Monumento

Fernando Pessoa, á dereita, xunto a Costa Brochado no Café Martinho da Arcada /EFE
Fernando Pessoa, á dereita, xunto a Costa Brochado no Café Martinho da Arcada /EFE

EXISTE un tópico sobre a literatura portuguesa destes que é gracioso porque —con todos os nosos respectos a Miguel Torga, Saramago, Lobo Antunes e, sobre todo, a miña adorada Sophia de Mello Breyner— é certo: que os catro mellores escritores do seu século XX son Alberto Caeiro, Ricardo Reis, Álvaro de Campos e Bernardo Soares —escollan a orde que desexen—... e todos, como é ben sabido, eran a mesma persoa de carne e óso, o inmenso Fernando Pessoa, que segue a saudar sentado no centro de Lisboa, a uns pasos das varias e magníficas librarías do Chiado, lugar de peregrinación imprescindíbel para os feridos polas letras.

Hai case que un lustro saíu en inglés unha xigantesca biografía de Pessoa debida á pluma de Richard Zenith. Os fanáticos do mellor poeta do século XX –escusen a provocación– lanzámonos sobre ela como voitres e cumpriu todas as nosas expectativas. O traballo adquiriu unha relevancia tan xusta como, na nosa opinión, pouco agardada cando acadou o posto de finalista no Premio Pulitzer de Biografía de 2022 —debeu gañar, con todos os respectos ao libro sobre o racismo dos 60 no sur de Estados Unidos que se fixo co galardón—. Apareceu hai unhas semanas en castelán, grazas aos esforzos que adoita facer Acantilado para agasallarnos aos lectores cunha obra especial cada vez que se achega o Nadal.

Non se me ocorre ninguén máis preparado para a hercúlea tarefa ca o profesor Zenith. Encargado hai moito da edición fundamental das obras de Pessoa para o selo portugués Assirio & Alvim, é recoñecido coma o meirande especialista vivo no autor e, ademais, é un investigador exhaustivo, xeneroso e aberto de mente, algo que este crítico puido comprobar de primeira man en debates sobre a mesma obra que poucos autores estarían dispostos a debater.
A biografía escrita por Zenith situase dende xa no parnaso das biografías de escritores, con punto de partida na Dr. Johnson por Boswell e miliarios fundamentais no século XX como a de Joyce por Ellmann ou a de Dostoievski por Frank. A súa monumentalidade e atención ao detalle quedan testemuñadas polas case que 1.500 páxinas da edición española —magnificamente traducida por Ignacio Vidal-Folch—. Para alixeiralas, Zenith optou por capítulos curtos, acertada elección se temos en conta a densidade da materia.

Non esquiva o autor ningunha das cuestións polémicas que rodean a un Pessoa tan atractivo como escuro: a súa posíbel homosexualidade e a súa relación coas mulleres, especialmente relevante polo retrato de Ofelia ao final da obra; o seu gusto pola cartomancia e os horóscopos —desconcertante e que provocou en min a única gana de pasar páxinas a fume de carozo—; a orixe dos seus heterónimos; os seus continuos problemas económicos e, durante moito tempo, co alcohol; ou a complexidade das súas relacións familiares. Todo se describe con detalle, sen caer no sensacionalismo, con precisión cirúrxica pero sen renunciar á devoción que un biógrafo ten que ter para acometer tal proxecto.

E tamén hai poemas e crítica literaria, por suposto. A obra de Pessoa queda especialmente ben enmarcada nas tendencias estéticas da vangarda portuguesa e na relación con artistas menos coñecidos en España coma Sa-Carneiro ou Almada Negreiros. O proceso de nacemento e creatividade dos heterónimos relátase con perspectiva, en especial no caso de Alberto Caeiro e Álvaro de Campos na nosa opinión. O resultado final é unha obra imprescindíbel non só para os amantes de Pessoa ou historiadores da literatura, senón para calquera persoa culta e interesada nas letras do país irmán.