El tiempo
jueves. 07.07.2022
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Ao cabo, Nuno Pico e máis eu non falamos de Italia

Nuco Pico é músico. Sen embargo érguese cedo. Uns días para preparar os concertos, os da casa, baixo o nome de Grande Amore. Outros días para preparar os de Chicho, como asistente de Ortiga. Vive da música: de interpretar e de conducir. "Ao posto chámano road manager, que soa moi ben, en realidade son chófer2.
Nuno Pico. JANITE
Nuno Pico. JANITE

NUNO E CHICHO colaboran tamén en Los Rastreadores. "Botamos moito tempo xuntos". Nuno leva dez anos en Santiago. Ata os 12 anos estivo en Ferreira e ata os 18, en Burela. Estudou Filosofía.

—Non sei dicir por que fixen esa carreira.  Pensara en facer Comunicación Audiovisual. Fíxena despois, ao acabar Filosofía. A miña nai animoume. Nuno atende ao que lle di a nai. A carreira de Filosofía non me deu proveito, pero serviume para ter tempo de ensaiar e tocar.

Acaba a broma. Reconsidera a cuestión. Admite que a carreira puido influír nas súas letras, "pero tampouco fago letras inspiradas por San Agustín  nin Aristóteles". Estudou un fin de grao sobre Albert Camus.

—Camus non é un tótem nas facultades de filosofía, mesmo o desprezan porque o ven máis coma un literato. O meu traballo de fin de carreira tratara sobre a súa idea de que a vida non ten sentido, que nos é mellor morrer; pero despois non é para tanto.
Apunto:

Sartre tamén escribía cousas tristísimas en ‘A náusea’, que debe de ser o libro máis aburrido que lin, pero levaba frouxa a cremalleira do pantalón.

Responde:
—Sartre e Camus acabaron devorados polo personaxe. O meu existencialismo era xa de antes. Sería un agonías aínda que estudase un ciclo de Mecánica do Automóbil en Formación Profesional. Son sufrido. Na miña familia somos moi sentidos, pode rastrexarse na nosa orixe. As letras son agónicas , pero no día a día non vivo laiándome nun monte. Concentro a angustia nas letras.

Nuno Pico é complexo, obsesivo, fatalista, nervioso, incerto; pero sabe burlarse de si mesmo


Mentres Nuno me contesta penso en que debo preguntarlle polo seu interese cara a Italia, cara a música italiana. Trasluce no nome do seu proxecto principal, Grande Amore. Pero el continúa coa psicoanálise:
—Pode ser influencia da música que escoitei con 13 ou 14 anos. É a música coa que te abres ao mundo. Foi a música que mamei de neno. Na miña casa había discos de AC/DC e Queen.  Un día busquei esas cancións. Con 16 anos tiven esa vena punky. Iggy Pop marcoume. Chicho e máis eu botamos moitas horas xuntos, compartimos alegrías e preocupacións; pero escribimos letras moi distintas. El escoita aos Hermanos Rosario e eu, a Joy Division ou Velvet Underground. Iso marca todo.


Nuno Pico é complexo, obsesivo, fatalista, nervioso, incerto; pero sabe burlarse de si mesmo. Poida que iso explique a súa atracción por Italia. Italia é un ceo de hedonismo, gula, elegancia e amores suicidas dende que Shakespeare escolleu Verona para ambientar a traxedia de Romeo e Xulieta. Mesmo esa barbaridade de dous adolescentes suicidándose por un equívoco ten a súa rendibilidade. A entrada para entrar na Casa de Xulieta custa 6 euros. Os maiores de 60 anos e os grupos de máis de quince persoas pagan 4,50 euros. A entrada combinada para a tumba e a casa de Xulieta supón 7 euros.


Pero non chegamos ao tema italiano, porque Nuno fala. "Todo o mundo ten algo que eu non teño: Paciencia", canta no álbum que gravou o ano pasado. Falamos da portada dese disco, ‘Nunomanía’, que gravou xunto ao grupo Mundo Prestigio. Encargoulla a Branca Estudio, en Barcelona.

—O tipo de Branca Estudio deseña para Motörhead e Black Sabbath. Cando lle escribín pensei que me ía dicir que non, pero o non xa o tiña, así que lle escribín e díxome que si. Mandeille a miña idea nun correo electrónico longuísimo, como eses que non manda ninguén. Debeu pensar: "De que vai este?", pero preocúpame se se vai entender o que quero dicir.

