Blog | O Cabaret Voltaire

Os baños solitarios de Luís Rei Núñez

Luís Rei Núñez vive a desmán. Vai entregando libros de tanto interese como recepción opaca. Luís aceptou o seu tempo e o seu lugar, así que aproveita o verán para solearse entre Pontevedra e Muros. "Gústame a praia. En Pontevedra non vou porque hai moito coche. En Muros vou cedo pola mañá e teño calas para min so"
Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library

A PESAR DE gustar de bañarse en solitario  e de que debe escribir en consigo mesmo, o novelista coruñés prefire mergullarse na reflexión sobre o devalar colectivo e escribir de nós. O seu último libro, Matarán a Reboiras (Xerais) repasa as mobilizacións sociais dos últimos cincoenta anos, dende a Primavera do 68 en Santiago —que se ergueu cando o Maio de París aínda estaba na cama— ata as protestas contra a planta de gas que se acabou por asentar en plena ría de Ferrol.

Luís Rei, xubilado dende hai ano e medio, traballou nos informativos da televisión pública galega. A súa experiencia como periodista permítelle manter equilibrado o balance entre a literatura e a crónica nesta historia dirixida por Marabillas Párraga, unha monxa galeguista e de esquerdas, que acompaña a Nardo Negro, un reporteiro gráfico, na elaboración dun documental no tempo do Nunca Máis e do Non á Guerra. A novela remonta o río ata os sucesos de Ferrol de 1972 e da morte de Reboiras tres anos máis tarde.

—Estou libre da presión de publicar un libro cada ano. Hai autores que venden moito, aos que os editores lles piden novelas porque cambian o balance de resultados da editorial. Eu escribo con liberdade.

O anterior libro de Luís foi O encargo do señor Castelao —tamén en Xerais, toda a súa obra está en Edicións Xerais—. Era unha novela que falaba de felicidade como artista de Castelao en Pontevedra, onde chegou en 1916 e  de onde que escapar vinte anos máis tarde despois de gravar recordos como o enterro do seu fillo, Alfonso, ou as noticias do fusilamento de Alexandre Bóveda, sometido a unha tormenta de balas golpistas ao pé dun piñeiro. A vida lévao daquela a rolos como se participase nun deixarse levar por un escuro labirinto da oca que pasa por Nova York, Bos Aires, París e Bos Aires. Unha boa parte desas viaxes están motivadas por ocupar un ministerio sen carteira do goberno formado políticos da República no exilio. Rei Núñez fantasía cun enconto fortuíto co comunista Xosé Gómez Gayoso, a quen lle encarga vingarse.

—A miña idea é facer unha episodios nacionais. Os de Benito Pérez Galdós xa quedan lonxe, pero temos os Max Aub no Laberinto mágico ou os de Almudena Grandes en Episodios de una guerra interminable. Quero facer un repaso por feitos que marcaron o noso tempo, mergullarme nas nosas raíces. Pretendía escribir un libro sobre o caso Reboiras, pero fun ampliando foco ás loitas da metalurxia en Ferrol  en 1972 e á loita contra a planta de gas na ría do Ferrol. A novela non está centrada en Ferrol, aínda que os protagonistas coinciden en Santiago. Fan memoria para gravar un documental e viven  no momento do Nunca Máis e do Non á Guerra. O presente limita porque, logo deixa de ser presente. Cando escribín O corvo do chapapote era simultaneamente ao Prestige. Eu non pretendo enganar a ninguén. Non presento os feitos coma unha verdade xudicial. Hai personaxes con DNI e outros inventados. Os feitos importantes aconteceron, pero é unha ficción.

Miguel Anxo Araúxo, bispo de Mondoñedo Ferrol, que era galeguista, recadaba cartos para a caixa de resistencia para axudar nas folgas a través de Cáritas

O escritor pretendía falar sobre unha xeración cercanamente anterior á súa, sobre a valentía que amosou unha parte nova da sociedade ao encarar coa ditadura, quería deixar testemuña ficcionada «da loita obreira que quixo mobilizar ás masas como no marzo de 1972 en Ferrol, Santiago e Vigo; cando milleiros de traballadores reclamaron dereitos e democracia». Rei Núlez conecta esa dinámica coa loita ecolóxica que se sostivo principios deste terceiro milenio contra a gasificadora que se chantou na ría de Ferrol, sen deixar de cuestionar que se constrúa con informes de autoridades en contra e que se levante ao tempo que se fai o porto exterior da cidade sen que se decidise instalala nese novo espazo habilitado para o transporte.

