Unha vida nova para futuros amantes
Cando souben de Guitarricadelafuente cheguei sen tempo de comprar entradas para o seu recente concerto na Coruña. Vai volver ao Costa Feira de Sanxenxo en agosto, pero daquela quen sabe. O seu último disco chámase Spanish leather (Coiro español). Pensei na canción Boots of spanish leather (Botas de coiro español) de Bob Dylan. A balada de Dylan é de 1964, fala de alguén que estaba de viaxe por España e sufre a ausencia do seu amor, que quedou na outra beira do océano. "Pensei que/ tal vez queiras algo bo/ feito de prata o de ouro/ sexa desde as montañas de Madrid/ ou dende a costa de Barcelona". O cantante non coñecería España ata 20 anos máis tarde, cando tocou en 1984 no campo do Rayo Vallecano.
Na letra, Dylan conta á amada que as botas de coiro español lle serven para achegarse a ela, por moito que se limite ao recordo e ao desexo.
Guitarrica usa o título en inglés, pero o seu álbum fala dun rapaz dunha vila que se traslada a unha cidade inmensa. O coiro representa a identidade, a tradición e a sensualidade que deixou atrás no seu lugar natal, Benicàssim, cando se estableceu en Madrid, onde todo é luminoso, axitado e cambiante. Nas letras conta a contradición entre a solidez das relacións que vivía na casa coa fluidez e inestabilidade das que vai trabando na megápole.
Dentro de disco seguín buscando referencias. No tema Futuros amantes escribe sobre un rapaz que empeza unha relación con outro movéndose entre a fascinación que nos arrebata a alma cando namoramos e o desexo de que ambos sexan "futuros amantes/ como los de antes/ voy a soltarme por tus rutas salvajes"; quero dicir que lle roga que se amen dun xeito estable e tradicional. Ao tempo, desconfía del porque o chama "young bel ami" ("novo bo amigo"). Bel Ami (1885) é a novela de Guy de Maupassant. Andei buscando nela pola casa porque a teño na edición de Debate, pero non a dei atopada; debo tela nalgún rocho lonxano e escuro, metida nunha caixa afastada.
O protagonista, Georges Duroy, é un exmiilitar que traballou en Alxeria e vaga por París. Leva no peto 3 francos con 40 céntimos, o que equivale «a dúas ceas sen xantar ou a dous xantares sen cea, a elexir». Pero un encontro fortuíto cun compañeiro do exército que agora é redactor político dun xornal de peso, vai permitirlle saltar varios banzos cara a arriba na vida social. Iniciado polo amigo no periodismo —ese oficio de «quen describe a comedia humana cobrando por liñas»— atópase de súpeto nos círculos do diñeiro e o poder.
Georges Duroy é guapo e novo, un young bel ami. Logo descobre que usando as mulleres «se chega máis rápido» no ascenso na sociedade. Dando golpes baixos de desexo e ambición, «vaidade afagada e sensualidade satisfeita» van caendo amantes, esposas e herdeiras de señores poderosos.
Maupassant explicou que o seu personaxe era «un aventureiro parecido aos que vemos cada día por París e que se atopan en todas as profesións». O protagonista convirte os 3,40 francos que lle quedaban ao principio da novela a unha divisa de amor e sexo que compra vontades e posición.
A modernidade parece determinar a fugacidade das relación, condicionadas polo desapego e a dificultade para atopar conexións auténticas nunha era de intimidade pasaxeira. Isto ecoa coa crítica de Maupassant á superficialidade da sociedade parisiense, onde os vínculos persoais están marcados polo interese e a inestabilidade.
A canción de Guitarrica faise dese mundo que habita agora onde os valores que contan son a capacidade de gasto a pagar coa aplicación do móbil, as horas investidas en moldear o corpo e o encanto para xerar relacións fugaces.
Supoño que limitar o comentario sobre un disco a unha única canción é limitalo, pero é unha escolla consciente porque a letra abunda de referencias literarias. Sigo, daquela. Guitarrica fala da confusión entre a tradición da que vén e acomodarse ao cambio: "Una costumbre que no puedo soltar/ Y es una moda que no puedo seguir/ ¿Solo me pasa a mí?".
Bel Ami tamén analiza a tensión entre a autenticidade e a representación. Na canción Futuros amantes, o amor pode ser un papel que se interpreta, pero aínda así existe a posibilidade de atopar algo real no medio do caos e a transformación. Na novela, aínda que Georges Duroy manipula e actúa, tamén busca un lugar de pertenza e sentido nunha contorna cambiante e competitiva.
Volvo ao principio, cando canta que "he visto morir el Sol y el pueblo hacia la carretera/ Escaparates, maniquís y un reino en cada acera, eh/ Vivir la vida nueva". Fala de Daniel, que Daniel El Mochuelo, o personaxe de El camino de Miguel Delibes que marcha da aldea feliz á amarga cidade. Guitarrica xa era ese Daniel no disco anterior.
Eu crieime nunha vila, en Ribadeo. Todo o meu interese era escapar daquel deserto de aburrimento, daquel bocexo somnolento continuado. Era irritante escoitar aos veraneantes —felicidades de paso, aves de tempada— lamentando regresar á viveza das cidades e non poder quedar entre nós, nesa apatía densa que eles eran incapaces de imaxinar.
A referencia a Bel-Ami na canción non é só unha crítica social, senón unha invitación á conciencia: o amor e as relacións na modernidade poden ser escenarios efémeros e baleiros, pero continúan sendo espazos de reinvención e procura de sentido.
Guitarrica fala de vivir a vida nova. Quero supoñer que é unha cita da vita nova de Dante. O poeta do rostro feroz que destila o amor máis destilado por Beatrice, o amor que nunca escapa porque non pertence ao mundo fugaz.