miércoles. 20.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 20.10.2021
El tiempo

A televisión nutritiva

No verán deste triste 2020, o vicepresidente do Goberno, Pablo Iglesias, tuiteou nunha das súas habituais recomendacións televisivas un eloxio a A conxura contra América, a última serie para a HBO da parella formada por David Simon e Ed Burns. No tuit, como é de rigor, nomeaba a Simon co seu @ diante, e este, desde a súa casa, viu como o seu teléfono fundía a batería grazas ás mencións e conversacións cruzadas nas que aparecía por culpa dun entusiasta español descoñecido
David Simon
David Simon.

Simon celebrou o seus sesenta anos nunha lea con centos de tuiteiros preocupados porque aquel ao que encomiaba o vicepresidente tiña, entre os seus plans de futuro, escribir unha miniserie sobre dous batallóns que se presentaron voluntarios para loitar na Guerra Civil española. E xa temos todos os ingredientes necesarios para que unha aburrida mañá de agosto coronavírica se transforme nunha batalla campal de memes e insultos.

David Simon (Washington D.C., 1960) aseguraba que, con The Wire, non só buscaba contar un par de boas historias; o que buscaba realmente era… pelexa. Fillo dun xornalista xudeu, Simon continuou a profesión do seu pai desde as páxinas de The Baltimore Sun. Como encargado da crónica policial e criminal, aprendeu as habilidades necesarias para entender as relacións entre policías e traficantes, os códigos de conduta e as xerarquías verticais que se levantaban aos dous lados da lei. Un nadal, Simon seguiu a unha patrulla do departamento de Homicidios durante toda a Noite Boa. Á mañá seguinte, almorzando co grupo mentres esperaba o cambio de quenda, un dos policías dixo coma se nada: "A cantidade de merda que vemos aquí… Se alguén escribe sobre isto durante un ano sáelle un libro caralludo". Dous anos despois daquela conversa, e macerado polo desencanto dunha época na que a maioría dos medios de comunicación cambiaron de propietarios, Simon pediu unha excedencia e convenceu ao departamento de Policía para que lle deixase ir encaixado durante un ano enteiro.

Daquela incursión saíu Homicidio: un ano nas rúas da morte (1991), un relato xornalístico sobre o traballo policial nunha cidade onde a droga gaña case todas as súas batallas. Homicidio (1993-1999) converteuse, dous anos máis tarde, nunha serie de televisión de sete tempadas, das que as súas dúas primeiras tomaban como base as historias reais que Simon contaba no seu libro. Simon participou, ademais, nalgúns capítulos como guionista e consultor dun produto televisivo que se diferenciaba dos seus competidores en que propoñía unha especie de cinema verité nun momento no que a televisión aínda non explorara determinados formatos. A serie foi un éxito. A NBC, unha cadea xeneralista, emitiu 121 capítulos e cultivou premios durante os sete anos de emisión.

Mentres Homicidio triunfaba en antena, Simon —que xa se despedira do The Baltimore Sun— preparaba o seu seguinte libro. Nas súas conversas co detective Ed Burns intuíu que faltaba por contar a outra parte da guerra contra as drogas. Burns tiña previsto xubilarse da Policía e dar clase nun instituto, nunha vocación tardía, pero  Simon convenceuno para embarcarse noutra aventura antes. Xuntos publicaron The Corner (1997), a contracrónica do relato policial narrado desde un curruncho do ghetto. A idea de Simon e Burns era explicar por que as políticas tradicionais de loita contra o narcotráfico non funcionan, e fixérono cun relato coral no que os protagonistas eran os habitantes dos barrios de Baltimore máis golpeados polo crime organizado. The Corner era un paso máis nese fresco da cidade posmoderna que Simon tiña intención de representar. No ano 2000, a HBO converteuno nunha miniserie de seis capítulos.

