El tiempo
sábado. 04.02.2023
El tiempo

Nestes tempos de andar ás présas, palabras cociñadas devagar.

Votar con v

NA CLASE de quinto de Primaria preguntaron esta semana canto sabía cada un dos candidatos á Presidencia do Goberno e a quen votarían se tivesen a idade para facelo. A maioría do alumnado coñecía dous ou tres nomes, como moito a coleta dun terceiro ou as bromas co Falcon ou a afección á teletenda dalgún candidato no debate da semana e pouco máis. Houbo quen se animou a contestar. Un dos alumnos subliñou en voz alta que el votaría a Vox porque "di o meu pai que son os únicos que protexen o país dos que queren acabar co mundo", dixo resumindo unha idea que obviamente escoitara antes.

Daquela, o profesor advertiulle que de gobernar un partido coma Vox tería que despedirse dos compañeiros e compañeiras procedentes doutros países, como Ana, que naceu en Rumanía, ela e maila súa familia terían que marchar. Ou como outro amigo fillo dunha de tantas familias venezolanas que veñen de cruzar o charco na procura dunha oportunidade na terra dos seus bisavós.

Ó escoitar iso, o rapaz que alzara a man, un tanto contrariado, corrixiu a súa postura. Xa non vía o superheroe que lle describiran. "Non os votaría porque non me gustaría que marchasen", sentenciou. "A clase non sería igual sen eles dous". Soou o timbre e a conversa rematou.

Pero non son eles quen teñen que telo claro. "Que diferenza hai entre dereita e esquerda?", preguntoume a miña filla de dez anos hai uns días. "Por que non hai mulleres presidentas?", quixo saber. "Que é votar con v?", interesárase tamén días antes o seu irmán de seis anos, cun balón entre as mans. Mañá iremos xuntos ó colexio electoral e volverei explicarlles que non hai tantos anos atrás as mulleres non tiñan dereito a votar, nin sequera a decidir que facían co seu patrimonio ou co seu futuro, nin a pensar por elas mesmas.

Para os máis pequenos o 28A simplemente será un xogo. Entrar nas cabinas e pechar a cortina, enredar nas papeletas e meter unha, a escollida, nun sobre e acompañar a súa nai ata a urna. Saben que é un día importante, pero non teñen nin idea de que do que se decida nesas urnas sairán as coordenadas que definirán que rumbo tomará o noso país nos vindeiros anos.

Se apostamos por reforzar a sanidade pública, pola investigación e a innovación, se introducimos o cambio climático nas prioridades, ou como imos preparando a hucha das pensións para cando este país teña máis ancianos que bebés. De que maneira apoiaremos ás familias para que sigan medrando, e ás empresas para que sigan creando emprego, ou que medidas se van adoptar para que as xeracións máis novas atopen traballo de calidade, ou para que poidan independizarse, alugar unha vivenda, formar unha familia...

Tampouco imaxinan que segundo a nosa elección estaremos condicionando o futuro da nosa lingua, que materias estudarán eles na escola, ou se os seus compañeiros inmigrantes estarán na clase o curso que vén. Non saben tampouco que nese sobre non só se deposita un voto, senón tamén toda a confianza dos cidadáns, as súas esperanzas de futuro e, neste caso, máis que nunca tamén as pantasmas dos seus medos a que alguén acabe co noso mundo.

Por iso é tan importante saber de que estamos falando cando falamos de política. Quen se agocha detrás de cada sigla. Diferenzar a verdade dos ‘fake’. E entender que representa cada cor de cada traxe, para non levarnos o chasco de andar na procura de superheroes que ó final teñan que acabar por salvarnos de nós mesmos.

Votar con v
Comentarios