viernes. 22.10.2021 |
El tiempo
viernes. 22.10.2021
El tiempo

Artigos dos membros do Grupo Doxa de filosofía, publicados en El Progreso. Filosofía, pensamento, reflexión... a actualidade vista dende unha perpsectiva repousada.

'Fake News' ou noticias falsas?

CANDO EN 1938 Orson Welles emite o programa de radio ‘A guerra dos mundos’, non está tratando de fundar as ‘fake news’, pero si consegue alterar a aprehensión da realidade; é de sobra coñecido o efecto devastador e o pánico que induciu nos seus oíntes que, incrédulos nun primeiro momento, e aterrados despois, pensaron que estaban sendo invadidos polos marcianos. Isto a pesar de que Welles advertira antes da emisión de que se trataba da adaptación dunha obra de ficción e dun posterior aviso da teatralidade do que se estaba emitindo. O programa era recibido como unha noticia crible e facía que se asumiran as posibles consecuencias do que realmente non pasaba, pero os oíntes imaxinaban que efectivamente si ocorría, aínda que, de feito, non percibiran nada. Copias ou adaptacións do programa tiveron posteriormente as mesmas consecuencias (máis tráxicas nalgún caso, ao perdérense vidas).

Esta anécdota histórica ilustra unha situación que estamos a vivir nesta actualidade que quere recomezar todo de novo, que non recoñece (por ignorancia) o pasado e na que o que ocorre se presupón froito da xenialidade absoluta do momento presente. A Welles cábelle a honra de ser o inventor, sen intención, dun xénero novo nos medios de comunicación: elevar á categoría de realidade algo inexistente, é dicir, o que hoxe se denomina crear noticias falsas, ou na súa expresión inglesa ‘fake news’.

Hai, con todo, matices entre o precedente e a situación actual. A maioría dos elementos que configuran unha noticia falsa xa están presentes en Welles: a difusión inmediata e explosiva (no seu caso a través da radio, na actualidade a través da internet e as redes sociais), a absoluta desconexión da realidade (que lles permite ás falsas noticias carecer de referentes cos que comparalas), a persistencia, non excesiva, no tempo (o que posibilita recuperalas recorrentemente) ou a naturalidade do narrador (quen debe contar as falsidades como se foran verdades evidentes).

O elemento que diferencia a situación de Welles e a actualidade é a conciencia respecto da propia noticia. El non pretendeu enganar, no sentido de facer vital o engano, senón só de xerar unha ilusión representativa, teatralizar e dramatizar o engano. Que os oíntes confundisen a representación dramática coa realidade mostra a inxenuidade e o manipulable que é o ser humano. Realmente non somos moito máis ca un mero acubillo de prexuízos, temores, inseguridades e quiméricas expectativas que os produtores de falsas noticias aproveitan e explotan. Contra a inxenuidade de Welles está o interese dos organizadores das falsas noticias; contra a inocencia, a manipulación e contra o dominio do medio e o coñecemento da arte que permite forxar a ilusión da realidade oponse hoxe a facilidade e a inmediatez das redes que reiteran bulos de forma masiva.

Á fin, inventar noticias falsas tampouco é realizar nada novo, non estamos continuamente modificando a realidade? Esta modificación non nos permite acaso interpretala e alterala? Canto tempo levamos sufrindo unha publicidade espuria e enganadora á que a duras penas podemos resistirnos? Non temos aceptado explicitamente as deformadas lecturas da realidade que nos impuxeron a sangue e lume as diferentes elites?

Cando enfrontamos o mundo, este adquire sentido na medida en que o deformamos, e só podemos modificalo cando somos capaces de manipulalo (este vén sendo o principio da intelixencia). A mera representación das cousas non serve para nada, non nos deixa introducir cambios nelas e a fidelidade á realidade —á que moitas veces se da o nome de verdade— é incompatible coa comprensión da estrutura e do cambio do real.

Mentireiros compulsivos dedicámonos a reler, interpretar, cambiar, reestruturar, fragmentar, inventar e falsificar a realidade. Isto é o que nos permite adaptala aos nosos intereses. A que chamamos pois falsas noticias? pois tan só a aquelas que escapando da racionalidade común expúlsannos da zona de confort na que nos sitúan as nosas verdades.

'Fake News' ou noticias falsas?
Comentarios