Un océano entre murallas

Obra de Manuel Ruibal /EP
Obra de Manuel Ruibal /EP
Manuel Ruibal leva ata o Museo Provincial de Lugo a súa impresión fronte ao mar, ante un Atlántico que como un inspirador compañeiro de traballo se funde na súa mirada converténdose nunha íntima relación que leva á natureza a erixirse como a protagonista da súa obra.

A EXCELENTE montaxe que nos recibe no Museo Provincial de Lugo baixo o título de Ruibal. Azul inmenso Atlántico converte todo este espazo, no que o espectador se relaciona coa obra de Manuel Ruibal (Pontevedra, 1942), nun magnífico escenario para calibrar a importancia da obra deste artista que dende a pintura, a escultura, e mesmo dende a palabra, é quen de xerar todo un universo propio, cheo de memoria do tempo vivido e do contacto cun contexto existencial no que a natureza sempre tivo un especial protagonismo, pero que agora, dende esa sublimación panteísta que se recolle dende unha especial sutileza acada unha vertente espiritual.

Se algo acadou Manuel Ruibal nestes últimos anos de longas horas de traballo nocturnas, de raiolas de luz que xorden do seu taller iluminando co seu maxín a noite pontevedresa, é o de facer un extraordinario exercicio de condensación do motivo representado, sendo quen, cun trazo, cun xesto, cunha liña, de captar toda unha serie de situacións que atopa na natureza e que o motivan para transformar esa impresión nunha obra de arte. Tanto a súa serie anterior sobre a fauna, como todo este traballo que nos atopamos con estes horizontes atlánticos, con eses solpores emocionantes ou mesmo con eses ronseis de escumas que xogan entre as ondas dun mar que Manuel Ruibal acomoda ás diferentes superficies das súas obras, convértense nun abraiante exercicio de síntese dalgo que é tan complexo de reducir ao mínimo sen perder a súa capacidade de fascinación, como é a natureza.

Asomarse ás obras de Manuel Ruibal é unha maneira de tentar atopar na natureza ese relato mítico que se contén nas súas formas, na súa capacidade de seducir ao ser humano, de sometelo ás súas forzas telúricas que o artista absorbe e é quen de conter dende o seu emprego da cor, facendo de cada unha das súas pezas unha sorte de cofre no que pechar esa impresión do instante, ese impacto que se renova ante nós dende esa fascinante posibilidade da súa representación dende o aparentemente máis sinxelo, como pode ser unha liña ou unha cor, pero que aos poucos minutos, ante a nosa visión cómplice, convértese nun complexo exercicio de análise mental que se pon ante nós para que sexamos quen de comprender a importancia do máis sutil, do que pode pasar desapercibido ante unha mirada rápida, desas ás que semella estar sometidos nos nosos tempos axitados, fronte ao que pode ser un acto de contemplación suprema.

Manuel Ruibal expón así o seu traballo en Lugo por primeira vez tras sesenta anos de loita artística que o levaron a transitar por diferentes momentos da nosa plástica, pero sempre mantendo unha autenticidade e discurso propio que o fixo moverse por unha figuración nos anos sesenta para irse decantando polo informalismo nos anos seguintes, nos que participou en mostras do colectivo Atlántica ata chegar a ese «reducionismo próximo á mística zen», como suliña o comisario da mostra, Antón Castro, bo coñecedor da obra do artista pontevedrés, co que compartiu moitos deses momentos na plástica galega, establecendo unha alianza de complicidade e amizade que se nota no bo facer desta mostra que, dende esa montaxe tan atinada, potencia o discurso que conteñen as súas obras, obras entre as que tamén nos atopamos ese traballo que Manuel Ruibal realiza sobre a propia natureza, intervindo en pedras que se converten en grandes monumentos espallados por diferentes puntos da xeografía peninsular ou, como acontece nesta mostra, activando sobre pedras de pequeno tamaño, cantos rodados, nos que aplica a súa mirada pictórica e que de novo nos conecta con esa condición panteísta da obra humana, esa maneira de tentar domesticar unha natureza na que o home, como xa fixera o home primitivo, deixa a súa pegada nun xeito de apropiacionismo e dominación.

Ata o día 24 de agosto as salas do Museo Provincial de Lugo acollen este Atlántico que se refuxia nas murallas desta vila que tan bo traballo está facendo dende a xestión dun museo que é unha referencia na arte galega e que agora convértese no acougo da obra de Manuel Ruibal, dunha mirada atlántica que atopa a calma dende o debuxo, a cor e a palabra, nunha transcendencia que nos sitúa ante o que debería obrigarnos a modificar o valor da nosa mirada cara a natureza, cara ese inmenso Atlántico.

Comentarios