viernes. 21.01.2022 |
El tiempo
viernes. 21.01.2022
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Carlos Valcárcel despídese facendo fotos desde a cama

A  miña muller atopou "un cadáver" na miña mochila. Lévoa para transportar libros lixeiros por se teño un momento para ler. Ese momento é coma O Unicornio do Courel: existe, pero ninguén cabalgou nel. Gústame o recendo a mazás cando abro a mochila, pero a que extraeu a muller da mochila parecía máis un coche coa carrocería escurecida nun desguace.
Carlos Valcárcel. VICTORIA RODRÍGUEZ
Carlos Valcárcel. VICTORIA RODRÍGUEZ

A MIÑA PULSIÓN é imitar a Cunqueiro. Para comprar unha mazá e metela nunha mochila non se require maior talento. A mazá que levaba, grande e perfumada regalouma Pepa, a panadeira. De cando en vez alguén cuestiona se o piso de Cunqueiro en Vigo estaba adornado por ducias de mazás ou era outra das súas postas en escena. Contáronme que llas mandaba o escultor Juan Puchades nun saco desde Mondoñedo a través do autobús de liña.

Almudena Grandes avogou por recolocar as barbaridades e os avances políticos da España do século XX no sitio que lles correspondía. En 2012 pedía que "las instituciones empiecen a reconocer, antes de que muera el último guerrillero, la contribución decisiva que supuso la lucha de la resistencia antifranquista para llegar a la democracia". Sinalaba os obstáculos que se atopaban nese recoñecemento. "España no es un país anormal: las manzanas caen de los árboles en todas partes menos aquí". Os pactos posteriores ás guerras e ás ditaduras favorecen ao quen asasinou.

A Almudena Grandes coñecina en Madrid, claro, hai vinte anos. Non lle lera nada. Tampouco despois. O meu editor Pote Huerta levárame a un pub, o Cock, no que se xuntaban os escritores que soñaban con pozos de petróleo, coma James Dean en Xigante; editores que se sentían os José Mourinho da literatura e críticos que aprobara unha oposición a xuíces da Audiencia Nacional. Karina Sainz Borgo afirmaba no ABC que Xesús Fraga non merecía o Premio Nacional de Narrativa por ser "autor de una única novela". Non vou opinar da literatura Sainz Borgo sen lela porque Sainz Borgo despreza a literatura de Xesús Fraga sen lela. Aínda peor, ela ignora que o galardonado escribiu seis novelas.

Pote Huerta decidira que eu ía ser un chico Almodóvar da novela, un Radio Futura do letrismo e un Miquel Barceló da caligrafía. Madrid é unha ciencia que me desconcerta. Pásame coas cidades grandes. Boto a andar e logo estou perdido. Non hai unha cara repetida. Na Cock coñecín a Felipe Benítez Reyes, que era un poeta ilusionado con aires de pianista be bop, e a Bernardo Atxaga. Atxaga ten unha cara confortable, parece un panadeiro que amasa a bondade cada noite. Bernardo faloume en euskara. Supoño. As súas palabras soaban como as que usaba o meu pai cos seus irmáns cando querían comunicarse un secreto.

Marra reside no seu arquivo fotográfico. "Estouno ordeando os anos 80 e 90", informa

Aclarei a Atxaga que si, que era vasco, pero que levaba case toda a vida en Galicia e que ese era o meu sentimento de país. O meu apelido significa pazo vello. Lanzouse, daquela, a contarme unha historia singular e tétrica sobre un pazo vello que comprara cando vendera todo o vendible do libro Obabakoak. Nesa obra conta historias dunha vila imaxinaria, Obaba, na que sucedían feitos prodixiosos. Corre polas redes a etiqueta Non é fake, é Lugo, así que excusamos de inventar. Unicamente ter o talento de Atxaga para contar. Xa non soño con aspirar ao rozar a Cunqueiro.

Xosé Marra chamoume onte. Hai anos que non o vexo. Prometínlle subir unha mañá á parte alta da cidade para tomar un café na súa casa, mirar dende o salón as mazairas que non son asombradas os edificios. Marra nunca tivo unha saúde para expoñer nun concesionario, así que sae pouco. Reside no seu arquivo fotográfico. "Estouno ordeando os anos 80 e 90", informa. A medida que acorda do pasado cóntamo. Falábame onte da irmá, interna nun colexio, que polas noites facía incursións na cociña das monxas, "a cociña boa", que era na que as monxas reservaban o bo xamón e un licor café perfumado.

