Blog | O Cabaret Voltaire

Bailemos para reorganizar a vida

O martes era Entroido. O fillo de Alberto e Mara, Xoán, ten cinco anos. "Está obsesionado cos superheroes. Quería disfrazarse de Spiderman, pero vai mal tempo". Chovía sobre o cemiterio de Carballo cando Alberto foi onda a tumba da nai. A tía levara unhas flores.
Alberto Martínez Vecino
photo_camera Alberto Martínez Vecino

ALBERTO MARTÍNEZ  Vecino cóntame que a avoa, os pais, os tíos viviron "en familia", no mesmo edificio no que vive con Mara e con Xoán, e onde ensaia dende que empezou a tocar a guitarra con catorce anos. Hai catorce anos gravou o primeiro disco, con Franc3s. Paralelamente, matiña un proxecto experimental no que el tocaba a guitarra e Alberto Gende, a batería.

—Cando levabamos tres ou catro ensaios Alberto Gende díxome que tiña un nome para nós. Despois de darlle moitas voltas contoume que atopara un nome que lle lembraba a Rosenberg e De Kooning: Chicharrón.

Dáme a sensación de que Alberto M. Vecino aínda non comprendeu a relación deses dous artistas e comer porco. A desgraza foi que Gende morreu con 39 anos. Chamou ao irmán Diego Gende, de Lowcost, e a Rubén Domínguez, de Telephones Rouges, para facer o disco que ía quitar Franc3s. Decidiron homenaxear ao finado e mudar o nome a Chicharrón.

O martes publicouse o quinto disco de Chicharrón, Erosión. "Somos erosión", asume Alberto nunha letra que fala de cómo nos desgasta a vida. Alberto M. Vecino (Carballo, 1980) escribiu ese disco como memoria e consolo polo pasamento da Teresa, a nai.

O álbum vai en formato de cassette, o selo ferrolán Ferror lanzará 68 cassettes. Teresa cumpriría 68 anos o martes. O martes orballaba sobre o cemiterio de Carballo. Déranlle dous meses de vida e viviu catro anos e medio.

—Os cassettes eran o único que ela escoitaba porque non tiña outra cousa. Escoitábaos cando conducía un coche vello que lle quedara do meu pai. Gustáballe Pucho Boedo, Ana Kiro,... Los Tamara era o grupo favorito dos meus pais.

Alivia levemente a carga emocional do que está contando para facer ver que Cancións clínicas se publicou en CD; Unha fogueira intacta, en vinilo, e Erosión, en cassette. Hai unha fábrica en Portugal que os fabrica.

O local de ensaio de Chicharrón é a academia de corte e confección que atendía a nai, onde empezou a tocar Alberto

O acordeón ten moita presenza no disco. Quería que a tivese porque estaba presente nas cintas dos pais. Tócao a poeta de Carballo Rosalía Fernández Rial. As guitarras son acústicas:

—Quería que soase marcando o ritmo, como se a tocase o adolescente que fun, con catorce anos.

O local de ensaio de Chicharrón é a academia de corte e confección que atendía a nai, onde empezou a tocar Alberto. Quedou libre cando Teresa marchou á Coruña ao ser avoa.

—A academia ten unha boa acústica. O malo é que, ao estar cerca de hortas, soa algún galo de cando en vez. Hainos na gravación.

A academia está no baixo. A avoa vive no primeiro e os fillos estaban no resto dos andares. Matías, o técnico, botou o tempo da gravaciónna casa da nai.

Pregunto a Alberto se Erosión foi un disco doroso de escribir porque compuxo as cancións durante o ocaso físico da nai.

—Moita xente me pregunta por que non fixen este disco en solitario, pero non quería facer un disco en solitario; senón en comunidade. Falei cos meus compañeiros sobre a vida. A música é un consolo, o duro é o que che pasa. A palabra clave é ‘consolo’. Foi un alivio escribilo e gravalo. O disco comeza coa frase: "Sinto que isto remata". Empecei a escribilo cando entrou en Urxencias. As cancións van en orde de composición. Ían ser nove, pero son dez. O último tema foi Cando devala por darlle un punto de esperanza. O ciclo acaba agora cando o escoite a xente.

A elaboración do álbum foi paralela ao empeoramento da nai. Escribino nun mes. 

