Opinión

Un anxo triste

Guau! Que é iso? Un Cadillac coa cor do café? O neno botou a man aos ollos co corazón palpitándolle. Chuck Berry tiña razón! Ese coche existía! O asfalto alapeaba no horizonte coa calor do verán e o vehículo pasou diante del como se viñese dun soño botando charetas
Tom Petty. EP
photo_camera Tom Petty. EP

MAIS O NENO colleu o tirapedras do peto e probou fortuna. Bingo! Déralle a un dos focos traseiros. Pero o coche parou. Entón o neno atravesou o xardín ás carreiras e meteuse disparado na habitación. Debeu escoitar voces, algún berro. Despois fíxose o silencio na casa e a porta pechou. Sentiu uns pasos atravesar o corredor e unha sombra no relanzo da porta. Seu pai chamou por el. Tom? Tom, que fixeches? Levaba o cinto xa na man. O neno contiña a respiración debaixo do colchón. Ía ser aquela a primeira palerma? Seguro que si. Sentiu a man de seu pai collelo por un nocello. Son momentos estraños. O neno mirou o somier metálico e, sen saber o por que, sorriu. Non foi a última.

Tom Petty naceu en Gainesville, Florida (1950). Vén da terra de Faulkner. Seu pai, ademais de maltratalo cando bebía —era alcohólico, batía tamén na muller e desaparecía por tempadas da casa—, era vendedor de seguros. Ao chegaren da escola, os nenos botaban o día na rúa e vían episodios de vaqueiros, pero foi unha película de Gene Autry, cantante cow-boy que aparecía sempre cunha guitarra na súa montura o que lle fixo reparar no instrumento. Regaláronlle unha polo Nadal cando tiña doce anos. Así que cando non estaba na rúa, xogando nas inmediacións dun ultramarinos de seus pais cos nenos negros, botaba o tempo tocando o instrumento.

A tía Evelyn apareceu un día na casa. Baixou do coche e díxolle: Tom, queres vir con nós a coñecer a Elvis Presley? Seu tío tiña que achegarse por motivos de traballo á rodaxe do filme Persigue ese soño, protagonizado pola estrela do rock. O pequeno Tom nunca pensara no rock and roll. Que era exactamente iso? Así que viaxaron uns días despois a Ocala, a trinta millas da casa e ingresaron no set de rodaxe, ateigado de cadillacs brancos. Entón, de súpeto, apareceu Elvis. "Parecía un anxo, vestido de azul, as gafas de sol e o pelo negro", confesou Petty algunha vez. Elvis saudouno e tróuxolle varios discos asinados. Aquel día Petty fíxose coleccionista.

Un día, nunha tenda de música, coñeceu un rapaz de once anos coma el. Chamábase Benmont Tench, gustábanlle os Beatles —os dous víranos no programa de Ed Sullivan— e ademais tocaba o piano. Aos trece, Petty conseguiu unha guitarra eléctrica Kay e aí lanzouse todo. Con outros dous rapaces máis do barrio facían versións de Wooly Bully ou ‘I saw her standing there’. Axiña montará o seu primeiro grupo, The Soundowners, logo de tocar co grupo do instituto en bailes xuvenís. Pero vai ser con The Epics, co que ingresen no bautismo do rock and roll: traxectos na súa propia camioneta, marihuana, noite e primeiros contactos sexuais. Versións de James Brown, The Animals... E un novo grupo, Mudcrutch, con Benmont Tench e co guitarrista Mike Campbell, quen se converterían posteriormente na base dos Heartbreakers, a banda que o acompañará a meirande parte da súa carreira.

Nos anos 80 a carreira de Petty lánzase definitivamente e acada o seu cumio cruzándose con Bob  Dylan

A cousa non funciona de todo e Petty decide probar sorte en Los Ángeles. Despois dalgunha negativa das grandes discográficas, recibe o apoio de Leon Russell, para aquel entón xa unha estrela rutilante do rock and roll e copropietario da discográfica Shelter Records: "Tiña un garito en Tulsa. Construíran un estudo de gravación dentro dunha igrexa. Leon díxonos que iamos tocar toda a noite xuntos alí. E cando amencese gravariamos unha sesión. Dixo que quería que asinásemos coa súa discográfica. Gustoulle, ao día seguinte fomos a Hollywood e asinamos o noso primeiro contrato. Despois deixáronnos unha casa no val: tiña piscina e tiña de todo, pero non había camas".

No 75 o grupo disólvese, pero Tom Petty grava coa banda de Leon Russell e ten ocasión de tocar con xigantes como Al Kooper. Cos seus compañeiros forman The Heartbreakers no 76 e comezan a xirar como teloneiros de Nils Lofgren —guitarrista da E Street Band de Springsteen—.

Publican o seu primeiro disco no 77 Tom Petty and the Hearbreakers, onde brilla American Girl e comezan a comparalo –no vocal- con Dylan e Roger McGuinn, de The Byrds. Ao ano seguinte publican  You’re gonna get it e no 79, xa nunha filial de MCA, Damn the torpedoes. No ano da Marcha a Xove contra a apertura dunha central nuclear na Mariña lucense, os estadounidenses tamén protestan en setembro contra a enerxía nuclear e o maior desastre nuclear da súa historia, Three Mile Island. Son tres días de concertos no Madison Square Garden baixo o nome de No Nukes.

Nos anos 80 a carreira de Petty lánzase definitivamente e acada o seu cumio cruzándose con Dylan. Xuntos, canda outras lendas vivas do rock and roll (Jeff Lyne, Roy Orbison e George Harrison) montan o súper grupo The Travelling Wilburys. No 99, Petty vai publicar un disco fundamental, ‘Full Moon Ever’, co que debuta en solitario e obtén a consagración definitiva. Abre con Free Fallin, convertida xa nun standard do rock. E no 91 aparece Into the Great Wide Open, que contén outro clásico, Learning to fly. No 94, publica o seu segundo disco en solitario, Wildflowers, colleitando éxitos como You Don’t Know How It Feels, You Wreck Me, It’s Good to Be King, A Higher Place e Honey Bee.

O sentimento de culpa pola ruptura matrimonial que o sempre o acompañou

Polo documental publicado hai uns meses, que rexistra o proceso de gravación deste disco, sabemos das turbulencias que axitaban a súa vida privada e encontrámonos de novo cunha autoprofecía cumprida máis do rock and roll. Todas as referencias apuntan a que un dos rockeiros máis influentes da historia era unha persoa tímida e reservada, que non dubidou en aplicarse a fondo, porén, nas posibilidades que inclúe a vida do rock and roll: excesos, inestabilidade, a fama abafante, as drogas... Caos. O sentimento de culpa pola ruptura matrimonial que o sempre o acompañou. E un trazo que acompaña algúns creadores, que non encontran tampouco no que crean algo que poida saciar a súa sede. Petty viviu até o final inmerso en procesos creativos que o levaban dun disco ao seguinte, mergullado en constantes xiras e problemas de todo tipo derivados da automedicación, causa final do seu falecemento.

En todo caso acumulou 45 nomeamentos no máis alto da táboa Billboard e gañou por méritos propios un lugar destacado entre os mellores escritores de cancións do século XX. Non por casualidade moitas das súas cancións falaban dun mundo mellor. Talvez un lugar onde as mansións do rock and roll, ademais de piscinas, tivesen unha cama onde poder durmir e soñar coa aparición de Elvis. Vestido de azul, entre brancos Cadillacs no centro da infancia.

Comentarios