Un temporal azul como a morte

Marcello Mastroianni en 'La dolce vita' /AEP
Marcello Mastroianni en 'La dolce vita' /AEP
Hai libros de temporada como hai froitas de temporada. Estiven dubidando estes días se falarlles sobre La larga carretera de arena (Gallo Negro) de Pier Paolo Pasolini porque non é un libro de outono, senón de verán. Pero como a humanidade está tendo un encomiable éxito na teima de arruinar o clima vou escribirlles sobre el.

ESTABA lendo a un italiano, así que fun tomar un café con Leo Zordan. Leo é un ilusionista dos tagliatelle que leva moitos anos asentado en Lugo.  Fun comprarlle uns tagliatelle niño e, de paso, tomar un café amable con el. Cociña e atende un restaurante recollido no mercado municipal. Nas pequenas mesas brillan margaritas amarelas en xarras e a carbonara deliciosa. Leo paréceme un hedonista melancólico, como todos os detectives que buscan a vita bona. Pregunteille por Pasolini. Pousou na mesa o casco da Vespa, percorrido da fronte á caluga polas seis letras de ITALIA. Bebeu o espresso e apreciou:

—O problema de Pasolini é que foi un adiantado ao seu tempo.
O comentario foi concentrado, curto e fondo, sen evitar a amargura, coma o bo café. A seguir, ergueuse. Advertiume de que tiña que prender todos os lumes do Mangiarte para empezar a cociñar.

Estiven pensando na sentenza de Leo. No cisma moral que atormentou a Pasolini.O director pensaba que no se podía ser homosexual e aceptado, comunista e católico, burgués e defensor dos pobres, hedonista e melancólico. Todos podemos convivir con esas contradicións porque os seres humanos estamos feitos dun 80% de auga e un 20% de incoherencia; pero Pier Paolo botou toda a vida resolvendo eses enigmas, sufrindo por non atoparlles unha saída digna eticamente. Como ese volcán interno non deixaba de cuspir lava, decidiu exteriorizalo e provocar a catarse nos demais, no inferno de insatisfacción é o outro para nós, se me permiten traer a Sartre a este parágrafo. Leo en Vulgar lengua (El Salmón, 2017) de Pasolini:
—Eu penso que escandalizar é un dereito, ser escandalizado un pracer e quen rexeita ser escandalizado é un moralista… Fago dúas modestas propostas á maneira de Jonathan Swift: devorar aos profesores da escola obrigatoria e aos dirixentes da televisión italiana…

A educación como código penal da moralidade e a televisión como escaparate que incita continuamente ao consumo horrorizaban ao cineasta. No ámbito docente tivemos un avance necesario coa retirada dos crucifixos que presidían as aulas, pero as doazóns para as inundacións bíblicas do Levante son xestionadas por feirantes reaccionarios que unicamente pensan en enfocarse co móbil.

Acabo de comprar Vulgar lengua nunha libraría de segunda man. Sentira falar dese libro. Recolle a derradeira conferencia de Pasolini, deuna o 21 de outubro de 1975, días antes de ser asasinado en Ostia. Hai un parágrafo que resume a idea que quere transmitir no título:
—Para o humilde falante do sur o modelo transformouse no do proletariado do norte, aburguesado a través da posesión de novos tipos de obxectos de consumo e de novo nivel lingüístico que expresa esas posesións.
Traducido ao galego: critica aos obreiros con aspiracións de clase media que abandonan as linguas propias polo prestixioso italiano.

Leo Zordan fala véneto con orgullo e Pasolini defendeu ata o esgotamento o friulano, o seu idioma natal. En La larga carretera de arena hai unha crónica continuada dos idiomas e das variantes que vai atopando en cada lugar. En Pescara volve coa teima sociolingüística a propósito do abruzzo.
—O dialecto é áspero e macizo. Pasada a unha, a unha e media, no salón de baile soamente quedan os ricos, os que falan italiano.
Levo mediado este artigo e estou marchando moito de tema. Regresemos ao verán, non a este verán impostado que denominamos outono, senón ao outono escrito no almanaque das letras tostadas coma as follas caídas.

