Blog | A lume maino

A cidade como medalla

Gómez Noya, campeón en Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Gómez Noya, campión en Pontevedra. RAFA FARIÑA

"VAMOS, venga!", gritaba tralas vallas colocadas na Ferrería un home xunto a dous nenos pequenos ó paso dos corredores con malla vermella. "Go, USA!", dicía cando o que pasaba suando era un atleta do xigante americano. "Allez, La France!"… E así. Durante o tempo que durou a carreira do pasado sábado do Triatlón, aquel home de complexión atlética e mochila infantil ás costas, animou a todos e todas as deportistas que pasaban pola corredoira de pedra cara a meta, cada volta apretando máis os dentes, con máis dor na cara. Os rapaciños que estaban a carón del repetían o que el facía. Se aplaudía, aplaudían. Se levaba a man á boca para alzar aínda máis a voz, berraban un pouco máis. A cada atleta que lles pasaba por diante lanzábanlle uns folgos en forma de palabras, de vítores e palmas. E canto máis esgotado se vían ós competidores, máis era a forza coa que o facían.

Este pai foi un exemplo. Pero houbo moitos. Pais e nais e familias enteiras, que levantaron ós pequenos da cama moi cedo nun sábado para ver a saída da proba raíña do Mundial de Triatlón. Ou que desde distintos puntos da cidade quixeron empuxar os participantes á meta e amosar ás xeracións máis novas que é posible percorrer tres quilómetros a nado, 113 en bici e 30 correndo sen morrer no intento. Que para iso é preciso esforzarse como un campión da talla de Gómez Noya, Pablo Dapena ou Saleta Castro.

E que os que gañaron son os mesmos que moitas veces cruzamos na Illa das Esculturas coa néboa das mañás de inverno, e os mediodías de calor do verán. Os mesmos que adestran día si día tamén, sen cifras millonarias que alimenten o seu futuro.

Os atletas son un exemplo de tesón, de esforzo, de constancia. E Pontevedra botouse á rúa para recoñecerllo e, de paso, para deixar á Boa Vila merecedora do seu nome unha vez máis. Non só é esta unha cidade fermosa, agradable de percorrer, pensou algún. "Para atletas populares como yo lo que hemos vivido estos días en Pontevedra es algo inigualable. Un ejemplo de organización, de comodidad, de saber hacer, de amabilidad. Compito a lo largo de todo nuestro país y sinceramente no tengo palabras para describir lo vivido en Pontevedra", asinou nestas páxinas Juantxo García. "Nos llevamos esta ciudad como medalla en el corazón", engadiu.

Fóra do eido deportivo non é a primeira vez que acontece que a cidade se entrega a un evento ata que acada sona alén das nosas fronteiras, se é que as temos. Pasa cada vez que se enche o Salón do Libro de nenos e maiores ávidos de contos polo mes de febreiro, ou cando a xente se bota ás rúas polas festas de agosto, sen deixar un recuncho baleiro; ou cando a veciñanza enteira conquista ás prazas na Feira Franca envolta en vestimentas típicas do Medievo, na estrea de setembro...

Xa era coñecida a cidade do Lérez como unha vila participativa, que se implica en cada cousa que fai, e moi orgullosa de si mesma. Xa tiña sona de ser unha cidade que aposta pola cultura, cunha axenda que multiplica de cotío actos en distintas sedes e sempre ten público que os acubilla. Agora sabemos que ademais da literatura, da arte e da festa, tamén acontece co deporte.

Queda ver se vén para aquí a Gran Final de las Series Mundiales de Triatlón en setembro de 2023. Polo momento Pontevedra demostrou que está á altura. Non só na organización, no mellor dos escenarios... se non no espírito.

Comentarios