Parvos

Cerezas. AEP
Cerezas. AEP

Semella haber un consenso entre os milenials coma min: cada vez hai máis parvos. Por suposto, non hai ningún estudo científico que o demostre. Nin sequera sabemos ben o que é un parvo. Somos conscientes de que esa mesma opinión xa a tiñan os boomers sobre nós, pero dános o mesmo. A opinión, sobre todo, diríxese contra os máis novos, que, sen dúbida, son a xeración máis parva de todas —ata que eles mesmos realicen ese xuízo sobre os que naceron dende 2020 para diante—.

Non sei exactamente por que os mellores libros sobre o asunto están escritos por italianos. Temos traducida en galego a obra mestra do xénero, As leis fundamentais da estupidez humana, de Carlo Cipolla, un opúsculo hiperbólico e cunha enorme carga satírica no que se demostra que a mellor virtude do idiota é mancar os outros namentres non saca ningún beneficio para si. É inevitábel, polo tanto, que outros usasen ese libriño como referencia. Así o fai explícito o xornalista Pino Aprile en Nuevo elogio del imbécil, publicado pola editorial Gatopardo, que actualiza certas ideas de Cipolla e engade outras... sen moita fortuna.

A proposta narrativa xira arredor dunha entrevista realizada por Aprile a un dos científicos máis famosos do século XX, Konrad Lorenz, pai da etoloxía, a ciencia que estuda a conduta dos animais, e un magnífico divulgador.

Segundo o seu relato, Aprile presentou a Lorenz a posibilidade de que a humanidade estivese a se facer cada vez máis parva e a aínda máis arriscada hipótese de que a estupidez é unha vantaxe evolutiva. Falecido Lorenz, Aprile atopa un discípulo seu co que mantén unha relación epistolar: ao principio de cada capítulo aparecen as cartas do científico, inmediatamente respondidas polas de Aprile. A técnica non funciona demasiado ben e consonte pasan as páxinas un tende a ler só as respostas do autor, onde se atopa o cerne do libro.

En canto ao argumentativo, Aprile fracasa onde Cipolla triunfou por un erro básico: no canto de cinguirse só a datos e conductas actuais e axiomas filosóficos —cando o fai o libro alcanza o seu obxectivo, que é ser a un tempo fondo e divertido—, Aprile decide entrar en terreos como a Antropoloxía, a Etnografía ou a Prehistoria. Non é profesional de ningunha desas materias, polo que cae nun pecado moi frecuente: o que en inglés se chama cherry-picking —literalmente, recollida de cereixas—, unha falacia que implica seleccionar para validar unha teoría só os datos que a apoian e ignorar por completo aqueles que a contradín. E noutras ocasións cae, directamente, na barbaridade científica, como ao relacionar tamaño do cerebro dos neandertais con intelixencia.

Se polo de agora non ofrecemos nada positivo, por que ler o libro de Aprile? Pois porque a súa tese non deixa de ter moito de verdade. Para explicar moito do que ocorre arredor de nós só podemos optar por dúas posibilidades: a primeira, o que Mauro Entrialgo, noutro excelente ensaio do ano pasado, bautizou coma o malismo, é dicir, pensar que estamos rodeados de malas persoas; a segunda, que estamos rodeados de boas persoas que, simplemente, non son quen de resistir a propaganda que se lanza contra eles —contra todos nós, sempre que eu mesmo non me considere parte dos parvos, que xa é moito considerar— e descenden pola pendente do machismo, o racismo, a homofobia, a aporofobia ou, aínda peor nestes intres, a xustificación do xenocidio e a morte por fame de miles de persoas, en especial nenos. Non sei que escollerán vostedes, pero polo ben da miña fe no ser humano, prefiro a 

Comentarios