Blog | El Ojo Público

Monty Phyton, a revolución pop da comedia

Na BBC de 1969, todo sketch de comedia debía acabar cun chiste final. Era unha norma non escrita, pero establecida como tradición e código irrompible entre cómico e espectador, para marcar os momentos cumio onde este debía rirse, coller aire e abordar o seguinte sketch coa respiración suficiente.

OS MONTY Python —aínda sen nome; referíanse ao proxecto como O Programa dos Cinco— aceptaron a oferta da BBC en abril do 69 para realizar unha serie de trece capítulos, aínda sen unha idea clara do que ían facer. "Foi como recibir unha invitación a un prado florido no que nunca estiveches, un prado no que nunca estivo ninguén", resume John Cleese. Cando empezaron a escribir os guións do novo programa, unha das primeiras decisións foi desfacerse dos chistes de remate. O realizador levou as mans á cabeza: "Como vai acabar un sketch se non pode dar entrada aos aplausos do público?" Graham Chapman contestou: "O público non nos preocupa especialmente. Que se apañen como poidan". Así naceu o Monty Python’s Flying Circus, un programa que cambiou a historia da comedia en televisión, e por que non dicilo, da propia televisión.

A editorial Libros del Kultrum vén de publicar Monty Python. Autobiografía, con entrevistas e confesións de Terry Jones (1942-2020), John Cleese (1939), Michael Palin (1943), Eric Idle (1943) e Terry Gilliam (1940). As citas de Graham Chapman (1941-1989) aparecen reflectidas a través de recordos dos seus familiares e o seu mozo, e de textos escritos en diarios persoais antes de morrer. Bob McCabe, xornalista e crítico de cinema, reuniuse con eles e elaborou, en 2005, unha extensa cronoloxía da historia dos Python a través dos seus recordos —e ausencias—, e publicouno como un diálogo continuo acompañado de numerosas fotografías inéditas e segredos inconfesables da banda. Porque a historia dos Python é moi parecida á dos grupos de rock and roll da época, coas súas discusións no camerino, diferenzas de opinión respecto ao estilo que debían seguir, e litros de alcol. 16 anos máis tarde, Libros del Kultrum traduciu esta biblia sobre os Monty Python; a máis completa sobre o grupo que revolucionou a comedia como ningún outro. 

Cinco dos seis integrantes dos Python —excepto Terry Gilliam— naceron nunha Gran Bretaña en guerra. Sufriron a escaseza do racionamento e unha educación, entre internados e colexios estritos, ríxida e moi pouco creativa. O normal en toda a Europa dos anos 40. Pero o que lles cambiou a vida foi a poderosa influencia da radio dos 50 e, posteriormente, a televisión de principios dos anos 60. A autoridade e os tabús establecidos e inamovibles das décadas anteriores cuestionábanse abertamente en programas como The Goon Show e Beyond The Fringe. "O ton era distinto ao da comedia que escoitara durante a miña infancia, que era máis ben amable, caseiro e xovial. Os Goons tiñan o seu punto absurdo e surrealista, pero Beyond The Fringe pasaba directamente ao ataque": Así describe Eric Idle o impacto dos novos cómicos británicos xurdidos despois da Segunda Guerra Mundial.

Na universidade empezan a escribir números de variedades e a actuar en pequenos teatros mentres estudan. Ninguén valora nin remotamente que aquelo poida ser o principio dunha profesión no mundo do espectáculo


Nos Python británicos, esa necesidade de desfacerse dos corpiños impostos polo consenso de postguerra desatouse cando chegaron á universidade. Terry Jones e Michael Palin, a Oxford; e John Cleese, Eric Idle e Graham Chapman, a Cambridge. Alí empezan a escribir números de variedades e a actuar en pequenos teatros mentres estudan. Ninguén valora nin remotamente que aquelo poida ser o principio dunha profesión no mundo do espectáculo. Con todo, ao saír da universidade continúan grazas á expansión televisiva que estaba a ocorrer en Gran Bretaña. "Naquela época a comedia invadírao todo, incluso os programas de música pop; para os que, en lugar de convidar a moitos grupos preferían contar con presentadores graciosos que comentasen a xogada". A BBC estaba famenta de talento novo, e alí desembarcaron os Python en distintos programas da cadea. A admiración mutua fixo que se xuntasen para un proxecto sen nome e sen concepto claro. Aos cinco uníuselles Terry Gilliam, americano. "Creamos unha comuna de guionistas. Os guionistas tiñamos a última palabra, e iso era excepcional. Non había produtores, directores nin ningunha autoridade que nos dixese o que tiñamos que facer. Non había apenas organización ou xerarquía; eramos os creadores absolutos".

