O ano despois
Unha das grandes e inxustas acusacións que fai a sociedade, en xeral, contra o ensino da Historia é a súa fixación coas datas. Certo é que precisamos o coñecemento memorístico con sucesos senlleiros, pero non menos certo é que xa hai tempo que os estudantes e profesores de Historia tendemos a nos centrar máis ben nos procesos, as causas e consecuencias do que sucedeu.
No mundo hispánico non atopamos unha data máis importante que 1492, na que, ademais da chegada a América dos europeos para a súa conquista, se produciron a conquista do reino nazarí de Granada e a orde de expulsión de España dos xudeus. Pero... que ocorreu exactamente en 1491? E en 1493? Precisamente a estes anos que citamos dedicou o historiador estadounidense Charles C. Mann unha diloxía de ensaios históricos da que agora se publica en España o segundo, 1493, que trata sobre como o descubrimento de América transformou non só Europa, senón o resto do mundo. Dadas as visións heterodoxas que, como veremos, ofrece o autor, non estraña que o selo encargado da tradución sexa Capitán Swing.
A risco de que se nos cualifique de escollidos, ou aínda máis, de ronchas, temos que indicar en primeiro lugar que Mann, que saibamos, non é historiador. Non tratamos aquí de denunciar un intrusismo académico —John Julius Norwich, por exemplo, pasa por ser o historiador de referencia para Bizancio e nunca Historia estudou— senón de aclarar que a obra está moi enfocada á divulgación e selecciona episodios especialmente significativos para a tese principal sostida: que a chegada a América desencadeou o Homoxenoceno —perdoen o palabro, que non é meu senón do autor—, isto é, a creación dun mundo homoxéneo en canto ás especies animais e vexetais —seica África ou Oceanía non pintan nada neste asunto, pero eu tampouco son historiador—.
Á marxe desta cuestión técnica, o certo é que o libro de Mann é unha lectura moi entretida, na liña dos cada vez máis frecuentes ensaios que, en Estados Unidos, se ocupan do período que vai dende 1492 a 1865 —e que teñen substituído en importancia alén do Atlántico aos dedicados ao século XX, máis delicados dende o punto de vista político—. O intercambio colombino, tal e como demostra o autor, levou os tomates a Italia, o chocolate a Bélxica e Suíza, as batatas e os chiles a China e a prata por todo o mundo —aínda que, sobre este último asunto, son cuestionábeis as teses sobre a apertura de China cara a Occidente—.
Na liña dos diversos proxectos, en especial o coñecido como 1619, Mann dedica unha boa parte do ensaio ao tema da escravitude e resulta de especial interese a análise do papel dos propios africanos no tráfico en dirección a América, aínda que isto poda expoñelo a críticas por minimizar o papel dos propietarios brancos. Non só mira nisto cara os Estados Unidos, senón tamén cara o Brasil e o durísimo traballo co caucho.
Máis de seiscentas páxinas, un continente atopado polos europeos e outros tres conectados entre si de súpeto a nivel humano, biolóxico, alimentario e económico dan para unha gran cantidade de ideas e un libro que, sen ofrecer grandes innovacións, si pode proporcionar, agora que se achegan o verán e o bo tempo, horas de entretemento lector e coñecemento aos moitos afeccionados ó ensaio histórico que se atopan nos mercados español e galego.