Obra plástica de Francisco Miguel
OTEMPO non foi excesivamente xeneroso coa figura de Francisco Miguel, o pintor asasinado pola barbarie guerracivilista dos sublevados contra a legalidade e que deixaron os seus restos nunha foxa común, no cemiterio de Bértoa en Carballo. Alí quedaron esquecidos os seus ósos e a súa dignidade ata que o 21 de setembro de 2023, grazas ao traballo da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, recuperáronse eses restos xunto cos de tres asasinados máis polo fascismo o 28 de setembro de 1936. Mais tamén a súa obra non tivo ao longo do tempo o recoñecemento polo interese que ten como definidora dunha plástica de vangarda que, especialmente, na contorna da Coruña, tivo un forte impacto, abrindo vías de imaxinación de carácter metafísico e surrealista que tanta importancia tiveron en autores como Urbano Lugrís e cuxa obra se podería comezar a explicar a partir deste facer máis descoñecido.
O seu traballo quedou daquela esquecido, sen análises artísticas, sen publicacións sobre unhas obras que desenvolveu entre A Coruña e a súa estadía en México, entre 1926 e 1933, e que se limita dende o creativo, aparte de pequenas publicacións, a un único catálogo, o realizado en 1999 por Blanca Garduño para o Museo Casa Estudio Diego Rivera e Frida Kahlo en México pertencente a unha exposición que posteriormente se amosou en Madrid e na Coruña. De aí a importancia deste libro, publicado por Laiovento, no que Carlos L. Bernárdez, baixo o título de ‘Intelixencia e creación. A obra plástica de Francisco Miguel’, afronta a máis que necesaria recuperación e revisión polo seu percurso artístico que comezara a finais da década dos anos 10, como parte do grupo da Revista Alfar para, despois dunha estancia en París en 1923, achegarse e prosperar no territorio das vangardas artísticas daquel momento tan bulideiro na arte e do que foi correa de transmisión para o contexto galego.
O interese polas culturas primitivas, o seu coñecemento da técnica do Batik, as achegas cubistas, o traballo cos obxectos, as naturezas mortas e a relación con ese momento de volta á orde a través da teorización de Franz Roh e o seu ‘Realismo mágico. Postimpresionismo’, de 1925, convertéronse nun vieiro polo que transitar con seguridade ao longo do seu tempo artístico e de vida.
O regreso a Coruña, a súa casa de Cambre, tempo de felicidade xunto a xa súa muller, Syra Alonso (imprescindible para saber a realidade dos feitos que coñecemos a través do seu ‘Diarios’ que vén de ser felizmente reeditado por Alvarellos), foi tamén tempo de creación e de exposicións, de colaboracións con revistas de vangarda, como Ronsel, e un nome que se facía e que se vencellaba coa creatividade galega do momento para un pintor ao que lle preocupaba o «equilibrio entre a expresión e a forma». Francisco Miguel e Syra, co seu primeiro fillo, marcharán nunha primeira etapa a Cuba, uns poucos meses que lle serven para facer unha exposición e entrar en contacto con Alejo Carpentier, ao que chega a retratar, para rematar en México, onde se instalarán na súa capital e forman parte do grupo da Revista Contemporáneos, xunto a xente tan interesante e relevante como os poetas Salvador Novo e Xavier Villaurrutia, ou o tamén pintor español, Gabriel García Maroto. Debuxa, pinta e escribe sobre arte. Entra en contacto con Siqueiros e a súa obra definirase pola liña e, neste caso, por un interese polo primitivismo das formas e das culturas. Retratos e paisaxes forman parte desa identidade mexicana, dentro dunha liña de traballo que desenvolverá xunto a esas pezas máis coñecidas da súa obra nas que paisaxes mariñas (como a que ilustra a edición en castelán de ‘Os libros arden mal’ de Manuel Rivas) e obxectos ou elementos da natureza, como cunchas ou buguinas, crean una nova visión da realidade que se achega a ese realismo máxico que dende o real propón un estrañamento desas compoñentes que, en común, xeran unha turbadora atmosfera que tamén se tensiona entre interiores e exteriores e o primitivismo pictórico de momentos como o primeiro Renacemento italiano.
En 1933 os acontecementos se suceden. Unha infidelidade pola súa banda fai que o matrimonio, canda os seus tres fillos, regresen. Primeiro Madrid e logo A Coruña, onde xunto o seu bo amigo Luis Huici, converterase nun sinalado para ter ambos un destino común, o dunha morte cruel que levou a súa viúva a ese sufrimento que nos conta no seu ‘Diarios’ e que fará que regrese anos despois da súa morte, en canto tivo os recursos precisos, a México.