto que acompañaba o anuncio do xornal de Winnipeg, capital da provincia de Manitoba (Canadá). Na ampla parte traseira aquel vehículo, xa libre de cadáveres, podería transportar todos os instrumentos do seu grupo, The Squires, e seren extraídos facilmente. Só terían que tirar da padiola e baixalos. Logo, el mesmo podería durmir alí á volta dos concertos. Dito e feito. Nese mesmo coche deciden probar sorte en Toronto e parten cara aló. Ao pouco, a pompa fúnebre avariouse nun punto do camiño. Esgotaron o diñeiro, alimentándose de patacas asadas do mercado.

Neil Young constitúe un caso peculiar. Cando se amarra á guitarra a súa aura e o seu carisma vólvense sólidos. The Squires foi o primeiro grupo co que de verdade Neil Young comezou a soar nos anos 60. Tocaban en bailes de colexio, na igrexa, nos clubs da comunidade e mesmo nalgún combate de loita libre.

No Village de Yorkville, en Toronto, a cousa cobra forma. Alí coñece a Joni Mitchell e frecuenta o circuíto do folk. Tenta algunha audición en New York, pero mándano de volta a Canadá, proba a marihuana, tamén chocolate e anfetaminas, todo regado en alcohol. Enrólase nos Minah Byrds e aplícase ao rock. Escoitan o Ticket to ride dos Beatles, e ve en directo a Brownie McGhee ou Don McLean —o autor da fermosísima canción Vincent, adicada a Van Gogh, antes de triunfar con American Pie—. Axiña cruzará a fronteira ilegalmente en dirección a Los Ángeles... A lúa e o bosque son dous elementos centrais no imaxinario pagán de Young. Pureza, aventura e espiritualidade. Noites interminábeis no mítico Whisky a Go Go; festas e sexo na cabana de Topanga, un dos distritos de referencia do movemento hippy en Los Ángeles e lugar de encontro de artistas, actrices e actores rebeldes e todo tipo de personaxes. Unha noite lévano detido con Clapton por posesión de drogas nunha redada. Neil Young estaba deitado na cama, totalemente colocado, soñando cunha casa en Hawaai, e o encontro da paz e o equilibrio. O seu amigo Stephen Stills escapara minutos antes voando pola fiestra.

No 69 inicia o camiño con Crazy Horse e cadra cun tal Charlie unha noite na casa dun amigo común: vai rodeado de xente moi rara, pero toca cancións interesantes

Coñece o éxito fugaz con Buffalo Springfield, ás portas do 68. No 69 inicia o camiño con Crazy Horse e cadra cun tal Charlie unha noite na casa dun amigo común: vai rodeado de xente moi rara, pero toca cancións interesantes. Días despois, recoñece a súa cara no xornal. É Charles Manson, o asasino de Sharon Tate, actriz e parella de Polanski. Young desembarca no 70 en Woodstock con Crosby, Stills & Nash, a onde chega con Hendrix na parte de atrás dunha camioneta. El, defensor a ultranza da entrega case relixiosa e do respecto reverencial ao feito musical, recoñeceu con gravidade e humor o desastre desas comparecencias: “En Woodstock estabamos drogadísimos, sen respectármonos e en Altamont... a seguridade correu a cargo dos Hells Angels e só houbo un homicidio durante o concerto.

Os discos en solitario de Young axiña o catapultan ao éxito nos 70. Sucédense After The Gold Rush (1970) e Harvest (1972), discos con raizame folk influídos aínda pola psicodelia tóxica do chamado rock californiano, pero tamén por cantautores como Bert Jansch, Dylan ou grupos como Danny and The Memories. Coa actriz Carrie Snodgress ten un fillo, Zeke, que nace con parálise cerebral. Neil Young instálase nun rancho en California, onde vive até agora, alternando as estadías en Hawaai. O capataz da finca, Louis Ávila, preguntoulle como un rapaz tan novo podía mercar aquela propiedade. Inspirado nel, escribiu pouco despois a fermosa Old Man. Coñece a súa futura muller nun café, Pegy Young. Con ela terá dúas crianzas máis: Ben, que nace con parálise cerebral e Amber, que padece epilepsia. As crises e a convulsa vida sentimental cadrarán no final da década con acusacións da súa discográfica por «facer discos impropios de Neil Young». Entre tanta información, un apunte aventurado: cómpre escoitar o disco Harvest Moon (1992) con atención. A canción do mesmo nome fala dunha afiada percepción do mundo e do feito poético, a evocación sensíbel e despoxada dun xenio do rock. No 95 entra na Crazy Horse un fillo de emigrados galegos, Poncho Sampedro, con orixes en Ribeira (A Coruña).