Sorpréndeme que Rei Núñez escolla unha monxa para guiar a historia inspirada pola dialéctica marxista.

—Escollín unha moxna para contar con obxectividade os acontecementos, Houbo moitos cregos nas loitas do 72 en Ferrol. Miguel Anxo Araúxo, bispo de Mondoñedo Ferrol, que era galeguista, recadaba cartos para a caixa de resistencia para axudar nas folgas a través de Cáritas. Eses relixiosos eran Cristianos por el Socialismo. Había monxas tamén. Algunhas incorporáronse en Santiago cando se fundou a AN-PG. Para un relixioso era o normal o non á guerra, era o normal estar contra o conflito bélico. A voz da monxa permite contar máis obxectivamente desde a súa infancia, cando  aínda había maquis nos montes. A presenza desa monxa na novela pode soarlle estrana a algún lector, pero se se deixa levar polo relato vai ver que  Marabillas tivo unha formación sentimental no sentido de Flaubert que a levou a esa postura.

Matar a Reboiras é un avance na triloxía de Luís Rei Núñez sobre a deriva deste país.

O encargo do señor Castelao conta a decepción e o declive físico de Castelao en paralelo á historia Xosé Gómez Gayoso, responsable do PCE nos anos 40. Estaba clandestino en Madrid e volve a Galicia. Dirixe con Antonio Seoane a resistencia contra o franquismo que houbo no país. Reboiras forma parte dunha organización pequena de xente nova que decide, nos anos 70, emprender o que chaman formas máis avanzadas de loita. Crean un destacamento armado con Moncho Reboiras á fronte.  Entre ambas as novelas hai unha conexión coa Historia. A maiores de Castelao e Reboiras, hai outros anónimos que ingresaron no curso da Historia. Falo da deriva política deste país. Eu falo de política porque a política está entre os lectores. Poden dicir que escribo de asuntos locais. Paul Auster escribe de Brooklyn, que non pasa de ser un barrio de Nova York, eu quero falar do Ensanche de Santiago ou da Milagrosa en Lugo.

As visións de parte impediron que En Marea se consolidase unha estrutura transversal na que todos nos sentísemos cómodos

O propio Luís navegou durante catro anos nesa deriva políticia ao ser elixido concelleiro por Marea Pontevedra en 2015. Non desbota novelar esa experiencia para dar continuidade á triloxía.

—Levo tres anos fóra da actividade política. Eu cría nese proxecto que derrubaba esas fronteiras que construíra a esquerda desde o sectarismo ao longo de décadas. Naceu un proxecto nacional, galego e laborista que non lle pedía o carnet a ninguén, que pagaba a pena, que creaba ilusión.

—Houbo unha decepción, Luís?

—Si, claro. Lograr un 20 por cento dos votos é moi difícil. Poñer iso en marcha en tan pouco tempo foi complicado, logrouse con diálogo. Acabouse por guerras internas. É unha pena. É decepcionante polo país. Reconstruír iso leva moito tempo. O caudal de ilusión que queda detrás vai ser difícil de volver poñelo en marcha. Se tes vinte ou trinta anos podes pensar en que volverás velo, pero, se tes unha idade como a miña,  sabes que puidemos dotar ao país dunha forza política que suporía un cambio na resposta aos desafíos que temos e non o fixemos.

—Por que as Mareas se desfixeron tan pronto?

—Polos erros propios. Convivían a alma de diferentes organizacións políticas e a de moitos que non eramos de ningunha. Esa alma tiña que disolverse no proxecto máis amplo e os partidos non quixeron. As visións de parte impediron que se consolidase unha estrutura transversal na que todos nos sentísemos cómodos. Había un patriotismo de partido. Cada un quería impoñer os seus cargos, non hai máis que ver as siglas que estaban detrás dos representantes en Santiago e en Madrid.

Comentarios