A necesidade de pasar a outra cousa
EL ODIO, a crónica na que Luisgé Martín trata de convencerse de que atopará humanidade na carne de José Bretón, o asasino cruel dos seus propios fillos, deixoume o estómago revolto e a cabeza en centrifugado emocional. Confesáballes a semana pasada o meu arrepentimento de telo lido, así que non volverei sobre esa obra.
Necesitaba ocupar o ánimo con outra literatura. Milena Busquets tamén ten dous fillos e tamén vive no caos, pero non os asasinou. En También esto pasará son dous adolescentes e en La dulce existencia teñen dez anos máis. Este segundo libro é unha consecuencia do anterior, ambos están en Anagrama. Conta a rodaxe dunha película baseada no primeiro.
Busquets desdebuxa a liña entre a realidade e a fantasía nesas obras. Usa a lixeireza e a instrascendencia, e de cando en vez baixa ao pozo da dor para retomar voo. Luisgé Martín non puido permitirse facelo porque manipula material explosivo. Por isto El odio é unha lectura macabra, porque todo é certo; mesmo diría que cando o autor fantasea con matar inimigos. Prometínlles non volver falarlles dese libros e, en dous parágrafos, xa estou facendo. Foi un golpe que me tivo confuso durante varios días.
A escritora barcelonesa ten outro ton, unha elegancia que lle falta ao autor madrileño. Milena, a escritora e a personaxe, tropeza e se equivoca, e búrlase tanto da escritora como da personaxe. Non hai unha maior mostra de humanidade que usarse como corpo para enxendrar a parodia. Annie Ernaux afirma en Diario del afuera (Cabaret Voltaire, 2024) que hai un goce en "ver todo aquilo do que se carece e ter dereito a rirse delo, a apropialo mediante a palabra e a mirada". Ernaux refírese a cousas materiais, valen para Milena Busquets no caso do pasado que marchou.
También esto pasará parecérame un retrato fabuloso de Esther Tusquets, a editora e nai da autora. O motivo de facerllo é o seu pasamento. Atopamos unha muller tímida e retraída, xenerosa, sensible, matriarcal e dominante. Lembro as escenas nas que presenta á nai xogando ao póker e fumando mentres bebe wishky. Lembro as escenas ambientadas en Cadaqués, onde veraneaba a familia. Lembro que Lois Caeiro, o meu exdirector, me ten falado polo longo de viaxes por esta costa. Eu estiven varias veces en Barcelona, pero non coñezo Cataluña porque as cidades grandes apenas deixan que se filtre a identidade dos países nos que están. Hei de ir. Dalí dicía que "Cadaqués é o lugar máis bello do mundo e ás veces un cre niso".
Pero non lembro máis de También esto pasará porque prestei o meu exemplar, con todas as súas notas, a alguén; pero son incapaz de recordar a quen. De cando en vez solto aos amigos unha pregunta directa para collelos por sorpresa. "Non cho prestaría a ti, verdade?". Pasados uns días volvo facer a mesma pregunta por se tropezasen na contradición. A culpa é miña porque os libros non son bumerángs, nunca volven. Se te sentes presionado para prestar un libro, mellor compra outro exemplar e regálao. Así que non podo facer outras referencias a También esto pasará que as que deduzo de La dulce existencia e doutro libro de Busquets Ensayo general, publicado no intermedio. Escribiu nel que "hai personas que morren lentamente porque non acaban de marchar". Son brisas que quedan enganchadas na memoria e non poden levantar voo.
Na última novela Milena Busquets pon a xirar o carrusel dos "fillos, os noivos, os amigos, os mortos, as contas, o paso do tempo, o descubrimento de que xa non es novo, a novidosa paixón e curiosidade pola mocidade, como cando pasas por diante dunha casa na que viviches feliz durante un tempo". Con esa base, cita a Annie Ernaux para anotar que "a autofición é un xeito de rescatar a vida, de fixala, de explicala e finalmente de pasar a outra cousa".
A personaxe de Milena, queda máis separada da escritora en La dulce existencia porque hai unha actriz que fai dela. Parece ter superada a carencia da súa nai porque se define a través dos seus fillos. "Sigo vivindo con sorpresa e gratitude esas reaccións instintivas que non me poñen a min en primeiro lugar e que me convertiron noutra especie, nunha especie de humano e animal: nunha nai". Penso agora que non conseguín verme en 360 grados como pai dos meus dous fillos ata que entendín que xa deixara eu mesmo de ser fillo. O meu pai faleceu hai 15 anos e a miña nai parece, todavía, ter vinte anos menos dos reais pola axilidade, pero xa perdín o instinto da dependencia cando naceu a miña cativa. Agora son eu quen mira atrás para ver que todo funciona nas vidas de Sara e de Antón.
Milena Busquets estende ese arco temporal para explicar as etapas da súa vida a través dos veráns en Cadaqués. "Ignoro se son a nena que se marabillaba por todo, que entendía as cousas a medias: unhas completa e fondamente, e outras nada en absoluto; a rapaza resacosa que bicaba todos os homes; a nai namorada coa cabeza chea de paxaros e con dous fillos pequenos sans e marabillosos ou a muller que era naquela mañá, imposible de describir naquela momento, soamente sabería fora ao cabo duns anos".
La dulce existencia gustoume, aínda que non me fascinou como También esto pasará. Ao rematar este segundo libro escribín a Lois Caeiro para recomendarllo. A el non lle gustou tanto, comentoume que a personaxe de Milena tal vez non daba máis de si para a escritora Busquets. Poida que leve razón, que hai autores que unicamente dispoñen dunha posibilidade, que unicamente dan chegado ao fondo de si mesmos nunha ocasión. Na obra anterior Milena Busquets tocara plenamente o seu corazón, pero exprimiuno con tanta determinación que o deixou seco.