viernes. 28.01.2022 |
El tiempo
viernes. 28.01.2022
El tiempo

Acordes e desacordos

Alguén asegurou que na música popular había dúas categorías: The Beatles e o resto. Pasados 52 anos da súa disolución quedaban poucas cousas novas por ver da banda máis influínte de todos os tempos, pero Get Back era unha delas. A docuserie que Peter Jackson montou sobre as ilimitadas horas de gravación do que se chamaba Let it Be demostra, unha vez máis, que hai sempre unha diferenza entre o grupo e o resto. Incluso chegado ao final. Get Back, podía ser un final, pero non era o declive.
The Beatles e Yoko Ono

A HISTORIA de The Beatles está en recomposición. Ata agora estaba contada polos demais, coas súas notas fúnebres, os apuntes sobre noivas, divorcios, sarillos contables e os odios entre egos que tanto fixeron xuntos. Desde hai unha década ou mesmo algo máis son The Beatles os que están decididos a contar a súa vida. Fundamentalmente Paul McCartney e a súa pechada defensa da banda e da súa importancia en todos os sentidos. Para entender o porqué deste Get Back dirixido por Peter Jackson para Disney+ habería que facer o mesmo que o documental pretende: un pouco de historia.

O White Album foi un disco difícil para The Beatles. O primeiro trala morte do seu mánager, Brian Epstein, e tamén o primeiro no que ninguén se atreveu a dicirlle que non a ninguén. Saíu espectacularmente dobre porque, no fondo, non había lugar no que gardar tanto ego. Ringo deixou a banda uns días, canso de tanta batalla interna. Volveu, remataron as gravacións e, unha vez máis, a banda volveu estar á altura da súa fama. A historia di tamén que a banda era de alto rendemento, case dous discos longos por ano con tres ou catro discos sinxelos a maiores. Agora estamos en novembro de 1968 e non hai nada previsto. A máquina está parada.

Nesta altura, máis ou menos, Paul McCartney ten unha idea. Como Ringo Starr recoñecería no Anthology, «sen Paul teríamos feito só a metade dos discos que fixemos». McCartney chama e propón un asunto novo: un disco feito ao xeito dos inicios, un disco sen ‘trucos’ de estudio, como se fose un disco ao vivo. Nada de todo aquilo que caracterizou Revolver e Sgt. Peppers. Un disco que demostrara que eran músicos capaces, músicos de directo, solventes. Un proxecto que acabase de vez coa fama de músicos regulares que parecía instalada en segundo que sectores do mundo musical. As gravacións culminarían cun concerto especial que suporía o regreso aos escenarios da banda despois de catro anos de retirada. O conxunto sería filmado para un programa de televisión. Todo o paquete: disco, concerto e programa tiña un título que agora é fácil de entender: Get Back.

A docuserie é tamén a reescritura da historia porque, a partir de agora, vai ser difícil non chamarlle 'Get Back' a 'Let it Be' 

Volver, regresar (Get back), pode significar moitas cousas, pero naquel contexto da proposta de McCartney quería dicir: volvamos a ser como fomos, catro rapaces tocando rock, facendo un disco e presumindo de como nos saen as cancións; que o mundo volva a marabillarse de como nace a maxia de The Beatles. Como nas guerras, ningún plan resiste o primeiro encontro co inimigo. E Get Back tampouco resistiu o momento que vivían cada un dos catro beatles nese xaneiro de 1969. Tampouco deberamos esquecer que nese ano non todos os beatles chegaban a ter 30 anos.

Os tres capítulos de dúas horas cada un que Peter Jackson montou con case un mes de gravacións de sesións van de como non foi o que ía ser. De como se trastocou un proxecto que quería ser outra demostración do poderío artístico de The Beatles e que acabou por ser a filmación transparente do proceso de distanciamento da banda. A docuserie é tamén a reescritura da historia porque, a partir de agora, vai ser difícil non chamarlle Get Back a Let it Be e iso é restaurar unha parte da historia. Darlle a The Beatles un percurso mellor que o que explica a súa discografía.

