Ramón Rozas

Palabras cruzadas

Javier Fraiz, periodista. EP
Javier Fraiz, periodista. EP
Javier Fraiz amosa en Amar/Azar cómo as nosas vidas se moven como barcos entre unhas ondas que xeran esas dúas palabras. Inevitables en cada un de nós e que cando se cruzan modifican as nosas vidas de maneira tan inesperada coma irreversible

Poucas palabras teñen tanta trascendencia nas nosas vidas como as que titulan a nova novela do escritor e xornalista ourensán Javier Fraiz, a segunda despois da súa estrea coa moi interesante Morte no espello e que agora con Amar/Azar —ambas na editorial Galaxia— sobe un chanzo máis nunha traxectoria literaria que semella cada vez máis firme.

Falar de amor ou de azar supón adentrarse por dous vieiros que teñen moito de necesarios para o devir das nosas existencias, mais tamén moito de sorprendentes itinerarios que modifican as nosas vidas enchéndoas de xiros non sempre felices ante os que as nosas respostas se converten en parte do que somos, afectando tamén as persoas coas que compartimos este tempiño entre unha humanidade cada vez máis confusa e cuxos actos a nivel global, que nos poden parecer tan afastados das nosas vidas, tamén poden chegar a ter efectos en cada un de nós.

Javier Fraiz crea na súa escrita unha sorte de taboleiro de Scrabble no que as vidas de diferentes persoas crúzanse nesa partida da vida da que todos formamos parte e na que dúas palabras semellan, e todos sabemos que así é, sumar máis puntos como son amar e azar que, cando chegan a cruzarse, son quen de provocar un terreo de areas movedizas capaz de engulirnos pouco a pouco. A historia de amor de Xan e Lucía, ubicada nese Ourense que coñece ben o autor e que mesmo se converte nun persoaxe máis da trama, é a que centra un relato magníficamente artellado que mantén unha unidade pese a súa división en tres partes en puntos xeográficos diferentes, como poden ser ese Ourense xa citado ou París. Ambas xeografías fíanse a través do amor entre Xan e Lucía e, por suposto, do azar, dos que a escolleron como o destino da súa lúa de mel. Ese amor inunda toda a novela, a partir da voda que une dúas vidas arredor da cal tamén se convocan toda unha serie de vidas, as das súas familias, e tamén as das amizades que tamén aportan os seus amores e azares, exercendo de espellos nos que ambos poden observar a complexidade das relacións entre as persoas, e esa conxunción de momentos de ledicia con outros cargados de dor.

A ese universo particular, íntimo entre dúas persoas que se xuntan nun futuro, Javier Fraiz lle engade varias das perversas situacións que asolan a nosa realidade actual, cuestións como a da violencia de xénero, centrada nunha das parellas que asisten a súa voda e con consecuencias ao longo do tempo na propia historia de Xan e Lucía, ou o terrorismo, coa recuperación daquela noite do 13 de novembro de 2015 na que diferentes ataques terroristas en París en varios restaurantes e terrazas, así como na sala de concertos Bataclán, deixaron 130 mortos e moitas persoas con feridas físicas e psicolóxicas, e un rastro que se espallou por todo o mundo ao formar, dunha ou doutra maneira, parte da vida de persoas que en función de diferentes e imprevisibles circunstancias (cousas dos caprichos do azar) seguiron pegados ao que aconteceu nesa noite parisina inolvidable, e non precisamente polos motivos que un podería agardar e que buscaría asistindo ás diferentes ofertas de ocio da capital francesa.

Amar/Azar axita todas esas circunstancias que pouco a pouco fan mella na vida en común que comeza a camiñar entre complicidades e desexos na procura dunha felicidade compartida, pero que ante os grandes desexos e ilusións non contaba con que as veces os pequenos detalles, as decisións tomadas nun instante das nosas vidas pode facer que todo mude e que as sombras e os medos invadan as nosas almas e os nosos fogares con consecuencias que poden chegar a ser irreversibles. Javier Fraiz enfróntanos desta maneira a unha historia do máis común, como tantas das que nós mesmos formamos parte, e ante as que moitas veces non adoitamos deternos o suficiente para atopar nelas moitas ensinanzas sobre a nosas propias vidas e saber así valorar os bos momentos, ao tempo que estar atentos ás físgoas polas que o mal pode ser quen de mudalo todo, ata de poñer ante os nosos ollos imperceptibles situacións que poden desencadear a traxedia, aínda que ao final sexan uns dados lanzados ao aire os que sinalen os nosos movementos.