Unha crónica que parte da fronteira con Francia

La larga carretera de arena é unha crónica que Pasolini escribiu en xuño e agosto de 1959 para a revista Successo. Percorre A longa estrada de area —escribo en italiano—, toda a costa do seu país, conducindo un Fiat 1100. Viaxa dende Ventimiglia, que fai fronteira italofrancesa con Niza, descende ata o sur de Sicilia, e remonta polos mares Xónico e Adriático ata Trieste.

Foi a única vez en que o cineasta e escritor mortificado se permitiu ser hedonista e, como consecuencia, melancólico. Quero dicir, que foron os dous únicos meses da súa vida nos que foi feliz. Na Spezia estrea un dos domingos máis bonitos da súa vida. Sube ao cumio en Livorno, «o enorme litoral cheo de mozos e mariñeiros libres e felices». Cando sae de Circeo «o corazón latexa de felicidade, de impaciencia e de orgasmo. Só co 1100 e todo o Sur diante de min. Comeza a aventura».A travesía pola costa italiana ten un propósito: buscar a esencia do seu país. Dá con ela en Portopalo, onde «a xente está como tola e é a mellor de Italia, raza purísima, elegante, forte e doce».

A Italia que percorre vén de superar por segunda vez unha guerra arrasadora, está reconstruíndose, os negocios marchan en inverno e agora gozan  do verán. Están de veraneo os obreiros de Milán, que aparcan os Fiat sobre a praia e chantan o parasol co orgullo da vitoria de Iwo Jima, cerca dos postos dos socorristas,  xunto aos chalanos dos mariñeiros, "que son xente que converte a súa humildade nunha especie de lenda vanidosa". O resultado é "unha enxurrada variopinta da vida conxestionada pola vontade de estar, tanto ten o xeito, pero estar nestas praias espléndidas, cada quen disfrutando do ideal do verán, empregando as enerxías todas en ser feliz, en exhibirse nunha verbena do amor".

Os ricos tamén veranean, claro; veranean máis e mellor. Son menos, pero son ostentosos. No bar La Gritta, de Portofino, o camareiro "que ten cara de pirata local e alpargatas brancas" besbella "mañá pola noite chega Ava Gardner. Dentro dun cacho atracará Warren Buffett, foi dar unha volta ata San Fruttuoso no iate".

Un encontro con Agnelli

En Fonte dei Marmi atopa a famosa Villa Agnelli, comprada pola dinastía de Fiat —o coche no que viaxa o escritor— en 1926. Pasolini dá con Gianni Agnelli. O empresario ten daquela 38 anos. Descríbeo "gordo, florecente, bronceado".
—Impórtalle que lle faga unha foto, señor Agnelli?
—Moitísimo!
Así que Pasolini agradece a súa "cortesía celestial" e arranca de novo o coche.

O cineasta fai unha viaxe singular. Parece temer que unha treboada rache a imaxe de Lerici: "Nunca vin tanto nin tan perfecto sol". Acepta unicamente o mítico. Entrando en Cinquale comenta que fora praia de veraneo de D'Annunzio, de Huxley, de Rilke, de Malaparte, de Thomas Mann —"que facía bañarse espidos aos fillos para escándalo dos italianos"— e mesmo de De Robertis —"coa súa cabeza de gorrión, despois de ter comido unha desas sopas que son o seu único sustento"—. Pero nese verán sabe que Bertolucci está alí e non acude velo. Esquiva á xente real. Unicamente visita a Fellini en Fregene, ao norte de Roma, onde está filmando unha escena de La dolce vita. Penso que recordan a escena. Marcello Mastrioanni paseando con traxe branco pola praia de Passoscuro, convencido xa de que nada ten sentido nesta vida, pecha a película. Pasolini lembra que tiña que "axudar a Fellini a escribir os diálogos desa escena, pero vou pasear polo Tirreno".

O único interese por atoparse cun cineasta preséntaselle en Isquia, onde hai un hotel no que veranea Visconti. Percorre, con ansiedade, todo o edificio ata que un camareiro lle advirte de que o director está botando a sesta e que ninguén se atreverá a espertalo.

O máis estarrecedor da crónica de Pasolini é a chegada a Ostia "baixo un temporal azul como a morte. A auga evapórase entre tronos e lóstregos. En Ostia é novembro", escribe en pleno agosto. Parece a crónica dunha morte anunciada. Sería asasinado nesa praia, en novembro de 1975.

Comentarios