Os novos feiticeiros
O IMPACTO do Holocausto sobre a humanidade foi profundo e duradeiro, deixando cicatrices emocionais e éticas na nosa sociedade, ata o punto de levarnos a reflexionar sobre os perigos do odio, a intolerancia e a discriminación. A conmoción foi tan fonda que pasaron a considerarse intolerables as posicións que negaban a existencia do mesmo. As palabras negacionista (do Holocausto), e antisemita adquirían así unha connotación pexorativa que aínda hoxe ninguén se atreve a discutir.
Co paso do tempo, estas palabras convertéronse en armas. Aínda non é posible criticar as barbaridades do Estado de Israel contra a poboación palestina sen ser tachado de antisemita. Noutro ámbito, os historiadores nacionalistas ucraínos exiliados escolleron a palabra holodomor para referirse á fame negra provocada polas políticas de Stalin, unicamente polo seu parecido con Holocausto, segundo nos recordaba Xosé Manoel Núñez Seixas.
De forma similar, durante a recente crise do covid 19, utilizouse a palabra negacionista, e outras como conspiranoico ou 'bebelixivias', para estigmatizar a todo aquel que criticase minimamente a narrativa oficial sobre a orixe da enfermidade ou sobre a vacinación, sen mesmo distinguir se o estigmatizado pertencía á comunidade científica ou non.
Hai xa máis dun ano que a congresista republicana Lauren Boebert lle preguntou á antiga directora de política legal de Twitter, Vijaya Gadde, durante a súa comparecencia ante o Congreso, en que facultade de Medicina estudara. Esta última contestou que, evidentemente, en ningunha, para despois pasar a recoñecer que, seguindo instrucións do goberno dos Estados Unidos, de grandes corporacións da saúde e doutros gobernos, retiraran sistematicamente da rede social contidos discrepantes coa narrativa oficial sobre o covid-19 e a vacinación masiva coa técnica baseada no ARNm.
Estes contidos pertencían, como recordaba a congresista Boebert, no só a xornalistas, senón tamén a reputados doutores de Harvard, e mesmo a Luc Montagnier, premio Nobel de medicina e descubridor do VIH, a Robert Malone, pioneiro nas investigacións sobre o ARNm, ou á propia doutora Henrion Caude.
Alexandra Henrion Caude (1969) é doutora en xenética pola Universidade de París-Diderot, foi directora de investigación do Instituto Nacional da Saúde francés. Tamén traballou como neurobióloga no Joslin Diabetes Center da Escola de Medicina de Harvard e no Instituto Salk de Estudos Biolóxicos en La Jolla, en San Diego. En 2012 descubriu a implicación do ARN en diversas enfermidades xenéticas infantís, así como a existencia dos ARN-MitomiR, que desempeñan un papel fundamental na regulación celular.
"Unha xenetista preocupada"
La Esfera de los Libros publicou Los aprendices de brujo, tradución ao español de Les apprentice sorciers, da doutora Henrion Caude quen, na contraportada do mesmo, xa nos advirte: "Non son unha defensora da teoría da conspiración, senón unha xenetista preocupada. Neste libro contareiche que é o ARN mensaxeiro das vacinas anticovid. Tes dereito a saber". Esta obra vén intentar corrixir o sesgo que se produciu na cobertura da pandemia, tratando como desinformación todo contido disidente, aínda que fose lexítimo.
Na introdución, a autora quéixase de como, de golpe, e tal e como lle pasara ao Nobel Montagnier, a Robert Malone e a moitos outros, a prensa pasou a cualificala como de "extrema dereita" e a chamarlle "integrista e sectaria". E todo por atreverse a dicir cousas como que as probas PCR teñen os seus riscos ou que é unha tolemia tratar á poboación sa como se estivese enferma, e finalmente, como explica ao final do libro, por atreverse a cuestionar as vacinas de ARNm.
Equilibrios complexos
O libro comeza dando conta dos efectos secundarios das vacinas anticovid e cuestionando a eficacia das mesmas. En capítulos sucesivos explica, dun xeito accesible, que é o ARN, así como os equilibrios complexos nos que entramos cando actuamos sobre el, e tamén as incógnitas que aínda quedan por resolver en canto á súa natureza.
Lémbranos como foi, o tamén estigmatizado, Robert Malone o pioneiro en intentar, en 1989, empregar o ARNm para previr ou curar unha enfermidade; para despois pasar a facer unha enumeración de cantos intentos se fixeron de obter vacinas ou métodos de curación de enfermidades a partir desta técnica, destacando que todos os intentos foron abandonados por ser os efectos non desexados claramente superiores aos seus beneficios.
Con estes antecedentes, cando chega a crise do covid 19, decídese utilizar o ARNm para protexer contra a enfermidade, fabricando unha vacina nun tempo récord, cando normalmente son necesarios uns dez anos de ensaios antes de que un produto deste tipo salga ao mercado.
Despois de explicar a técnica de creación da proteína Spike, a doutora Henrion Caude pon o foco nos efectos secundarios da vacina, actualmente en fase de documentación, despois de ter inxectado a dous terzos da humanidade, para finalizar coa pregunta retórica de "Podemos confiar nos laboratorios?". Este final, crítico coa industria farmacéutica, lémbranos o título e o contido doutro libro, xa clásico, de Jörg Blech, que en español leva por título Los inventores de enfermedades.
