lunes. 23.05.2022 |
El tiempo
lunes. 23.05.2022
El tiempo

Ava Gardner, o mito de Hollywood feito carne

Poucas imaxes representan o Hollywood clásico como a de Ava Gardner vestida de negro, apoiada nun piano e mirando a cámara. Cando a actriz quixo dar forma as súas memorias nun libro, chamou a Peter Evans, columnista e novelista británico que escribira a biografía de Aristóteles Onasis.
Ava Gardner. EP
Ava Gardner. EP

DURANTE un tempo, Evans non tivo claro se aceptaría o traballo nin por que o quería contratar precisamente a el, a quen non coñecía persoalmente. Evans enterouse de que Dirk Bogarde o recomendara. Comeu con el para agradecerllo e o actor díxolle: "Lembra que Ava é esencial para o mito de Hollywood sobre si mesmo". As palabras de Bogarde non lle tranquilizaron. "Se respectuoso con ela. Pero non demasiado reverencial. É lista. Sabe cal é a diferenza. E vaite papar vivo". Cada minuto da conversa con Bogarde era peor. Cando se despediron, Bogarde deulle un último consello: "Non mo agradezas. Vaite papar vivo, rapaz!".

Ava Lavinia Gardner (1922-1990) naceu hai un século nun lugar perdido de Carolina do Norte. A súa familia tiña unha pequena plantación de tabaco, onde traballaban todos. Ava empezou aos seis anos a formar parte da cadea produtiva. Os seus recordos da infancia son terribles. "O único que desexaba naquela época era estar morta".

Ava Gardner
Ava Gardner

Descubrírona en Nova York, na primavera de 1941, cando nunha visita a casa da súa irmá maior, o seu cuñado fotógrafo expuxo unha imaxe de Ava de gran tamaño no escaparate dunha tenda na Quinta Avenida. Ava describe a escena como o guión dunha mala película de serie B. "Pero moi mala". O recadeiro dunha sucursal da Metro Goldwing Mayer en Nova York fíxose pasar por cazatalentos e pediu o teléfono daquela beleza coa que, en realidade, quería saír. O cuñado de Ava saltouse o intermediario e enviou as fotos á MGM. Chamárona para unha proba e todo ía ben ata que falou. "Tiña un acento incomprensible para todo o que vivise fóra de Carolina do Norte", admitiu a actriz. "Durante anos tiven pesadelos por culpa desa entrevista". O directivo da MGM encargado das probas en Nova York enviou unha copia sen son á central en Hollywood.

Coa maioría de idade recén cumprida, Ava asinou un contrato de 50 dólares á semana durante sete anos. A cláusula obrigáballe a aceptar calquera papel nunha película da compañía, pousar en sesións fotográficas, non beber, comportarse correctamente en público e pedir permiso ao estudo cada vez que quería saír de Los Ángeles. Ou sexa, o que viña sendo un contrato estándar no Hollywood da época. Louis B. Mayer, presidente da MGM, cando a viu por primeira vez dixo: "Non sabe actuar, non sabe falar; pero é impoñente". 

A primeira aparición de Ava Gardner, pasada a media hora de metraxe, é a viva representación do mito de Hollywood

Empezou como extra en curtametraxes e pezas que se proxectaban antes das películas. Aos seis meses de vivir en Hollywood casou con Mickey Rooney, a estrela máis rendible do momento para a MGM. Mayer tratou de impedir a voda. "Non pode casar. Mickey pertence á MGM. Partiría o corazón de todas esas mozas que o queren en exclusiva. Quen sabe canto lle vai a custar ao estudo, a el e a min?". O matrimonio durou apenas un ano. Ava descubriu que seguía vendo as mesmas actrices coas que tiña relacións antes do casamento.

En 1946 consegue o seu primeiro papel protagonista en Whistle Stop (Léonide Moguy), unha película de serie B baseada nunha novela de Maritta Wolf. Whistle Stop pasou desapercibida, como estaba previsto, pero fixo que un produtor independente da Universal se fixase nela para un noir que preparaba Robert Siodmak sobre unha novela de Ernest Hemingway. A MGM cedeu a Ava, e a Universal apostou por dous descoñecidos para protagonizaren Os asasinos (Siodmak, 1946): Ava Gardner e  Burt Lancaster. Os asasinos foi un acontecemento en Estados Unidos. Gardner e Lancaster convertéronse en estrelas de xeito case inmediato.

