Picasso desde Carlos Pazos

Obra de Carlos Pazos. AEP
Obra de Carlos Pazos. AEP
No Dobre Espazo do compostelán CGAC a versátil obra de Carlos Pazos reflexiona sobre o impacto de Pablo Picasso na sociedade a través dunha serie de obras que complementan o relato central da peza 'Nicasso', de 2006, pertencente aos fondos do centro

Non é sinxelo achegarse a Pablo Picasso para provocar no espectador unha reflexión arredor da súa obra imposible de entender sen a expansividade da súa figura en ámbitos mesmo máis alá do propio medio artístico. Rei sol da arte do século XX queimarse a pouca distancia súa non é complicado, mais o artista catalán Carlos Pazos sae ben airoso desta aventura coa que enche o mítico, e tan pouco sinxelo de traballar nel, aínda que os resultados adoiten ser espectaculares, Dobre Espazo do Centro Galego de Arte Contemporánea.

No ano 2006 Carlos Pazos realiza a peza Nicasso que pouco tempo despois incorporouse polo CGAC a través da súa compra aos seus fondos. Unha espectacular peza chea de crítica e ironías sobre as lecturas que a obra de Picasso podía suxerir, sobre todo en relación á cerámica de Vallauris, localidade do sur de Francia onde o artista se instalou entre 1948 e 1955. Unha relación que mudou todo o significado desta cerámica, ata o momento limitada ao seu uso funcional, pero que dende o traballo e aportacións do xenio malagueño coa decoración destas cerámicas con diferentes motivos mediterráneos e unhas formas con tendencia ao carácter escultórico da propia peza. Aquela nova mirada foi moi ben acollida sobre todo polo incipiente turismo na Costa Azul, pousándose pouco a pouco co paso do tempo un aire kitsch na súa fisonomía.

No ano 2005 e tras descubrir casualmente esta cerámica nun mercado de París, Carlos Pazos realiza esta gran peza en forma de escaparate no que amosar un amplo conxunto de cerámicas do momento pospicassiano, cun luminoso tras elas co título da obra. No Dobre Espazo, xunto a ela, se amosa un vídeo documental, realizado por Vacca, que amosa como foi a súa primeira presentación en público da peza en Mollet del Vallés como parte dun programa de intervencións en espazos expositivos singulares.

Desta vez a peza dialoga con outras do artista vencelladas tamén ao universo Picasso. A maneira máis directa de facelo é a través dun collage cinematográfico realizado en 2019, Nicasso, el film, exposto no Museo Picasso de Barcelona, no que dende un considerable número de imaxes nas que se amosa o menosprezo ou o desafío doutros creadores á obra sagrada de Picasso e baixo unha forte compoñente irónica. Así vemos anacos de diferentes películas ou pezas visuais nas que se subverte esa condición de intocable da obra de Picasso, comentarios de actores, guións que discuten o seu valor ou a simulación cun alta carga irónica das súas pezas, xeran en todo este filme unha sucesión de mensaxes que encaixan de xeito perfecto, no só co discurso da propia película, senón coas outras pezas do Dobre Espazo.

Así acontece co xogo entre dúas palabras que, en función da nosa posición fronte a obra, varía entre Picasso e Picabia, mantendo esa sílaba inicial dos seus nomes e a unión que o artista atopa ao consideralos como os dous primeiros grandes artistas que fixeron unha práctica consciente da chamada Bad Paiting. Outra peza máis que interesante, sobre todo dende o punto de vista visual, é unha sorte de Caixa de cores cunhas majas españolas na súa capa e uns luminosos dando conta das cores que garda no seu interior e todo con ese ornamento de corte modernista dos primeiros tempos da vida artística de Picasso.

Todo o conxunto complétase con outra peza lenticular, isto é, que varía en función do noso movemento ante ela, na que dous rostros asoman dependendo da nosa posición. Salvador Dalí e Duchamp mesturan as súas cabezas nunha alusión aos seus discursos e pensamentos en relación a esta figuración que aparece na pantalla, nunha permanente tensión coa súa contorna.

Unha exposición que serve para presentar a obra deste artista catalán, ao tempo que ao ver os seus resultados, deixa aberto todo un campo de expectación ante unha posible mostra de maior tamaño que permita seguir coñecendo e aplaudindo un traballo moi interesante, tanto no conceptual como no formal, dende esa colisión entre a alta e a cultura máis popular, os diversos procedementos para traballar dende a apropiación de elementos artísticos e, desta vez, arredor dun artista como Picasso que máis cun pintor é unha icona da arte total.

Comentarios