martes. 30.11.2021 |
El tiempo
martes. 30.11.2021
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

A brisa de tabaco que sopraba nos cafés

Daniel dime que o seu fillo fala moito. "Da mañá á noite". Estou en La Modernita tomando café. Na mesa de enfronte tres vellos comen callos e esquecen os viños que pediron Teñen un historial médico de moitas páxinas que poñer ao día. O fillo de Dani ten dous anos, pouco historial puido escribir nese tempo.
Daniel Salgado. XESÚS PONTE
Daniel Salgado. XESÚS PONTE

LAWRENCE Ferlinghetti morreu en febreiro, a 26 días de cumprir 102 anos. Vivía so dende que a muller lle morrera, 51  anos antes. Foi viúvo a metade da súa vida. Ferlinghetti era viúvo e xornalista, xornalista e escritor, escritor e libreiro, libreiro e editor, editor e tradutor. Tamén pintaba. De neno viviu un tempo en Francia. Volvería despois nunha barcaza, como oficial no desembarco de Normandía. Sometidos os nazis estableceuse en San Francisco. Montou City Lights, unha librería e editora.Publicaba aos amigos. Primeiro, en 1948, coñecéronse a Lucien Carr, Allen Ginsberg, William Burroughs e Jack Kerouac. Despois apareceron Neal Cassady, Gregory Corso e Ferlinghetti. Unha vez atracaron a City Lights e levaron 200 dólares. Non denunciou porque fora Gregory Corso. Editou Ouveo de Allen Gingsberg, gañou un xuizo por escándalo e Daniel Salgado traduciuno para Positivas.


A Dani interésalle tanto o jazz daquela época como a Xeración Beat. Hai 14 anos editáronse varios textos de Ferlinghetti reunidos. Non sei qué pensaría o autor dese libro. A Blas de Otero tampouco lle gustaba a poesía encarcerada: "Escribo/hablando", leo en En castellano (Galaxia Gutenberg). Ferlinghetti amaba o oral, o instantáneo: "Se aspiras a ser poeta, escribe periódicos vivintes". Carlos Oroza, o beatnik de Viveiro, negábase a escribir. A súa poesía era para ser escoitada e abandonada moribunda para que a levase a brisa de tabaco que sopraba nos cafés. Ferlinghetti coñeceu a Oroza no  Café Gijón, pediulle que o chamase Lorenzo e citouno en Coney Island da miña mente.


Berta Dávila e Carlos Meixide veñen de montar a editorial Rodolfo e Priscila. Berta é novelista dotada. As novelas de Dávila gústanme porque son crónicas. Carlos ten varias novelas xuvenís. Publicounas cando eu deixara de ler ficción. Meixide ten unha vontade de salmón: ocúpase persoal e tenazmente de vender os seus libros. A editora arranca con Pequeno álbum de Nova York en inverno, no que debuxa Berta e escribe Carlos, e segue con A poesía coma arte insurxente, onde escribe Ferlinghetti e traduce Daniel Salgado: "Se queres ser poeta, cántao. Dálle unha voz ás rúas sen lingua".

Dani díme que Lawrence Ferlinghetti era o máis e o menos:
—Foi o máis politizado, o máis anarquista, o máis sandinista, o máis antivietnam. Foi o menos hippy, o menos LSD.
Pido outro café. Díme:
—Sabes, Jaure? Debería revisar a tradución de Ouveo.
—Ti pensas?
—Agora sei máis inglés.
—Ben —atrévome a opinar—. Darío botou décadas revisando a tradución da Comedia.

Ramón Cabanillas fumaba na Real Academia Española os cigarros que liaba o abade de Samos. Baroja tomaba en serio os debates que flotaban na casa.


Darío Xohán Cabana chamouna Divina comedia cando a publicou na casa de Romeán, en Edicións da Curuxa. Sorprendeume. Cóntolle a Salgado que Dante escribiu Comedia, que Bocaccio lle puxo o adxectivo ‘divina’ para engrandecela. Dani escoita, pero non sei se lle interesan a exhumación literaria.
Volvemos á conversa sobre a Xeración Beat. Fálolle como se escribise:
—Sabes que Ferlinghetti tiña un póster de Maiakovski na cociña?
—Hai conexión —observa—. Maiakovski era libertario dentro da implicación na Revolución Bolchevique. Todos os beat tiñan a vía Walt Withman, el tamén escribe todo e de todo.
—A ver, Dani. Liches o poemario Intimidación do Colectivo Maiakovski?
—Téñoo na casa. Non o coñezo a fondo.