Marra é o único fotógrafo que quitou unha imaxe dun terremoto. O director do xornal mandouno a Triacastela porque se producira un sismo horas antes. Cando chegou todo estaba en calma, así que foi ás aforas da vila, buscou o letreiro de fin de termo municipal e meteulle unha patada para facelo vibrar. Fotografou un terremoto.

Pero estaba falándolles do día en que coñecín a Almudena Grandes e marchoume o santo ao Ceo. Lembro unhas rúas de Madrid iguais a outras rúas de Madrid. Lembro entrar nun pub sofisticado, co mesmo aire inglés de todos os pubs sofisticados. Había un corro de xente charlando, bebendo e fumando. Almudena estaba no centro, fumando máis que os outros. E nos presentaron e falamos no idioma da cortesía porque eu sentíame incómodo entre descoñecidos con obras importantes e inexploradas. Sabía que Almudena Grandes escribira un texto sexuado, do que todo o que me atraeu foi a actriz Francesca Neri cando o converteron en película. Sabía que despois empezara a escibir literatura, novelas sobre a Segunda República e a Guerra Civil. Como consecuencia dixémonos unhas frases que non vou perder medio artigo en reproducir, ela sorriu amablemente e entregouse a seguir namorando de Luis García Montero, sentado ao seu carón.

Fraga sabe contar, unicamente precisa doutra historia poderosa literariamente como a da avoa Virtudes

A historia que conta Xesús Fraga en Virtudes (e milagros) (Galaxia) pareceume fascinante. Cando a publicaron enfadei con este país polo pouca atención que se lle prestou. Houbo un xurado que rescatou a novela, soproulle o po que cubre os libros ignorados e deulle o Nacional de Narrativa. Xesús Fraga vai entrar no Cock:

—Pedín unha excedencia de seis meses para atender os compromisos e empezar outra novela, Jaure.

Contoume que ten actos por España adiante, en Polonia e Bruxelas. Fraga sabe contar, unicamente precisa doutra historia poderosa literariamente como a da avoa Virtudes. Esa vai ser unha das claves; a outra serán as relacións públicas, que encumbran e derrocan carreiras literarias. Leo críticas a Almudena Grandes como escritora. Non é o momento. Menos é momento de que a dereita madrileña deixe ver a carne vida das súas fobias ideolóxicas. A Transición, a reconciliación: hai discursos que soamente valen contra a memoria histórica. Quedo coa imaxe de centos de persoas amosando os libros da escritora no seu enterro. Nunca vira algo comparable. Nin cando sepultaron a Cunqueiro no Cemiterio Vello de Mondoñedo. Novelas nun funeral. Iso si que son mil primavera máis.

O amor pode salvar vidas ou torcer outras. Marra era un fotógrafo reputado no seu xornal. Unha mañá de primavera e paxaros que cantaban salves á Virxe dos Ollos Grandes entrou no despacho do director.

—Deixo o periódico!

—E iso? Estamos contentos co teu traballo, Marra. É un problema de cartos?

—Cobro o que preciso e teño unha horta.

—Hai algo que che amole? Non sei...

O director sabía que habería algún xeito de convencelo.

—Namorei. Ela vive en Canarias.

—Ben, Marra, hai temporais contra os que non serve chantar táboas contra as ventás.

Hai unha semana morreu o monarca entre as cámaras reais. Non me atrevería a afirmar que ninguén fotografaba en Galicia coma Carlos Valcárcel, pero si que ninguén se movía nun laboratorio como Carlos Valcárcel. A pesar de que o seu laboratorio era pequeño. Nunca foi profesional, así que revelaba no cuarto de baño da casa. Cando ía visitalo pedíalle que mo ensinase. Era como entrar nunha pirámide e adentrarte na cámara do faraón. Empezou a pandemia. Non me parecía prudente meterme na casa dunha persoa de 90 anos.

O cuarto de baño tiña a color dos limóns vellos. Arredor do espello e sobre o espello había papeis e papeis cheos de anotacións nas que Carlos explicaba, para si mesmo, as mesturas químicas coas que conseguir os contrastes, luces, brancos e negros que o converteron no fotógrafo máis respectado polos seus colegas. Carlos marchou canda as pulpeiras, os labregos con boina, as viúvas do mar, os tratantes de bestas,... Nos últimos días quitaba fotos dende a  cama, pero o mundo xa non lle correspondía.

Carlos Valcárcel despídese facendo fotos desde a cama
Comentarios