—Comecei cando soubemos que non había nada que facer, cando entrou en urxencias.Foi nun proceso como máxico. As letras e as músicas víñanme rapidamente. Escribín a última, Sede, no sanatorio de Oza, no día en que morreu. A habitación daba á praia, había sol,... Sería bonito se non fose polo que estaba sucedendo. O último mes foi un calvario, pero sentínme perto da verdade e da vida. Víñanme centos de recordos de cando era adolescente. Non retoquei as letras porque hai palabras que me dixo a miña nai que non quería esquecer. Todas teñen algo de recordo, de soños, do que sentín.

A primeira canción, Somos o silencio da súa memoria loitando, vai acabando cuns berros

Alberto conta que a canción que máis relación ten coa nai é Pequenas vértebras partidas nun niño baldeiro. Teresa foi deixando de falar pouco a pouco, tiña pesadelos, como "soñar coa súa nai".

O músico é lector. Apunta ler a Antía Otero, Gonzalo Hermo e a Lois Pereiro. Nótase nas letras: "So necesito que me abraces ata enterrar este terror", "Son un barco fantasma encallado na Costa da  Morte", "Xa entraron os que a van levar".

A primeira canción, Somos o silencio da súa memoria loitando, vai acabando cuns berros.

—Quería facer berros agudos, aínda que me saían graves; pero conseguino. Estou lendo nun ensaio sobre o berro como xeito de pedir auxilio. O filósofo italiano Emanuel Severino augura que o ser humano se reunirá ao redor do seu berro no futuro.

Fálolle sobre El misterio de la mente simbólica. Cerebro, lenguaje y evolución, que escribiu o neurocientífico de Foz Xurxo Mariño.

—Nese ensaio sobre a linguaxe asegura que o berro é o xeito primario de comunicación, a base que evolucionou a linguaxe.

O disco de Chicharrón convida a bailar.

—Bailar é reorganizar o que foches. O silencio é importante. Cando íamos a casa dos meus avós, na Laracha, había fotos dos antepasados e sentías o seu silencio. A miña nai estaba sedada nos últimos días. Eu pensaba en que ela tiña milleiros de recordos, pero non ía contarmos máis.

Na portada de Erosión aparece unha escultura de Francisco Remiseiro, o artista de Barro, que se chama Maternidade mártir. Representa unha muller cruficada, semiespida e doente. Atopou a imaxe nunha espera de hospital, mirando o Facebook, na páxina do fotógrafo e arquitecto coruñés Pablo Mella. Despois cadrou que Remiseiro foi entrevistado no programa Zig Zag da Galega. Alberto púxose en contacto co escultor, que o remitiu á casa dun coleccionista en Monfero que lla comprara. Puideron visitala e fotografar a peza.

As contas vitais eran seis meses no mar, seis meses na casa. Suramérica, África, Europa,... Visitou máis de medio cento de países a principios do século

Alberto Martínez Vecino traballa nunha vidreira de Carballo dende hai catorce anos, pero o apaixoante é que botou sete anos en petroleiros. As contas vitais eran seis meses no mar, seis meses na casa. Suramérica, África, Europa,... Visitou máis de medio cento de países a principios do século, cando o mundo era un xardín polo que pasearse sen medo a sufrir un atentado.

—Cando estaba no instituto quitaba moi boas notas, pero non tiña nin idea do que quería ser. Un día linlle a Paul Auster que traballara na mercante e pensei que sería unha boa idea. O meu libro favorito é Moby Dick. Eu estaba con Ismael no Peqoq. O de Auster non era tan sacrificado: era o fillo do armador. Gañaba moitos cartos. Con 26 anos comprara un piso e montei un local de ensaio. Soamente necesitaba libros para vivir. Non fun á voda da miña irmá, cando tiña 27 morreu o meu pai, os meus compañeiros máis vellos do barco eran alcohólicos, chegou un momento en que podías baixar ao porto, pero non visitar as cidades... deixei o mar. Lembro con cariño as viaxes a Bos Aires e en África.

Agora atende a Xoán polas tardes, Mara traballa como avogada a esas horas.
—Quero estar co meu fillo todo o que poida, pero tamén agradezo manter unha conversa cunha persoa de máis de cinco anos.

Comentarios