2013


O Lincvolt Continental sen capota do 59 é un dos coches más grandes xamais fabricados. Coas modificacións ideadas por Neil Young —acérrimo ecoloxista—, o vehículo mide seis metros de largo e pesa case tres toneladas. Vai suave como a seda, é silencioso e conta con quilometraxe ilimitada grazas ao seu xerador a base de etanol, logo de varios anos de experimentación e fracasos, con outro enorme incendio incluído. No ano seguinte divorciarase da súa muller de toda a vida, iniciando unha relación coa actriz Daryl Hannah, con quen casou en 2018. Os coches son unha das paixóns confesas do artista, que ademais de coleccionalos desenvolveu unha carreira empresarial de importancia como fabricante de trens en miniatura. Ademais, obsesionado pola pureza do son e a calidade da música, tentou promover un ambicioso proxecto, PONO (PureTone) —tamén malogrado—, unha plataforma na que poder difundir a música cunha altísima calidade. Ten manifestado a súa oposición ás redes sociais, Facebook e Google, e afirma que Spotify só conserva un 15% da calidade de son das cancións. En 2020 reprendeu duramente a Trump por usar a súa música e prohibiullo. Anos antes, presentara Living with War (2006), segundo el «música protesta de metal folk», tendencia que xa o puxera en contacto con Pearl Jam ou Foo Fighters, grupos a quen reivindica. Young é lirismo íntimo, pero tamén é distorsión, longas improvisacións á guitarra e trémolo. Volve xirar con Crosby, Stills & Nash malia non acudir ao seu ingreso no Salón da Fama do Rock and Roll, un ano antes. No 89 Young xa publicara o álbum Freedom, crítico tamén con Reagan e Bush pai. Un dato: publicou 13 discos dende 2016, malia a seca creativa froito de deixar a marihuana en 2011, como el mesmo afirma.

Talvez a conciencia dende neno do fráxil da nosa vida —co padecemento da enfermidade de seus fillos— o levase a ter unha actividade tan prolífica

1950


O neno viu no corredor da casa o médico, vestido de negro. Despois levárono ao hospital, apenas podía camiñar, non sabía o que pasaba. Logo todo é confuso: a mesa metálica e aquela agulla enorme. Ao pouco de volver do hospital e recuperarse daquela punción lumbar para tratar a polio, pregúntalle a seu irmán se xa está morto. Aínda non, pero sufrirá o sarampelo e, anos máis tarde, a epilepsia e un aneurisma. Talvez a conciencia dende neno do fráxil da nosa vida —co padecemento da enfermidade de seus fillos— o levase a ter unha actividade tan prolífica: paralelamente á música, desenvolveu unha irregular, pero divertida traxectoria fílmica no eido do documental e o cine experimental. Jonatham Demme, director do Silencio dos cordeiros e falecido en 2017, foi o seu colaborador e autor de dous documentais memorábeis sobre Neil Young: Heart of Gold e Journeys.

 A xente esquece axiña de que vai o rock and roll. E vai de Little Richard cun traxe dourado subido a un escenario, petando no piano confiado, como cego a mexar. O rock non é algo sosegado nin tranquilo, non ten que ver co diñeiro nin con nada. Ten que ver co vento, a chuvia ou o lume. O rock é un elemento. A rapazada aos 14 anos non pensa, sinte. Pero ese lume queima. Até os mellores acaban queimados porque non poden aturar esa carga. Fanse maiores, deliran, esquecen o tempo da xuventude, vólvense calculadores, responsábeis. Ou tes o rock ou non o tes. Non se pode ter todo.
O lume.

Non se pode asustar o cabalo. É algo fundamental para un paseo triunfal. Porque o cabalo volve á corte se se lle asusta e, aínda que siga habendo música, non terá a maxia propia do cabalo. Os paseos a cabalo non teñen destino. O cabalo e a musa son bos amigos. O cabalo ten unha fame voraz. Fuxe do truco e o artificio. Pace cancións sentidas que non teñen nada de espectacular. O cabalo non ten nome, pero está louco. Salvaxe, pero nobre.

Rust Never Sleeps
Logo de escoitar Harvest Moon (1992) ou o rescatado Homegrown (2020), convén achegarse a Rust Never Sleeps que fala da súa comuñón musical coa súa banda imprescindíbel, os Crazy Horse. Cancións como My My, Hey Hey, Welfare Mothers ou Powderfinger dan medida da altura compositiva dun xenio irreverente en constante evolución.

 

Comentarios