Os tres capítulos están organizados cronoloxicamente arredor da folla de calendario dese mes de xaneiro de 1969, para que o espectador entenda que había unha carreira contra o tempo e que esa presión non lle prestaba a ninguén. A diferenza de Let it Be, a película que Michael Lindsay-Fogg fixo con ese material e que conseguiu un Oscar, Jackson quere ofrecer un retrato máis completo das relacións da banda durante eses trinta días. Hai malos momentos e case é incrible que un grupo tan importante se deixara filmar tal cal e, por dúas veces na mesma vida, deixen que se vexa. Musicalmente hai momentos estelares, humanamente hai momentos entrañables, historicamente o documental quizais cambie a mentalidade sobre os roles que cada un dos compoñentes de The Beatles tiñan dentro da banda. A suma de todas estas cousas fan case imprescindible esta docuserie.

Pero antes de ver Get Back aínda queda outro detalle. The Beatles non se disolveron mentres gravaban este disco e non se decidían co concerto. Nin tampouco seis meses despois. A pesar de que esta experiencia foi mala en termos relacionais, a banda volveu xuntarse para facer un novo disco só catro meses despois. Volveron onde gravaran toda a vida e aproveitaron o nome dos estudos para sacar o que realmente é o seu disco final, por máis que se publicara como penúltimo: Abbey Road.

En Get Back as individualidades aínda deixan ver algo da banda que foran ata un ano antes. O espectador pode ver nacer Get Back, a canción, en directo. Pero tamén pode ver medrar Let it Be ou incluso pode escoitar como Harrison chega e ten un esquelete de Something que xa é a canción. Hai que supoñer que ver nacer e medrar as cancións de The Beatles a estas alturas do século é un documento histórico. A serie trata coa mesma naturalidade os momentos de creación como os de distancia, en certo sentido como se uns e outros fosen inseparables.

A química do grupo tamén queda transparente e están os momentos de complicidade que todo o mundo quere adiviñar entre Lennon e McCartney, e o humor que, segundo di a historia, era tan propio da banda.

A dinámica do grupo nese momento está filmada. McCartney quere avanzar, Lennon é displiciente e Harrison séntese ignorado. Ringo é o batería. Harrison deixa o grupo e o proxecto queda parado mentres Lennon non deixa claro o que vai facer. A docuserie permite ver a McCartney reprimindo chorar mentres conta cal é a situación de Lennon. Aínda permite máis porque Paul resume a lenda urbana dos motivos da separación desde antes de que se produza: "Vai ser cómico dentro de 50 anos escoitar que The Beatles se separaron porque Yoko se sentaba nun ampli".

A química do grupo tamén queda transparente e están os momentos de complicidade que todo o mundo quere adiviñar entre Lennon e McCartney, e o humor que, segundo di a historia, era tan propio da banda. E Harrison volve e chega Billy Preston que demostra ter máis paciencia aínda que Ringo Starr e George Martin xuntos. E hai algo que vai porque a música segue saíndo. Pero hai moitas cousas que non van e non só pola sombra constante de Yoko Ono. Como diría Woody Allen están os acordes e os desacordos, e case se podería asegurar que Peter Jackson non quixo facer trampa nin usar cartón.

Percíbese a desgana e sorprende a falta de planificación para un proxecto tan grande. Hai fotos de instagram que teñen máis planificación da que parecía ter Get Back. Tamén a incapacidade do director para moverse entre os cambios e as indecisións. Finalmente está o concerto da terraza e volven The Beatles facer historia sin a apariencia de querer facer historia.

Hai que ser moi fan de The Beatles para as seis horas. Para os moi fans a docuserie suporá algunha recomposición sobre como funciona a banda e a reafirmación máis que nunca de que se tivesen controlado os egos podería ter habido grandes cousas máis adiante. Para os mediopensionistas do grupo a serie pode asegurar que Let it Be/Get Back é mellor disco do que pensaban ata agora, e tamén calcular que o proxecto era moito mellor que a resolución que tivo. Quen non guste de The Beatles non verá as seis horas de docuserie e, se aínda así, se pon a velas, acabará odiando a lonxitude e a insistencia dalgúns detalles. Pero quen odie á banda, se isto é posible, desfrutara porque non hai disimulo. Discuten e supuran polas feridas e marchan e volven porque a historia e así e, sobre todo, porque Get Back deixa claro que eran xente bastante normal incluso no asunto de enemistarse. Finalmente, está a gran pregunta común a case todo o que a banda fixo na súa carreira. Todo isto é grandísimo porque o fixeron The Beatles ou The Beatles foron grandísimos porque fixeron todo isto?

Acordes e desacordos
Comentarios