El tiempo
miércoles. 28.09.2022
El tiempo

Nestes tempos de andar ás présas, palabras cociñadas devagar.

Romper o silencio

Participantes nunha marcha en Palma de Mallorca en apoio ao rapeiro Valtonyc. CATI CLADERA (EFE)
Participantes nunha marcha en Palma de Mallorca en apoio ao rapeiro Valtonyc. CATI CLADERA (EFE)

CANDO OS programas de televisión que recompilan anaquiños de chumbo dun tempo en tecnicolor resultan moito máis transgresores que calquera dos que se emiten en prime time neste século XXI da bigdata e a afouteza é que algo estamos a facer mal. Cando cubrimos as palabras con xerseis de la de pescozo cisne, cando reinventamos o horizonte na propia orixe iniciamos unha incomprensible marcha atrás. Escollemos sen querelo un camiño de bocas silenciadas, cos beizos cosidos con punto de cruz. E só os maiores son quen de lembrarnos canto do que tanto lles custou acadar se nos está a escorregar entre os dedos.

Vexo aos bufóns de hoxe en día encarrexados. Máis acedos que nunca nos seus chistes porque o que acontece non é ningunha broma. A semana pasada abrimos os informativos con tres sucesos que parecían acabados de sacar do NoDo: un libro de vocación xornalística, construído sobre feitos constatados e coa saia do rigor medida ó milímetro era secuestrado xudicialmente. A moitos veunos á cabeza a escena do Quijote enlouquecido e a fogueira de libros. Case a un tempo, unha obra provocadora que convida á reflexión e o calafrío era retirada da feira de arte contemporáneo, espontáneo e libre por excelencia, para escarnio dos responsables de semellante incursión na liberdade creadora. E no mesmo día foi noticia a condena de tres anos de prisión a un rapeiro, que asina letras polémicas, máis que cuestionables, si, sobre a familia real, pero que pon o foco nesa lei que nos rodea e trata de manternos mansos e calados.

Lembro aquela lenda que me contou hai mil anos meu avó sobre un home que aceptou o reto de dicirlle á raíña que estaba coxa. Presentouse na corte con dúas flores e dixiuse a Mariana de Austria: "Entre el clavel blanco y la rosa roja, su majestad, escoja". Co tempo souben que quen pronunciara aquelas palabras fora Quevedo, que o meu avó era un intelectual de taberna e que aquela técnica de mudar o significado das palabras tiña un nome un tanto curioso, calambur.

Pois ben, imos ter que botar man de estratexias lingüísticas e picarescas para expresar libremente unha opinión? Ocultala detrás de metáforas enxeñosas e poemas acrósticos e versos con mensaxes ocultas dun tempo amordazado? Non o sei.

O que si teño claro é que se meu avó levantara a cabeza, logo de comprobar que Franco seguía baixo terra, poría a súa dignidade sobre a mesa, afiaría a retranca e sairía á rúa coa equipaxe dunha Ditadura, dúas guerras, unha represión brutal e ao fin unha transición democrática cargada de esperanza que hoxe ve tambalear o seu prestixio no arame. Imaxínoo observando todo este silencio e levando as mans á cabeza ao recoñecer a sombra da censura achegándose tralos pinceis e as plumas. Podo velo naquelas tertulias de sabios do pobo esculcando o futuro e o Congreso, cunha cunca entre as mans. E imaxínoo tamén alentando ás netas e ós netos a estudar, a prepararse nun mundo próspero polo que a súa xeración suou para poñer os alicerces con tanto entusiasmo. Podo velo facendo súa aquela frase do vello Jorge de Burgos a Guillermo de Baskerville en O nome da rosa, de Umberto Eco, e advertindo: "A risa mata o medo". Quizais acabemos por prohibir as cóxegas.

E no medio de todo isto, xusto cando a liberdade de expresión se pon no punto de mira e os creadores son tentados a conter a alma e os humoristas a esparexer risos miúdos sobre guións que languidecen, Pontevedra organiza un encontro de mulleres que opinan. Decide subliñar o traballo que desde as redaccións fai o 50 por cento da poboación. Xusto cando máis espiñento se pon o panorama para o xornalismo en xeral e para o columnismo en particular, saímos nós a reclamar que as mulleres tamén opinamos, que queremos que se teña en conta a nosa forma de ver a vida. Saímos para chamar ás cousas polo seu nome. Para romper o silencio.

Romper o silencio
Comentarios