Outra gama de verde
FEDERICO GARCÍA LORCA coñeceu daquela A Coruña, Santiago e Lugo, onde volvería anos despois para camiñar pola muralla ata o amencer.
O recente e pasado ano cumpríase o 90ª aniversario da publicación de Seis poemas gallegos, unha das rarezas máis celebradas dentro do traballo do poeta granadino (1898-1936). Textos líricos nun idioma que o atrapara a través de Rosalía de Castro, as cantigas galaicoportuguesas e, especialmente, na primeira visita que o mozo a Galicia e que, como varios biógrafos indican, animou á súa produción literaria.
A curta vida do autor quedou sobradamente documentada, por iso sabemos que subiu a aquel tren para coñecer o norte do país con apenas 18 anos. Antes, a infancia. Unha nenez xogada en patios e desafogo familiar, embutida de literatura e cercada por rivalidades de adultos, de cartos e honras.
Lorca naceu en xuño no ano en que España perdía Cuba, Filipinas e outras colonias. Naquela vila chamada Fuente Vaqueros, ubicada na vega granadina, o neno medraría sendo rico e mandón, entre letras e música. A súa nai exercera de mestra, pero a prosperidade dos terreos de remolacha e tabaco do seu marido aliviaban tanto a economía familiar que a pobreza só podería ser vista de fiestras cara a fóra.
Federico foi enviado a Almería en 1906 para tomar clases cun titor persoal e por causa dunha forte infección bucal rematou en Granada, onde quedou estudando no Sagrado Corazón. Alí afastouse da literatura para inmiscuírse na música. O piano semelláballe máis próximo do que as letras. Entrou en contacto coa obra de Verdi e o seu repertorio favorito incluía a Beethoven, Chopin e Debussy. Fíxose un nome na cidade e decidiu alistarse nun curso de acceso á universidade de Filosofía e Letras.
Desde aquel outono de 1914, a súa presenza no café Alameda mantíñase fixa arredor da tertulia 'El Rinconcillo', onde debatían os intelectuais máis novos da cidade. Aquel niño de talentos daría nomes das artes e da política. Dentro dos estudos, o espertar de Lorca chegou con Martín Domínguez Berrueta, mestre de Teoría da Literatura e das Artes.
Berrueta tomou a determinación de abrir o mundo do seu alumnado e amosar rexións da xeografía española. Estas "excursións de estudo", como el definía, encaixaban na liña que marcaba a Institución Libre de Ensinanza. Úbeda, Córdoba, Ronda, Castela, León, Galicia e Burgos. Aquel percorrido en tren foi o máis longo do plan, tomou 24 días, cinco deles en terra galega.
Lorca pisou Ourense durante tres horas nun cambio de máquinas e puxo rumbo a Redondela, onde escoitou falar galego claramente por primeira vez. A sonoridade e o ritmo chamaron a súa atención tanto como o misticismo relixioso que respiraban vilas e paisaxes. Finalmente chegou a Santiago, onde pasou tres dias, antes de pasear pola Coruña e pasar día e medio en Lugo, cidade que semellaba a máis diferente de todas para aquel grupo de estudantes andaluces.
"A mi llegada a Galicia, ellas, las fuerzas formidables de Compostela y el paisaje se apoderaron de mí en forma tal que también me sentí poeta de la alta hierba, de la lluvia alta y pausada. Me sentí poeta gallego, y una imperiosa necesidad de hacer versos, su cantar me obligó a estudiar a Galicia y dialecto o idioma, que para lo maravilloso, es igual", describu en textos como Un hospicio en Galicia.
Daquela travesía naceu Impresiones y paisajes, a primeira obra, que expresaba a través da prosa poética a súa visión dos territorios visitados. Este debut e o falecemento do seu mestre de música empurraron ao rapaz a asumir un pulso lírico que lle fervía dentro.
A mudanza de varios membros El Rinconcillo a Madrid animou a Lorca a romper os marcos familiares. Federico marcharía á Residencia de Estudiantes, institución que sacaría de seu fillo unha visión e un saber facer por España que, en realidade, seguía principios máis próximos a Cambridge.
