martes. 26.10.2021 |
El tiempo
martes. 26.10.2021
El tiempo

A culpable de todo

Ou estamos maiores nós ou están maiores as consignas. John Lennon faría 80 anos neste venres e Yoko Ono está delicada de saúde. Formaron a parella artística do século XX mesmo alén da outra gran parella dese século: Lennon-McCartney. Ono é vítima da súa biografía, pero non hai que fiarse das aparencias. Eles decidiron así a súa vida, por máis que artisticamente unha e outro estivesen nos antípodas. Todo o mundo sabe quen son, pero coñecer é outro verbo.
Yoko Ono
Yoko Ono

ELA É XAPONESA, filla de diplomático, cunha infancia nun país derrotado por dúas bombas atómicas. Ela deu en ser unha artista de vangarda, con pezas entre a provocación e o absurdo. O nome de Yoko Ono (Tokio, 1933) medrou nos círculos underground da arte entre Nova York e Londres, espazos que no medio dos anos 60 ían cargados de entusiasmos, rebeldía modulada de estética e unha gran dose do que hoxe considerariamos inxenuidade. Non queremos aceptalo así, pero eran outros tempos. Posiblemente mellores. Ono deixaba podrecer mazás diante dos ollos dos espectadores de galerías financiadas por músicos como Paul McCartney, ou permanecía inmóbil mentres o público cortaba partes da súa roupa. Pezas paradóxicas e performances eran o centro dun traballo atravesado nunha época na que a corrente era ir contracorrente. El..., todo o mundo sabe a que se dedicaba John Lennon. Quen era el sería motivo doutro libro.

A obra de Yoko Ono quedou encaixonada entre unha fama que non agardaba, a mala fama, e unha obra entre o performático e a instalación. Nos dous casos, Ono sempre buscou a cara chocante das cousas que se daban por aceptadas. En certo sentido, as pezas de Yoko Ono eran a un tempo provocativas e desconcertantes, pero buscaban unha reacción nos espectadores, un descolocamento, calquera cousa que non fose a indiferenza de deixalo todo como estaba.

A performance máis grande, máis decisiva, máis influente de Yoko Ono non foi entendida como tal e sempre queda recollida de esguello en exposicións como a que agora ocupa arestora  Fundação Serralves no Porto, a pesar do tamaño da mostra e da resolución efectiva con que as pezas se axeitan aos espazos do museo. A performance máis decisiva de Yoko Ono, e unha das máis populares da cultura do século XX, está citada como un argumento lateral porque forma parte da súa vida persoal. Pero, se o persoal é político, como non vai ser artístico.

A performance a escala planetaria foi tal que Lennon escribiu unha canción só para contar a odisea dunha parella para encontrar un lugar onde casar

A performance máis importante de Yoko Ono na súa vida foi casar cun beatle. Non polo que significa de parella a contracorrente, ou de vida excéntrica, ou de aplicación de determinados principios artísticos na vida diaria. A intervención consistiu en subirse ao que era a finais dos 60 o fenómeno cultural máis importante do século XX. Subir ás portadas dos xornais, aparecer nos programas de televisión máis importantes do mundo. Pasar, en máis dun sentido, do underground artístico á primeira liña planetaria da cultura popular. A performance a escala planetaria foi tal que Lennon escribiu unha canción só para contar a odisea dunha parella para encontrar un lugar onde casar. Foi en Xibraltar, cerca de España. Tal como conta The Ballad of John and Yoko.

Esa é a intervención: un matrimonio. Non tivo que ser necesariamente planeada, pero nin ela nin el podían ser tan inxenuos como para ignorar o alcance e a amplitude do asunto. Non podían ignoralo e algo da súa teimosía en conseguilo explica que si, que o sabían, que lles prestaba. Que era un reto e un desafío á sociedade aínda que fose desde a cama dun hotel carísimo. Que era o plante a un mundo que estaba a punto de rematar o soño dos 60, tan decisivo para el como artista. Os 60 palmaban, e Lennon e Ono enviaban o lema da última revolución: Peace & Love (Paz e amor), War is over (if you want it) (A guerra rematou —se ti queres—). Por se o matrimonio non era suficiente, compuxeron unha panxoliña. Darlle a volta ao Nadal: non cho perdoarán na vida, Yoko.

Había algo de inxenuidade en todo, como demostran algunhas cancións del e algunhas consignas dela. Pero non hai que esquecer o contexto dos anos 60 e temos que lembrar que a intervención do casamento supuxo sumar dúas forzas case contrarias nesa década: a cultura popular de The Beatles e os movementos contraculturais nos que participaba a artista. Eran forzas alimentadas de materiais moi diversos. Destinadas a públicos case contrarios. E casaron.

Casaron e canto máis encirraban os defraudados pola parte del e os resabidos pola parte dela, máis insistían ambos en casar de branco nalgún lugar no que os seus respectivos estados civís non fosen relevantes. En certo sentido, a insistencia foi outra demostración da capacidade performativa da parella e o seu paseo con remate en Xibraltar quería ser unha historia de amor moderno que en lugar de manobrar contra os pais ten en contra o mundo enteiro. A parella non se botou atrás, como Yoko Ono tampouco pestanexaba nas súas performances, nin cando considerou o desafinado como unha barricada contra o alienamento da música popular de éxito que tan ben representaba o seu home.

