lunes. 06.12.2021 |
El tiempo
lunes. 06.12.2021
El tiempo

Nestes tempos de andar ás présas, palabras cociñadas devagar.

Negacionismo

Non lle gustaba nada falar de según que cousas. Se a filla maior sacaba o tema na sobremesa, ela arrodeaba a cunca con toda a man, apertaba ben a culleriña e remexía aquilo con tanto ímpeto que ata formaba un remuíño de café con leite. Contestaba ás queixas da rapaza con evasivas tópicas como iso de que nos temas de parella non hai que meterse ou cun repertorio avellentado. E antes de que a meniña dos seus ollos arrincase a relatar as pelexas que vivía, os episodios de ciumes que duns meses para aqui volvéranse máis violentos e a tiñan descolocada ou de que se arremangase a blusa para amosarlle as marcas dos brazos, ela xa estaba de pė, apurando o último grolo para lanzarse ao fregadeiro a colocar a loza. E afogaba os medos e mailas dudas baixo a billa e cun pouco de xabrón e auga temperá nas mans, daba un xiro de 360 graos á escea e á conversa. Evitaba mirala ós ollos do mesmo xeito que non miraba o saldo da conta logo do 20 de cada mes. Cuestion de supervivencia. Non podía sosterlle a ollada e Discutía parabsi nun duelo que sempre acababa perdendo. Negou unha e mil veces que aquelo era certo, apoiada na tese de que “son cousas que pasan”. Tiña tan normalizada a cousa esa do maltrato que nunca pensou que acontecería aquelo.

Contoumo anos despois, preto dun 8 de marzo dalgún ano no que se homenaxeaba as mulleres maiores coma ela. As traballadoras de toda a vida, as incansables que sostiñan familias enteiras coas súas mans endurecidas polo mar e polos anos. Conto como cando a súa cuñada lle deu a noticia tiveron que agarrala entre tres porque caía con todo o peso da súa maternidade cara o chan. Levaba a culpa reflectida nos ollos duran o seu relato. Quedara sen forzas para sempre. As mans febles sostiñan o baleiro no que quedara sumida.

Non fixera nada. Negara unha e outra vez que aquelas olladas e frases autoritarias del cara a súa filla fosen as primeiras cadeas. Negara que era violencia. Opuxérase unha e outra vez a admitir que os rabuñazos eran agresións dun maltratador, o que tantas veces xustificara como discusións domésticas. Ou que o fogar da filla se convertera nun cárcere. Contoumo, ós poucos. O seu caso foi un dos mil, case mil, asasinatos machistas contabilizados desde que hai rexistros. Pasou pola prensa case inadvertido varias décadas atrás. Nunca poderei esquecer o seu relato.

Hai uns días fíxome chegar unha mensaxe. Non pode ser que haxa líderes políticos que neguen a verdade. Que nos queiran cegar de novo, levar á violencia a unha sorte de normalidade insoportable, dicía. Non pode ser. Non lles permitades que digan que non é violencia de xénero. “Pola miña filla e por todas as demais”.

Negacionismo foi unha palabra que se repetiu en moitas ocasións na tarde de onte no Teatro Principal. Distintas comunicadoras, escritoras, opinadoras e mullers do público amosaron en voz alta a preocupación polos intentos de retroceder na loita contra a violencia machista.

Onte mesmo unha das mulleres referentes no xornalismo deste país, Pepa Bueno, na súa intervención no foro As mulleres que opinan son perigosas dixo: “Negar la violencia de género es negar la evidencia científica”. O grave, engadiu despois, non é que xorda un grupo que con ese discurso, senón que “los partidos que están en el Gobierno compren ese discurso”. Iso é o grave.

Negacionismo
Comentarios