O heroe antártico
Non sei no caso de vostedes, pero para min o lugar máis difícil de evocar dentro do planeta Terra é a Antártida. Estiven en zonas que se parecen aos desertos, afundín nun metro e medio de neve nos Ancares, estou canso de ver selvas tropicais e amazónicas nos documentais, pasei por Nova York e sei o que é unha megápole. Pero, a Antártida? Terra ignota, terra de experiencias que semellan parte permanente dunha novela de aventuras, algo ficcional e non real.
Pensen no mítico anuncio de Shackleton, convertido en meme da época de Internet e apócrifo en realidade —non consta que chegase a se publicar—: ‘Búscanse homes para viaxe perigosa, salarios baixos, frío extremo, longos meses de escuridade completa, perigo constante, dubidoso retorno san e salvo, honra e recoñecemento en caso de éxito’. Viralízase de cando en vez... pero, canta xente sabe como rematou o asunto? Foi peor do que calquera de vostedes imaxina e agora podémolo saber grazas á biografía de Tom Crean, un dos principais compañeiros de Shackleton, escrita por Michael Smith e editada en español por Capitán Swing co título Un héroe olvidado.
Contar a historia de Crean equivale a relatar a historia do que se deu en chamar no mundo anglosaxón a Idade de Ouro da Exploración Polar. Na entrada do século XX, tres lugares estaban considerados como a derradeira fronteira xeográfica dos humanos: os dous polos e os tesos cumios do Himalaia. Conquistado o Polo Norte polo estadounidense Peary, tanto os ingleses coma o noruegués Roald Amundsen miraron ao Polo Sur para acadar a gloria.
Crean, o noso protagonista, formaba parte da expedición de Robert Scott a pesar de ter nacido a nivel do mar en Irlanda e ser un home da orixe máis modesta —algo pouco frecuente nas viaxes polares–. Mariñeiro experimentado e home dunha fortaleza e resistencia hercúleas, volveu vivo da expedición, algo que, por desgraza, non puido dicir o mesmo Scott. Aínda máis: no retorno á civilización salvou a vida de dous compañeiros cunha marcha de 36 horas sen durmir a corenta graos baixo cero, con escalada incluída, para procurar axuda.
Despois de tentar a sorte con éxito en 1912, non dubidou en recuncar, como xa vimos, na expedición de Shackleton. Unha vez que Amundsen conquistara o Polo Sur, gañando a carreira a Scott e Crean, precisábase un novo desafío e este foi atravesar a Antártida. Por desgraza, non durou moito: o Endurance, barco da expedición, quedou esnaquizado pola presión dos xeos antárticos e 28 homes tiveron que tentar regresar á civilización atravesando, primeiro, case mil quilómetros de xeos perpetuos; despois, con case outros mil de navegación nuns precarios botes; e, por último e xa a desesperada, nunha pequena expedición de só tres persoas liderada na práctica por Crean, co cruce da illa de Xeorxia do Sur.
O relato de Michael Smith, vibrante, erudito e accesíbel, traspasa en non poucas ocasións a barreira do incríbel: se non houbese abondosas testemuñas de todo aquilo que se relata, por veces pensariamos que non pode ser certo. Xa contra o final, por exemplo, infórmanos o autor de que medio século despois das fazañas de Crean exploradores ben equipados tentaron repetir a súa viaxe: non pasaron dos 300 quilómetros de navegación. E é que, ás veces, os seres humanos ordinarios –como ben se nos di na conclusión, Crean dedicou o resto da súa vida ao nobre oficio de taberneiro e a coidar da súa familia nun dos confíns de Irlanda–, enfrontados ao perigo, acadan non só o extraordinario senón o verdadeiramente incríbel.