Nuno Pinto canta 'Nunomanía' cunha voz histérica, agudísima e caótica.


O nome do disco, Nunomanía, requeriulle menos esforzo.
—O nome vén dunha broma interna. Eu teño unha vergoña horrible, dáme vergoña cantar en directo.
A canción que abre o álbum chámase tamén Nunomanía. Nuno Pinto cántaa cunha voz histérica, agudísima e caótica. "Xa me tarda/ 2040/ unha calle co meu nome en Ferreira/ unha praza co meu nome en Burela/ unha peli sobre min na Gallega/ de prota, Javier Rey".
—Nada diso me vai pasar. É unha parodia. A fama non me dá medo, non vou ser Billie Eilish nin Rosalía. Esa canción é un tema recorrente co que se atormenta aos artistas.


A letra reflicte o problema da esixencia a calquera persoa que sobresae: "Unha amiga miña dime/ ‘Nuno vas ser famoso’/ Eu póñome rojo: ‘¡Qué va! ¿Qué va!’/ mentres penso: ‘Ojalá’". Os futbolistas que prometen padecen esa dificultade de que a sociedade lles poña varas altas que saltar.
—Non xogo ao fútbol dende antes do covid. O fútbol perdeuse nos primeiros anos da carreira. Empecei na música porque era moi malo no fútbol. Quería tocar o saxo, pero non o había en Burela e collín a guitarra. Foi divertido tocar na banda e na blues band. Estiven desde os 13 aos 18 anos, cando viñen a Santiago. Paseino moi ben.  Imaxina... eramos 25 ou 30 adolescentes... pobre Roberto!
Supoño que Roberto era o director. A partir desa imaxe, Nuno desprega o panorama dos recordos; non sempre rigoroso, pero sempre suxestivo.
—Lembro cando acompañamos a Dambara ao Festival de Lorient. Eu tiña 16 anos. Fomos en barco desde Xixón a Bretaña. "Somos os Rolling Stones". Unha noite acabamos espidos e cheos de escuma de afeitar correndo polo barco ás catro da madrugada mentres uns camareiros italianos nos animaban.

A Nuno dálle pena que a súa xeración estea "perdendo os lugares e os alcumes da xente"


Ás veces acouga e establece unha amizade. Lucía Hidalgo é unha rapaza de Monterroso á que coñeceu en Santiago.

—Gustábanme as cancións nos que os rapeiros metían nomes de amigos. Escoitaba a 7 Notas, 7 Colores dicindo nomes de persoas que eu non coñecía e pensaba: "Que épico debe de ser coñecelos!". A miña amizade mítica é Lucía Hidalgo.

Lucía tranquilizábao. "Non vai pasar nada", canta nun tema que titulou con ese consello.

—Levo dez anos fóra, pero síntome identificado con Burela e no Valadouro síntome como na casa. Cando estou en Burela dígolle á miña nai: "Vou para Frexulfe" 

Un cento de persoas sigue vivindo nesa parroquia do Valadouro:
—Eu son nervioso e activo, pero en Frexulfe non fago nada, miro para o gato, vou ao cemiterio, bebo un vaso de auga. Gústame ir ao cemiterio. É unha cousa rara, pero o cemiterio reláxame. No meu lugar, O Chaíño, en Frexulfe quedan unhas sete casas, pero non sei dicirche; prefiro non dicir nada porque despois a xente do Chaíño dirame: "Que dixeches no periódico?"

A Nuno dálle pena que a súa xeración estea "perdendo os lugares e os alcumes da xente. A miña nai fálame do que lle pasou a tal ou cal persoa e dáme pena non saber quen é". O seu avó de vive so na casa do Chaíño. A nai e Nuno van xantar onda el e convidan a Magín, "un veciño que é un filósofo. Disfruto moito desas comidas porque de pequeno estiven en contacto con isto. Ao vivilo agora lembro a infancia. Dáme paz".


A calma parece ausente e necesaria na cabeciña de Nuno Pico.
—Estabamos gravando con Mundo Prestigio. Dixen: "Que vos parece se berro nunha canción?" 

Berrei e eles animáronme. "Que vos parece se berro todas as cancións?" E eles dixeron: "Que guai" Víñenme arriba e foron todas berrando. Non sei dicir que non. A miña nai dime: "Non podes cantar como a xente?". Primeiro penso: "Vou facer a loucura máis grande". E arrepíntome na casa.

Ao cabo, Nuno Pico e máis eu non falamos de Italia
Comentarios