A formación clásica de Lorca ata o momento colisiona cunha nova corrente intelectual que apostaba pola arte popular como unha vía de reivindicación. Os horizontes abríronse grazas ás visitas de Valéry, Marinetti, Madame Curie, H.G. Wells, Ravel ou Le Corbusier, pero as amizades pesaron máis que calquera figura de referencia. Buñuel, Alberti e Dalí convertíronse no refuxio do poeta, compañía que durante anos alternou coa do ferrolán Ernesto Guerra da Cal e o músico de Lugo, Jesús Bal y Gay. Unha época de contacto e movemento onde tamén coñeceu a Juan Ramón Jiménez, Vicente Huidobro ou Gómez de la Serna.
Baixo o coidado do premio Nobel, Lorca entregouse á confección do seu primeiro poemario con axuda de seu irmán Francisco. Primeiro, moveu varios textos por revistas literarias. Logo, unha vez espertado o interese, unha editorial púxose á súa disposición. En 1921 veu a luz Libro de poemas e o escritor foi rumbo a Granada coas Suites musicais da súa firma. Por indicación de Juan Ramón Jiménez debía interesarse polo cante jondo, os títeres e o folclórico.
Na cidade, arredor da Alhambra, Lorca atopou a Manuel de Falla e nel, un novo mestre. Xuntos coordinaron un gusto pola música do local ao universal, para facer do andaluz un xeito de estar no mundo. Da súa amizade naceu o primeiro Concurso de Cante Jondo, feito histórico para o folclore de Andalucía, e o segundo poemario de Lorca, varias pezas de teatro musical ou relatos para canto.
A súa ambigua e magnética amizade con Dalí deu lugar a varios periodos en Cadaqués. As estadías de 1925 e 1927 marcaron a produción artística de ambos, ata o punto de falar de periodos lorquianos e dalinianos en candasúas obras.
A madurez de Lorca como poeta chegou ao cumio coa celebración no Ateneo de Sevilla do tricentenario da morte de Góngora. Alí, Rafael Alberti, Vicente Aleixandre, Pedro Salinas, Jorge Guillén, Dámaso Alonso, Emilio Prados, Gerardo Diego, Luis Cernuda, Manuel Altolaguirre e o poeta granadino oficializaron a coñecida Xeración do 27. O romance de Salinas e Lorca sucedeu nestes días.
O rotundo éxito do seu Romancero gitano en 1928 solápase cunha crise sentimental fonda no poeta, ademais dun desprezo pola fama. Sentíase minguado e reducido a un altofalante do costumbrismo, o mundo xitano e Andalucía. Na primavera de 1929, aceptou o convite a viaxar a Nova York e alí, durante unha estadía de nove meses, rachou definitivamente co disfraz que lle encaixaran.
A discriminación racial en Estados Unidos conmovíao tanto como a obra de Walt Whitman e a de T.S. Elliot, o jazz ou o cinema sonoro. Lorca muda a súa persoa lírica para convertila na conciencia do novo home, o máis moderno, e sucumbe á soidade, o illamento e o mal que cubre o mundo a través do progreso. Un profeta, un mártir, un Prometeo.
O paso por Cuba revitalizou a paixón do autor, bombeándolle unha idea cálida. No retorno a España renovaría o teatro. Deste período provén a fundación de La Barraca, unha compañía teatral coa que entreter e espallar pensamento por cada lugar de España. Xa en 1932, coa II República, ligouse aos Comités de Cooperación Intelectual e as salas de conferencias abríronselle por toda a xeografía.
Neste contexto acontece a segunda visita de Federico a Galicia. As cidades galegas fervían de cultura e consumían, ademais de producir. O 6 de maio chega a Vigo, onde fala no café Derby antes de amosar o seu coñecemento do cante jondo no Teatro Barbón. Ao día seguinte, o reitor da Universidade de Compostela recibiuno nunha visita oficial e despois declamou no actual instituto Rosalía de Castro. Por causa dun golpe de vento, Lorca perdera a ponencia. As diferentes fontes non acordan o contido, lonxe do discurso sobre poetas granadinos do século XVII. A teoría máis clara indica que foi a estrea oficial de varios textos de Poeta en Nueva York. O público rompera en aplausos e vítores.
