lunes. 25.10.2021 |
El tiempo
lunes. 25.10.2021
El tiempo

É un clásico? Déame unha entrada

"Os clásicos non poden volver porque nunca marchan"
"Os clásicos non poden volver porque nunca marchan"

UNHA DAS conversas favoritas da xente que vai ao teatro, cando acaba a función, é falar do público. Primeiro fálase un pouco da obra, pero se foi moi mala ou moi boa, a conversa esgótase. Mentres os espectadores volven á realidade, a conversa enreda avaliando se son moitos ou poucos. Nunha desas conversas, o responsable dun teatro asegurou que se se coloca a palabra ‘clásico’ nun cartel a xente mira máis. Se colocas o adxectivo ‘clásico’ a calquera acción teatral hai máis público.

A observación era empírica e a xente confía na acepción ‘teatro clásico’ do mesmo xeito que confía nas compañías aseguradoras. Aínda que non saibamos exactamente o que é teatro clásico, aínda que non saibamos que aseguran. Sabemos que dan confianza, como ler Shakespeare nos carteis e esperar que todo vaia ben. A pesar de tantos asasinatos como conta. Ir aos clásicos é como ir ao seguro.

A confianza nos clásicos é como a fe: depende de nós. Pero quizais responda a un principio biolóxico: hai que confiar no que sobrevive e os clásicos son os que sobreviven aos tempos. Superan ao tempo, seguen vivos e todos os tópicos que tamén sobreviven a outras mostras de obviedades. Pero cando un entra no teatro non pode haber pasado, todo é presente. Ou hai presente ou non hai teatro.

Pero a convención di que un clásico procede do pasado. Que está aquí, entre nós e agora, porque foi capaz de superar a atención doutra xente como agora tenta superar a nosa. Que esa é unha das virtudes: foi capaz de ter valor para cada un dos públicos que o viron e mantén o tipo. Pero con esta certeza de valor chega a pregunta: como é un clásico capaz de relacionarse con cada público se cada un deses públicos ten en realidade maneiras diferentes de entender? Xa sabemos que sobrevivir é facer trampas ao solitario. E tamén no teatro. O Shakespeare que vemos non é o Shakespeare que foi. O Lope que queremos ver, non é o Lope que era. E o Valle que veremos non é o Valle que foi. Non poden selo. E o Castelao que damos ás veces como clásico tampouco será o que el pensou. Non poden ser porque nesta maneira de presentar e entender os clásicos esquecemos sempre que o público é móbil, que as eleccións non son inocentes. 

Os clásicos son así: todos matamos a Xulio César, pero matámolo cada vez de xeito diferente. O mesmo é un pequeno desgusto que no teatro todo teña que ser contemporáneo, incluso as cousas que parecen tan lonxe de selo. Os clásicos teñen que ser contemporáneos máis que ningunha outra cousa. Son contemporáneos sucesivos como se pode ver na Mostra de Teatro Clásico de Lugo que comeza en febreiro. Porque Shakespeare somos todos e Montoro acabará por cobrarnos por iso.
 

É un clásico? Déame unha entrada
Comentarios