"A serie trataría sobre o capitalismo salvaxe que o vai arrasando todo, sobre como o poder e o diñeiro se confabulan nunha cidade americana posmoderna"

Os dous primeiros libros son fundamentais para a construción posterior de The Wire (2002-2008), sen dúbida, a obra cume de Simon. A súa ambición é desmedida mírese por onde se mire. Nunha entrevista co novelista Nick Hornby, explica como presentou o proxecto á HBO. "A serie trataría sobre o capitalismo salvaxe que o vai arrasando todo, sobre como o poder e o diñeiro se confabulan nunha cidade americana posmoderna e, finalmente, sobre por que os que vivimos en cidades grandes non sabemos resolver os nosos problemas. Expuxémoslle á HBO estes plans tan grandiosos? Nin de broma". Simon e Burns esforzáronse en vender, máis ben, unha serie sobre a loita contra o narcotráfico desde unha perspectiva diferente ás convencións do xénero policial, "unha serie antipolicías, unha especie de rebelión contra todos os estúpidos procedementos policiais que invaden e aflixen a toda a televisión en Estados Unidos".

Nos dousmiles, a HBO era unha cadea de televisión especializada na produción dun tipo de ficcións impensables para outra emisora. O seu slogan era: "Non é televisión. É HBO", algo que hoxe nos pode parecer elitista pero que no seu día tiña un sentido comercial moi claro. Trataban de expresar que non eran outra canle de realities nin onde se verían famosos bailando.

Producimos series e películas que valen cada dólar que pagas ao mes. Os Soprano (1999-2007) eran a xoia da coroa e a mellor carta de presentación dunha canle que non dependía da publicidade nin dunha audiencia masiva, senón duns subscritores fieis e esixentes. Simon e Burns entregaron o guión do episodio piloto uns meses despois de gañar tres Emmys por ‘The Corner’, así que pensaron que os directivos recibirían o seu novo proxecto cos brazos abertos. Pero a HBO non vía claro incluír na súa grella outra serie de policías. "Era un pesadelo imaxinar que os críticos de todo o país declarasen finalmente que aquilo non era realmente HBO, senón máis do mesmo".

 The Wire converteuse en moito máis que unha serie de culto. En 2015, Barack Obama recibiu a Simon na Casa Branca para entrevistalo.

The Wire fixo o camiño inverso ás anteriores obras de Simon. Se Homicidio e The  Corner partían dun texto escrito para converterse en representacións de ficción, The Wire pretendía ser unha novela para televisión. En palabras de Simon, "é unha traxedia grega na que o papel das forzas olímpicas desempéñano as institucións posmodernas e non os deuses antigos. É a traxedia grega do novo milenio. Como o obxectivo de boa parte da televisión é fornecer catarse, redención e o triunfo do carácter, trátase dun drama no que as institucións posmodernas gañan a partida ao individuo e á moral, e no que a xustiza parece diferente dalgunha maneira". The Wire converteuse en moito máis que unha serie de culto. En 2015, Barack Obama recibiu a Simon na Casa Branca para entrevistalo. O primeiro que lle dixo o presidente dos Estados Unidos foi: "Non é que The Wire sexa unha das mellores series de todos os tempos, é que é unha das grandes obras de arte das últimas dúas décadas".

Talvez atraído pola perspectiva do xornalista encaixado, Simon e Burns repiten na escritura de Generation Kill (2008), unha  miniserie producida tamén pola HBO e baseada no libro de Evan Wright, un reporteiro da revista Rolling Stone, que acompañou á 1ª División de Marines na primeira fase da Guerra de Iraq, en 2003. Generation Kill é pesimista e redunda na idea duns soldados manexados por forzas superiores e cuxas vidas non teñen control.

Treme (2010-2013), con todo, volve sobre moitas das ideas desenvolvidas en The Wire. Despois do furacán Katrina, os cidadáns de Nova Orleans séntense abandonados á súa sorte. As distintas comunidades reivindícanse a través das súas identidades, que son unha anomalía nos Estados Unidos. A música, a comida, os ritos funerarios da Segunda Liña… son costumes aos que o espectador se adapta desde unha inmersión no barrio de Treme. Aquí non hai apenas arcos argumentais propios da ficción televisiva nin crimes que resolver. É unha serie costumista ata o extremo. Se Simon sempre presumiu de que a súa máxima era "que se foda o espectador medio", en Treme expulsa a todo aquel que non lle acompañe nun paseo puramente contemplativo polas rúas de Nova Orleans.

A piques de cumprir os 61 anos, David Simon prepara —entre outras— a súa serie sobre os batallóns Lincoln e Washington, que cruzaron o océano para loitar no bando republicano. Aínda non se sabe moito de como vai o proxecto e de se, finalmente, sairá á luz, pero A Dry Run: The Lincolns in Spain será outra oportunidade máis de Simon para buscar pelexa.

A televisión nutritiva
Comentarios