A primeira tempada de Flying Circus non foi un éxito instantáneo. A BBC non tiña claro o produto que tiñan entre mans e cambiaba constantemente a hora de emisión. Cando se estabilizou nos domingos pola noite, conectou pronto cun público moi fiel e moi militante disposto a seguirlles onde fose. Os Python intuían esa masa de fieis, pero no mundo analóxico era difícil saber exactamente cal era o perfil do espectador.

No descanso entre tempada e tempada, iniciaron unha xira teatral por todo o país, e aí naceu a necesidade de fundar a Python Productions. O espectáculo consistía nunha recompilación de sketches, algúns xa emitidos e outros descartados nas reunións previas á gravación. Aí déronse conta de que a comedia era moi parecida ao rock and roll. "Ao principio pensabamos que o público preferiría guións novos, pero era máis ben ao contrario. Cando máis familiar lles resultaba, máis rían". Era o inicio dos Monty Python como fenómeno popular. Xa non era que a crítica televisiva encomiase os seus programas desde os xornais. Comprobaron, cos seus propios ollos, que Gran Bretaña estaba entusiasmada cos seus grandes éxitos. Pero a Python Productions non quedou aí.

O alcoholismo de Graham empezou a ser un problema. O resto dos Python trataban de minimizar os conflitos e as inconveniencias das bebedeiras de Graham

Pronto publicaron unha serie de libros e discos, con material diferente para explorar cada formato, ás veces con contido reciclado de sketches, e outras con cancións. Durante a xira, apareceu a primeira luz de alarma no grupo. "Graham bebeu tanto que apenas aguantaba dereito ata o final das actuacións". John, o Python máis próximo a Graham, chamoulle a atención en público. A partir de entón, o alcoholismo de Graham empezou a ser un problema. O resto dos Python trataban de minimizar os conflitos e as inconveniencias das bebedeiras de Graham. "Lembro unha vez que filmamos unha secuencia para Flying Circus e Graham foi incapaz de actuar, nin sequera alcanzou a dicir dúas frases seguidas. Noutra ocasión, durante a terceira tempada, tivemos que descartar un sketch porque Graham non puido acabalo". Empezaron a detectar patróns de conduta, e concentraban o traballo de Graham nas sesións da mañá. Despois de xantar, o traballo volvíase insoportable. "Canto máis avanzaba o alcoholismo de Graham, menos ganas tiñamos os demais de traballar con el".

No medio desta lea, John anunciou que abandonaba os Python na cuarta tempada. A idea primitiva desa comuna de guionistas que poñía en común as súas mellores ideas para o ben do grupo derrubábase. Os Python, xa sen John e despois dunha votación rifada, accederon a dar unha serie de espectáculos no Drury Lane, o teatro máis antigo e señorial de Londres. Entre o público estaban Mick Jagger e Elton John. Michael Palin escribe no seu diario: "Toca volver ao West End, renunciar ao público popular que nos esperaba no Rainbow para optar a outro, ao que está disposto a pagar dous libras con cincuenta a boa butaca de platea ou de primeiro piso para ver un espectáculo zurcido con guións acarunchados, algúns dos cales xa representamos no West  End. Que foi de Monty Python, o grupo innovador?".

Comezaba a nova era dos Python. Admirados polos Beatles e seguidos por todas as estrelas do Swinging London. Aproveitaron o impulso para financiar proxectos máis ambiciosos. Entre eles, a realización de películas, onde entraron Pink Floyd, Led Zeppelin e George Harrison como productores. "Eu xa decidira deixar o programa de televisión, pero sumeime ao proxecto de Os cabaleiros da mesa cadrada sen pensalo". John volvía á súa casa. 

Os Monty Python naceron como grupo cómico de variedades en Oxford e Cambridge, e adaptáronse aos distintos medios que atopaban no seu camiño. O seu legado é indescritible e sitúa á comedia nun lugar preeminente no que poucas veces está. "George Harrison sempre pensou que os Python herdaramos o espírito dos Beatles e que ese espírito se mantivo con vida grazas a que nós empezamos o mesmo ano en que o seu grupo se disolveu. George estaba convencido de que nalgún momento se produciu unha transmisión de esencia espiritual".

Comentarios