El tiempo
miércoles. 06.07.2022
El tiempo

Kant era humorista

Temos esquecida a filosofía. Temos esquecidas as ideas excepto as que necesitan os emprendedores para encher papeis sobre negocios audaces. Temos esquecido o humor e isto tiña que ser un chiste, pero necesita de tempo para levedar.

DEBEU DE SER no nocturno dun instituto con nome de patriarca das letras galegas onde perdín a confianza na filosofía. Entre a confusión da adolescencia con necesidades laborais e a falta de que alguén explicase con contundencia cal é a utilidade de entender as cousas antes incluso de sabelas. Perdín a confianza na filosofía e ela perdeu o interese por min nun distanciamento recíproco que empeorou escoitando algunhas explicacións de Fernando Savater.

Os oitenta foron malos tempos para a filosofía e para a lírica. Máis o primeiro que o segundo. Eran bos tempos para Sito Miñanco, pero aínda que prensa falase da filosofía de vida do narco, o asunto non pasaba do baleirado do substantivo. Eran tempos de ombreiras anchas nas americanas e cabelos exuberantes e isto, de entrada, xa impide calquera tipo de filosofía elegante.

Pouco despois cambiei a especulación filosófica pola asistencia ao teatro e a pesar da miña insistencia en ler o teatro máis alá do evidente non dei convencido a ninguén de que hai algo alén da resolución técnica ou da perfección formal que debe estar presente e que debe ser explicado porque ese é o verdadeiro motivo do teatro. Como da vida, se vale poñerse tan pedante nun papel. E, máis ou menos, a filosofía anda polo teatro transfigurada en asunto serio ou en elemento transversal, que é un cualificativo que se usa agora para todo, coa mesma alegría que o azucre en case todas as comidas. E sabemos pola filosofía a estraña relación entre todo e nada: esa proximidade semántica que a vida cotián non acepta en absoluto.

Cranios privilexiados fai teatro do asunto este da historia da filosofía e das súas manías, fai comedia intelectual cruzada polo perralleirismo propio dos personaxes

E no medio deste ermo filosófico chegan Mofa e Befa e repasan un manual de COU sobre o que a filosofía leva feito por nós sen que nos digamos algo a favor. Cranios privilexiados fai teatro do asunto este da historia da filosofía e das súas manías, fai comedia intelectual cruzada polo perralleirismo propio dos personaxes. A obra queda tamén atravesada por esa idea de que a filosofía é estupenda, pero como lle pasa ao periodismo, ten que estar contrastada. A compañía pilla a eses filósofos famosos e os pon contra o paredón da realidade galega e no contraste os espectadores poden apreciar o que vale a filosofía como ferramenta de análise incluso en situacións similares a que a Garda Civil decida poñernos unha multa.

Mofa e Befa tíralle partido a este asunto de filósofos de libro universitario e xente que ten por norma falar con sentenzas filosóficas. Tampouco disimulan a condición: é unha obra de texto con moitos personaxes, pero nisto parécese ás comedias de toda a vida porque os comediantes leron aos filósofos e quen se resiste a dúas boas liñas nas que se explica todo o que non chegaremos a saber da existencia. É para rir porque o mesmo a vida é un chiste pero nos falta tempo para entendelo.

Kant era humorista
Comentarios