O foco de Ono como artista estaba centrado en sinalar os parodoxos dunha sociedade con mecanismos complexos de explotación

Nestas condicións é imposible non entender a parella Ono-Lennon como a performance máis coñecida do século XX. Unha intervención vital tan decisiva que comprometía dúas vidas e todas as vidas relacionadas con elas. Tan comprometida que chegou a comprometer o grupo de música popular máis importante da historia.

 O instinto performático de Yoko Ono non naceu cando coñeceu a Lennon. Os textos insisten moito na carreira de Ono como artista antes de formar parte da Plastic Ono Band. E tiña unha carreira agromada nas marxes artísticas con pedigrí. Fundamentada nunha estratexia de provocación contracultural e en dúas tácticas básicas: intervencións e consignas. Non tiña que ser novidoso, tiña que ser rechamante. O foco de Ono como artista estaba centrado en sinalar os parodoxos dunha sociedade con mecanismos complexos de explotación e, con todo, moito máis primitiva no uso das liberdades que nominalmente se consideraban dereitos. Ono non procedía do conflito de clases nin da amplísima parte non acomodada do planeta. Os paradoxos de Ono son case sempre os que ten unha sociedade despois de comer. Pero este tampouco é un elemento distintivo dos 60, cando percorreu o mundo unha certa ilusión de que o seguinte paso da sociedade xa non dependía tanto do reparto da riqueza como da reconsideración do carácter e dos obxectivos dunha sociedade. A riqueza parecía alcanzada, o amor non. 

A distancia entre o que Yoko Ono entendía como traballo artístico e o que Lennon entendía como arte era moi grande, pero tiñan certas pautas en común. Nos dous había un desexo de desafío e os dous estaban marcados pola súa época. É posible que a historia diga que Lennon foi impulsor do cambio de época, pero o traballo musical de The Beatles, e o de Lennon dentro da banda, estivo moi lonxe das coordenadas musicais nas que se movía o traballo de Ono. O contexto xeral, o contexto dos 60 non era, en cambio, tan distinto. Os 60 foron para Occidente a fin dos pesadelos das guerras, o debut dunha xeración absolutamente protagonista que se encontrou cun fenómeno novo. A mocidade das seis xeracións anteriores fora sacrificada en guerras sucesivas A mocidade anterior ás guerras mundiais non tivera protagonismo como colectivo social. Nos 60, a xuventude converteuse nunha forza social, nunha virtude artística. The Beatles estaban no centro.

Yoko Ono comezou buscando os paradoxos. Lennon comezou no rock and roll. Ono acabou facendo consignas, Lennon escribindo himnos. As influencias mutuas serviron, máis alá de Revolution 9, para un cruce singular que encontrou unha causa óptima para os dous: pacifismo. Amor si, guerra non. Give peace a chance, Peace is power, Imagine (Dálle unha oportunidade á paz,A paz é poder, Imaxina).

En cada himno de Lennon hai un trasfondo de inxenuidade. Non é que fose un inxenuo militante, máis ben que non encontraba outro ambiente para cantar, así que o facía desde unha inxenuidade case recalcitrante. Tamén poderiamos dicir que era inocencia, de non ser que existen as biografías. Yoko Ono quizais non foi inxenua na mesma dirección e seguramente hai poucas persoas no mundo que consideren que esta artista con tan mala prensa poida ter sido atravesada por ningún tipo de adobío naíf. E, non obstante, hai algo de candor artístico nalgunhas das propostas da exposición do Museu Serralves. É posible que Ono se vise atrapada no mesmo dilema de Lennon. Non é que exhibir auga en frascos con nomes de figuras históricas sexa inxenuo, é que se non se aplica unha certa lente inxenua o resultado da peza é demasiado simple. Queda como unha interpretación curta do mundo, como se non houbese malicia. Mellor: como se non quixésemos que o mal formase parte da explicación.

O JARDIM DA APRENDIZAGEM DA LIBERDADE
Ata o 15 de novembro o Museu Serralves mantén nas súas salas unha retrospectiva da obra de Yoko Ono: O jardim da aprendizagem da liberdade, con pezas adaptadas aos espazos do museo do Porto, algunhas tan sinaladas como esa famosa escaleira pola que subiu un día John Lennon para mirar por unha lupa a palabra yes. Esa afirmación que tanto sorprendeu ao músico. A exposición quizais permita entender a artista fóra da condena da súa fama. Hai unha complicación no relato do asunto porque case todo o mundo admite a influencia de Ono sobre Lennon. Pero non parece que esa mesma influencia se entenda como recíproca. A historia avanza no sentido contrario e este ano Ono quedará recoñecida como coautora de Imagine para completar outra das grandes contradicións. A parella menos inxenua compoñendo a canción máis inocente e con máis almibre da historia.

A culpable de todo
Comentarios