Blog |

Retratos do inimigo interior

Se Telecinco ofrece un retrato dun país haberá que supoñer que as series de televisión ofrecen un retrato do mundo. Na ficción norteamericana hai un dirixido relato sobre o mal e os malos. Pero ese relato foi pasando do exterior ao interior. Homecoming é unha peza máis para demostrar que os Estados Unidos desconfían moito máis de si mesmos que do resto dos seus inimigos.

Julia Roberts. AEP
photo_camera Julia Roberts. AEP

NAS SERIES de televisión dos últimos cincuenta anos hai un relato soterrado sobre os inimigos. Un relato sobre o mal que cambiaba de forma, pero sempre ameazaba. Sobre quen vén sendo o gran inimigo da civilización, ou sexa, dos Estados Unidos. Hai un relato moi concreto sobre quen é o sospeitoso habitual. O relato prodúcese como unha suma de presuntos culpables que, en distintas series, acababan por definir quen eran sinalados como os malos dunha sociedade.

Nos 50 podían ser os indios; nos 60 eran os rusos; nos 60, os afroamericanos; nos 90, os hispanoamericanos —con especial atención a colombianos—, nos 2000 foron os musulmáns —con aparicións estelares de chechenos, bielorusos e algúns que eran dunha república ex soviética que nin sequera existíu—. Os rusos están volvendo como malos de teleserie, do mesmo xeito que os mexicanos con negocios nas substancias estimulantes van ganando protagonismo. Esa liña correspóndese sen demasiada imaxinación cos distintos eixos do mal dos 'inimigos' dos Estados Unidos de América e habería que pensar nunha grande parte da produción audiovisual norteamericana como unha infantería de asalto aos imaxinarios colectivos. Xa logo aparecerán os malos venezolanos.

O curioso desta liña de actuación é que ten sempre unha liña B. Unha segunda liña de argumentario na que os inimigos son propios. A conspiración é un xénero na ficción norteamericana e nunca acaba de desaparecer esa cantidade de malos que son brancos, poderosos, manipuladores e ganadores ata que chega o final da serie. Son conspiradores e son dos deles. Os Estados Unidos son o país do mundo onde morren máis presidentes por serie ou longametraxe. Fóra dos Usa é case impensable unha ficción na que se asasina con certa normalidade argumental ao máximo mandatario dunha nación. En Galicia sería un salto cuántico narrativo propoñer unha serie na que o presidente da Xunta morre nunha conspiración. Ou nos falta ficción ou nos sobra realidade.

Homeland representou a ameaza foránea desde dentro, a versión violenta e contemporánea das tramas de Le Carré

Nos últimos anos, a teoría do inimigo interior foi ganando protagonismo. Cun matiz, foi pasando da conspiración militar, da trama das axencias de intelixencia, da industria armamentística a unha máis escura con finalidade económica. Foi pasando dunha conspiración evidente a unha menos obvia na que son intereses empresariais e financeiros os que alterar o sentido das cousas por medio da conspiración política.

O mapa podería estar no espazo que queda entre tres series con éxito cando menos narrativo. Homeland, The looming tower e Homecoming. No medio delas gravita unha ficción que se toma en serio a escuridade do poder e os modos dun país que non parece poder contar nada bo sobre o que fai.

Homeland chegou lonxe, pero na séptima temporada xa está cansa na súa permanente conspiración. Abriu unha veta nesa idea de que se pode asaltar o poder nun país desde o seu interior. Pero a agudeza da trama das primeiras temporadas non deixou un abandono honorable. Antes tiña tensión, agora ten intriga. Homeland representou a ameaza foránea desde dentro, a versión violenta e contemporánea —perdón pola redundancia— das tramas de Le Carré.

As series hoxe lanzan carreiras interpretativas e son capaces de mover a imaxe que hai dun intérprete

The looming tower ten case a mesma finalidade como demostración da perversión do poder. Pero ten un argumento ao seu favor, está baseada en feitos reais e nun libro de investigación de Lawrence Wright que demostra que a resistencia da CIA a compartir datos das súas investigacións foi determinante en non impedir o atentado das Torres Xemelgas. A narración televisiva tómase máis liberdades que o libro, pero non se pode dicir que sexa imaxinativa no sentido argumental. Asusta máis por canto deixa ao espectador diante da idea de que así son as cousas no entramado do poder. Os medios substituíron ao fin.

A novidade das series con fondo conspirador, con empresas camuflando os intereses de guerra, xente incauta enganada polos prodixios da química é Homecoming. Que non parece querer ser unha serie de alto presuposto, pero quere demostrar que a pantalla da televisión soportar ben os cambios contra as convencións sen que iso altere a comodidade dun espectador sobre un sofá. A historia de Homecoming xoga moito cos cambios temporais e, para que se vexa certa impostura por parte da serie, a cada unha das dúas épocas fundamentais nas que se desenvolve a historia corresponde un tamaño de pantalla distinto. En certo sentido: o tamaño vintage e o actual.

Que Julia Roberts sexa a protagonista da serie pode inducir a erro. Pero neste caso nin noiva de América, nin anuncio de perfume. Levamos media década cando menos con ese perfil de superestrela da pantalla que encontra unha serie de televisión na que cambiar a súa imaxe. Que encontra ou que a propicia. Nicole Kidman e Reese Whitherspoon fixeron o seu cambio de imaxe con aquela inquedante serie das Big little lies. James Franco tentouno en Deuce. Pero hai cousas que son imposibles. A diferencia de hai 15 anos, as series hoxe lanzan carreiras interpretativas e son capaces de mover a imaxe que hai dun intérprete, outro argumento máis para defender que a ficción cinematográfica tamén depende da televisión.

En Homecoming a narración é labiríntica e o mal ten unha forma distante que se manifesta por persoa interposta. Nisto é completamente contemporánea. O mal encarna nos capataces de quen move os fíos. A serie non é neurótica e quizais busca enganchar ao espectadores mentres os engana cunha apariencia calma. Suxire que algunhas das peores cousas do mundo suceden entre fío musical e espazos tranquilos. Ten un ritmo sosegado e acaba por ser inquedante saber que o mal opera mentres ti descansas.

Comentarios