Ignoro se os poetas menten. Nunha monxa, por exemplo, podes adivinarlle nos ollos culpables se fuma á soas na cela despois de cear sopa de cebola e rezar as completas. Ramón Cabanillas fumaba na Real Academia Española os cigarros que liaba o abade de Samos. Baroja tomaba en serio os debates que flotaban na casa. Discutía sobre se debería dicirse "en zapatillas, de zapatillas o con zapatillas", aínda que a el lle daba igual. Pero quen sabe se un poeta lle di a verdade? A poesía é unha impostura emocional ben escrita.


Eu non minto. Non por reparo moral, senón porque me poño colorado. O venres fun ao ambulatorio e díxenlle a verdade á miña doutora:
—Non fumo, raramente bebo, non me gustan os doces. Camiño sete quilómetros todos os días.
Ela ten moitos anos de experiencia e unha melena morena. Moveu a cabeza. Incrédula.
—Explíqueme, daquela, por que lle aumentaron tanto o azucre e o colesterol nos últimos tres anos.
Empecei a revelar os meus secretos máis vaticanos: as innumerables pezas de froita diarias, as incontroladas cantidades de pan, as inefables racións de queixo  de Friol tras a cea.


Saín da consulta cun expedente de regulación de froita, pan e queixo. Pensei que, se chego mentir e lle largo que cada día bebo 14 viños e fumo 43 cigarros liados en Samos, tería conservado intacto o meu estilo de vida cantábrico.

Eu tamén teño un exemplar de Intimidación. O martes alguén me citou na Ponte Romana, que é onde se fixeron os intercambios de espías de toda a vida en Lugo. Era un home alto, novo, forte; loiro e levemente coxo. Vestía de negro cunha chaqueta de lá marrón a cadros como a favorita de Kerouac. Gorxa Fonda levaba máscara, claro, e un gorro, tamén negro. Informoume de que representaba o Colectivo Maiakovski e entregoume o exemplar.

—Somos dez poetas de diferentes idades e estilos —descubriume mirando para o reflexo húmido do sol sobre o Miño—. Empezamos a contactar na primavera do 2019. Nunca houbo unha reunión. O procedemento foi que cada un  escribía entre 150 e 200 versos. Mandáballos a outro poeta e este debía reescribir eses versos e enviar outros tantos. O obxectivo era facer un artefacto de poesía que fose anónimo no que o poema sexa o único que coñeza o lector, sen condicionantes.
Preguntei polo nome:
—Maiakovski é unha icona da vangarda e Colectivo Maikovski é un proxecto de vangarda. En canto a ‘Intimidación’, é un libro político. Antes sabías contra qué poderes fácticos tiñas que loitar. Agora ocultáronse.
—Isto é moi abstracto —observo—. Pónme un exemplo.
—A extrema dereita no século XX era explícita. Hoxe en día disfrázase con pequenos matices. Podes escoitala na rúa Salamanca de Madrid cantando Bela, ciao.

A Galega entrevistaríame como testemuña protexida, que falaría no programa de Kiko Novoa coa voz distorsionada


A característica que me atrae do Colectivo Maikovski é que non dá a cara. A escena poética necesita un pouco de emoción porque é aburridísimo escoitar a señores e señoras engolando a voz para que pareza que os seus versos falan das formigas e dos planetas ao tempo.
Prefiro non coñecer o seus nomes. Pásame como coa análise que me fixen:
—O electrocardiograma está perfecto, señor Jaureguizar; pero...


Os médicos sempre intimidan. «Todo ben, pero...». Explícame que teño o corazón pequeno pola parte esquerda. "Algo conxénito", para aliviarme de culpa por excederme co queixo. "Quero que o vexa un cardiólogo". Se vivin 56 anos cun corazón descompesado, se foi quen de soportar o amor sen rebentar, se agora o paseo todos os días polo Mercado e o levo ao parque de Rosalía a respirar. Para que necesito sabelo?

O encontro co enmascarado na ponte compensoume a desilusión médica. Imaxinei que escribiría varias páxinas de protagonismo desmedido para uns encarapuchados, que a Galega me entrevistaría como testemuña protexida, que falaría no programa de Kiko Novoa coa voz distorsionada: "Connosco a persoa máis buscada de Galicia, o investigador que destapou o Colectivo Maikovski de poesía". Pero Gorxa Fonda confésame que van dar a conocer os nomes dos dez poetas. Ai!  A egocentría, esa enfermidade literaria...

A brisa de tabaco que sopraba nos cafés
Comentarios