En agosto de 1932, La Barraca parou en A Coruña, Ribadeo Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Santiago, na Praza da Quintana, evento que marcou a Lorca. A prensa da época cifra a asistencia en 6.000 persoas, dun total de 25.000 de habitantes, e detalla que incluso as badaladas se detiveron para ver aquela reposición de pezas de Cervantes.
Nesa mesma viaxe Lorca para en Lugo ler Oda al Santísimo Sacramento no altar da catedral e ofrecer unha lectura sobre Maria Blanchard, na Deputación. Antes da conferencia, Federico recaeu no Hielo Bar, un café ubicado na rúa San Marcos, para falar en tertulia con Ánxel Fole, Luis Manteiga, Álvaro Cunqueiro e outra mocidade intelectual. Os mesmos cómplices festexaron á noite co poeta na casa de Ramón Martínez López, onde recitou de novo Poeta en Nueva York, aínda inédito. Aquela velada rematou co paseo de Lorca pola muralla ata o amencer.
O encontro lucense resultou esencial. Esa xoldra operou como xermolo de Seis poemas galegos e Fole, Cunqueiro ou Ramón Piñeiro aseguran que o primeiro texto do libro escribiuse en media hora na trastenda de Luis Manteiga, que posuía unha tenda de gramolas. A copia escrita a man polo granadino acredita que foi en Lugo o comezo desa celebrada rareza.
Tres galegos máis maquinaron a favor de Federico e a súa incursión no galego. Guerra da Cal puxo a filoloxía ao seu dispor como compañeiro na Residencia de Estudiantes. Blanco Amor insistiu para que o traballo chegase a termo. Ánxel Casal deu saída aos versos.
A relación de Lorca e Blanco Amor é unha incógnita. O destino quixo que o Romancero gitano coincidira co Romances galegos. Con todo, a correspondencia entre ambos amosa un fervor cara ao andaluz; relación non correspondida e desigual. Sábese que Federico mercara unha sortixa para Eduardo e que as amizades señoritas do sur desprezaban a homosexualidade pública do ourensán por ser de mala educación. Intúese un romance mal finado.
Guerra de Cal presentara a ambos poetas en 1933 e un ano despois, Blanco Amor camiñaba xa pola casa familiar de Lorca para o verán, en Huerta de San Vicente. Daquela visita queda unha valiosísima mostra fotográfica tomada polo galego. No estío seguinte, Eduardo foi a primeira persoa en escoitar Doña Rosita la soltera en voz de Federico. O pasado común en Bos Aires, a sexualidade e un gusto poético semellante achegábaos nun vínculo de natureza incerta.
O manuscrito finalizado dos versos galegos de Lorca quedou en man de Blanco Amor na última visita do poeta a Galicia. Nunha carta, Federico amósase seco: non quere saber máis do asunto. A mudanza no ton entre ambos asóciase con certas correccións do ourensán, sobrepasado no seu labor. Blanco Amor eliminou toda referencia a Ernesto Guerra da Cal, un alicerce básico para o granadino e inimigo de Eduardo, incluso unha dedicatoria, e desfíxose do epílogo de Lorca explicando o proceso poético, ademais de deixar un prólogo seu como mérito.
Lonxe de Galicia, sumido no éxito da súa poética e o teatro, pagando caro o contexto prebélico, Lorca non detivo a súa función cultural e rexeitou o exilio. Ánxel Casal publicou 200 exemplares de ‘Seis poemas galegos’ na Editorial Nós, dos que se conservan 35.
O destino do poemario, da editorial, de Federico e Ánxel seláronse en 1936 co mesmo horror. Nós botou o peche pola forza censora e os versos galegos arderon na maioría dos casos. Lorca e Casal foron fusilados con horas de diferenza na distancia, unidos pola ética e separados por un lixeiro matiz: o motivo dos disparos. "Dos tiros en el culo por maricón", presumiría o verdugo días despois polas tabernas de Granada.