miércoles. 22.09.2021 |
El tiempo
miércoles. 22.09.2021
El tiempo

Fracasos do Centro Dramático Galego

Pasa cada vez con máis frecuencia que a cultura galega só parece ser mausoleo ou resignación. E non o digo só por como unha cultura necesitada de mans se desfai con tanta soltura de xente con experiencia como Manuel Bragado. Dígoo pola enésima lea do Centro Dramático Galego e o trasfondo ao que responde. Temos unha cultura simbólica e parece que temos que resignarnos aos símbolos.
 

O CENTRO DRAMÁTICO Galego tivo máis importancia da que ten. Se facemos memoria, recordaremos que o CDG tivo moita máis importancia da que lle correspondía por tamaño, orzamento, cometidos e éxitos de billeteira. Adquiriu esa importancia porque foi a primeira institución cultural autonómica en presentarse diante diso que eufemisticamente chamaremos gran público. Por lembrar, o CDG estreouse en 1984, a TVG comezou a emitir en 1985. Adquiriu un carácter simbólico e como tal foi tratado. Para ben e para mal. 

O Centro mantivo ese carácter de reclamo visible da cultura moito máis tempo do que as súas obras facían esperar. Entre os tropezos artísticos, a falta de estabilidade rectora do seus primeiros tempos e que Galicia se foi dotando «autonomicamente»  doutras institucións culturais, o CDG foi pasando a segundo plano pero foi mantendo máis protagonismo na vida cultural galega do que institucións con moito máis orzamento. E, digan o que digan, na cultura os presupostos pesan tanto como na aeronáutica.

Se facemos memoria, o CDG tamén foi historicamente un campo de batalla entre a profesión escénica e os dirixentes culturais de cada época. Quizais non debería ter sido así ou quizais debería ter sido máis, pero ben pasados os noventa os dous argumentos favoritos das mesas redondas teatrais eran as subvencións e como había que facer para que o CDG funcionase. A pesar de que as condicións son hoxe moito peores que entón, vivimos no mesmo loop.

O CDG naceu como resposta ao modelo da "cultura autonómica” na que Galicia buscaba un acomodo. Na práctica, ese modelo xa non existe. Foi abandonado nalgúns casos con desinterés, con certo desprezo, e nos casos máis salientables con un aire de asañamento que quere servir de advertencia. A cultura autonómica foi finiquitada por vía administrativa e o exemplo vale para o sector escénico, pero se miramos para o sector editorial e mesmo para o audiovisual, veremos que o que foi punta de lanza do modelo pasou a ocupar zonas grises da xestión cando o modelo desaparece. O repaso tamén nos permite entender que coincide que son estes os sectores máis directamente relacionados coa lingua. A ciencia di que a casualidade non existe.

A profesión teatral disputa co CDG por modelos de xestión, pero o problema é moito máis profundo e máis grave para a supervivencia da institución e o porvir -que palabra- do teatro galego. O Centro naceu cuns obxectivos que case nunca quixo cumprir. Quizais acertou en darlle algunha estabilidade á profesión, pero non foi reclamo de públicos e abandonou sen remorsos a que tería que ter sido a principal loita de toda a cultura galega desde os oitenta cara acá. A de conseguir un público activo, participativo e, sobre todo, contento.

Fracasos do Centro Dramático Galego
Comentarios