A película ten detalles na forma de narrar –mediante flashbacks– que aínda permanecen vixentes, pero a primeira aparición de Ava Gardner, pasada a media hora de metraxe, é a viva representación do mito de Hollywood. O Sueco (Lancaster) acode a unha festa coa súa moza (Virginia Christine) nun piso de luxo despois dunha pelexa. O anfitrión presenta aos invitados. Cando chega ao piano, Kitty Collins (Ava Gardner) está sentada de costas e vólvese. O Sueco xa non pode apartar a mirada da muller, que levanta e vai fóra de plano despois dunha pequena conversa sobre boxeo. Daquela aparece outra vez. Apóiase no piano e, no mesmo plano, vemos aos tres personaxes de fronte: Kitty, máis próxima; o Sueco, nun segundo nivel; e a moza, que fala de fondo pero xa ninguén atende á súa conversa. Kitty comeza a cantar The more I know of love, the less I know, (Canto máis sei de amor, menos sei) composta por Miklos Rosza para a película. A cámara desprázase lateralmente e deixa sós a Kitty e ao Sueco, iluminados por unha lámpada no centro.
 Se a carreira de Ava Gardner rematase aí, esta escena, por si soa, inmortalizaría a esencia do Hollywood clásico. Esa facilidade de crear iconas cunha posta en escena aparentemente simple pero cargada de matices.

Tras un breve matrimonio co músico Artie Shaw, en 1949, e cando xa era a estrela máis grande da MGM tras One touch of Venus (William A. Seiter, 1948), coñeceu a Frank  Sinatra en Palm Springs. As xornalistas máis famosas de Hollywood, Louella Parsons e Hedda Hopper, cheiraron sangue e lanzáronse a polos dous. Parsons e Hopper deseñaran un sistema co que chantaxeaban aos grandes estudos. Grazas a un exército de acusóns dispersos por todo o val, descubrían adicións, embarazos non desexados e adulterios. Cando tiñan ben armado o escándalo, ofrecíano aos estudos para que estes concedesen exclusivas a cambio de silencialos. 

Sinatra –casado daquela coa súa primeira muller, Nancy Barbato– non quixo pasar polo aro, e Parson e Hooper asañáronse coa parella. Acusaron a Ava de esnaquizar un fogar católico, e a Lexión para a Decencia pediu a prohibición de todas as súas películas. O escándalo, problemas co fisco norteamericano, e o progresivo desmantelamento da tradicional forma de traballar do Hollywood clásico –o que posteriormente se chamou as runaway productions– fixeron que Ava desembarcase en España. 

Ava mostrábase insegura coas intimidades que contaba

Ava Gardner chegou a Barcelona en 1950 para rodar Pandora and the Flying Dutchman (Albert Lewin, 1951) e instalouse definitivamente en Madrid en 1953. Viviu en España ata 1968, e a súa historia española –ese profundo contraste dunha estrela norteamericana no Desarrollismo– está documentada no libro Beberse la vida (Marcos Ordóñez, 2004), no documental de Isaki Lacuesta La noche que no acaba (2010), e ficcionada na serie de televisión Arde Madrid (Paco León). Ava volveu a España en 1986 para rodar a súa última película, Harem (William Ale, 1986). Morreu catro anos máis tarde, en 1990, aos 67 anos.

Mentres Evans se reunía con Ava Gardner na súa casa de Londres, e pouco despois de que esta sufrise unha apoplexía que lle paralizaba o lado esquerdo, a estrela falaba con outros dous xornalistas sobre a súa vida: Lawrence Grobel, para unhas memorias sobre a súa vida en Hollywood, e un terceiro para Ava: My story; a única que, finalmente, se publicou. Ava suspendeu as conversacións con Evans cando Frank Sinatra lle dixo que coñecía ao xornalista e que lle demandara facía uns anos. Evans publicara unha historia sobre as relacións de Sinatra e a Mafia a partir da referencia que Mario Puzzo facía en O Padriño sobre Johnny Fontaine, presuntamente baseado en Sinatra. O xornalista non lle deu importancia; pero Ava, si. O libro quedou inconcluso, con centos de horas de conversacións gravadas e desordenadas, nas que, cada pouco, Ava se mostraba insegura coas intimidades que contaba. Vinte anos despois da súa morte, Evans publicou as transcricións con anotacións e discusións telefónicas posteriores aos encontros. Ava non devorou a Evans, nin moito menos, e cedeulle o seu epitafio. "Podes resumir a miña vida nunha oración, cariño: fixo películas, tivo moitas relacións, e cagouna moi forte na súa vida. Pero nunca fixo marmelada".

Ava Gardner, o mito de Hollywood feito carne
Comentarios