lunes. 25.10.2021 |
El tiempo
lunes. 25.10.2021
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

As congas que non van a ningún sitio

Os sogros convidaron onte a xantar na casa da Coruña. Acudínlles porque nunca renego das cigalas cocidas en sete fervores delicados. Tamén Dante confiaba nas propiedades redentoras do número 7. Sería unha soberbia pola miña banda cuestionar un poeta maior ou a cociña dos meus sogros
lugrís
Urbano Lugrís

TRAS A SOBREMESA fun camiñando ata a rotonda de Riazor. Era onde me levaba a miña tía Feli nas tempadas que botaba na súa casa. Recollíamos o froito prohibido do eucalipto. Ela usábao para facer os bafos cos que salvaba os catarros, que eran as pandemias respiratorias de antano. A miña tía era alta e delgada coma unha farola parisina. A súa cara presumía dun alegre RH vascongado. Cantaba bonitas cancións en euskara de victorias carlistas sobre os liberais no século XIX. Ela, filla dun liberal.

Fascinábame vela cando sentaba na cociña para as ablucións de eucalipto. O ritual consistía en cubrir a cabeza cunha toalla e encorvarse sobre unha pota fumegante co seu nariz afiado. Pasado un minuto, o rostro emerxía diáfano coma unha hostia.

O eucalipto continúa sendo o prestamista xudeu da botánica galega: imos onda el na procura de cartos, pero rexeitámolo por intruso. Esa árbore nunca figurará entre os relatos que terman de nós como entidade singular, pese a tela tan cultivada por todo o país. As grandes narrativas de Galicia —os tres mitos que a sosteñen e a explican— son o Camiño de Santiago, a lingua e o polbo á feira. Desa santísima trinidade unicamente creo no polbo porque son materialista; mesmo troskista, na dialéctica de xantar.

—Non podes tomar en serio nada coa excepción do menú —aconsella Jep Gambardella na película La gran belleza de Paolo Sorrentino.

Seica o poeta Modesto Fraga orza do comedor con eficacia amable. Pregunto polos seus versos a Luís González Tosar, que é rigoroso nos xuízos sumarísimos sobre literatura

Cando regreso da estremeira de Riazor cara ao Orzán paro diante do Playa. Comprobo que a tripulación do fisterrán Tira do Cordel colleu o restaurante que rexía Lendoiro. Agora chámase Tira do Playa. Seica o poeta Modesto Fraga orza do comedor con eficacia amable. Pregunto polos seus versos a Luís González Tosar, que é rigoroso nos xuízos sumarísimos sobre literatura.

—É un gran poeta; o derradeiro poeta lírico, o derradeiro poeta do amor.

Tosar continúa presidindo o Pen Galicia. Ía para dous anos que non nos cadraba. Está máis esvelto e empeza a ter unha beleza secreta que van desvelando certas persoas ilustradas na última volta do camiño.

—Véxote moi guapo, Luís.

—O réxime... —mastiga con resignación.

—Non todo é malo nos réximes. Mira o réxime anterior, que adelgazou as ilusións políticas dos españois.

A miña tía Feli morreu sen ler a Modesto Fraga. Andou en amores ata a vintena, cando decidiu entregar o corpo á causa familiar. A súa alma consagrada tería atopado derrota máis nobre que dedicarlla á nai e aos irmáns, pero ela estaba segura de que non atuarían a aspereza e a desorde do mundo sen a sopa con dous dedos de graxa que lles cociñaba. Aconteceu o contrario porque morreron todos duns trombos elegantes e proustianos.

Cando Feli cumpriu 70 anos o seu sorriso volveuse triste e postizo. Presentóuselle na casa un cariño de mocidade. El fora capitán da mercante en Rotterdam. Ela recibiuno en bata de guatiné e en pelo despeiteado de sarabia. Aquela volta dos anos acontecera sen aviso. A súa reacción co pretendente foi negarlle o ramo de tulipáns colorados e a posibilidade de retomar a conversa interrompida medio século antes.

Sospeito que a miña tía pechara o pasado nunha fiambeira hermética. Sentíase incómoda cando lle lembraban aquela xuventude na que subía pacificamente a Montejurra para defender a Lei Vella, a Deus e a Patria.

—Habiendo sido carlista, ¿por qué votas a Herri Batasuna, tía?

—Porque son los únicos vascos de verdad.

Ambos os dous teñen cans pequenos de pelo curto, dos que ladran a pilas. Os cadelos tontean mentres os donos falan

Esa inclinación polas cociñas que me perde levoume a Urbano Lugrís. O pintor coruñés vivía para alimentarse: habitualmente con viño, pero con xamón se a fame apreixaba a boca do estómago. Na taberna de Enrique, en Malpica, protestaba.

—Enrique, carallo! Curtas tan fino o xamón que se lle ve a alma!

Diante do Playa coruñés atopo dúas persoas maiores falando. Un home de pelo lacado e unha señora que recende coma os xardíns colgantes de Babilonia. Ambos os dous teñen cans pequenos de pelo curto, dos que ladran a pilas. Os cadelos tontean mentres os donos falan.

—Mira, Pilar. A pesar de que nos gobiernen los comunistas yo persevero en mis creencias. No voy a dejar de ponerme mi hábito morado en Semana Santa —comenta o señor. Pasa a man polo peito, inchado coma a vela dun bergantín. Traza o xesto de arriba a abaixo, vestindo unha túnica invisible.

—Pues no te creas, Alfredo. Soy católica, apostólica y romana. Antes iba a misa en San Nicolás, pero ya no puedo porque ahora cantan. ¿Qué falta de respeto a la Virgen es esa?

A min gustábame a fe antiga, a crenza perfecta dos devocionarios, a que non deixa marxe a dubidar do dogma. Óscar Poy devolveume a esperanza. Convideino a un café porque me gusta como manexa a artesanía dos puntos e as comas nos plenos municipais de Lugo. Poy é concelleiro do PP, polo que o citei no café Centro, que é unha palabra que gusta aos liberalreformistas. Informoume de que o seu grupo municipal presentara unha moción para adoptar non lembro que medida sobre a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia. Sóame unha proposta relacionada co BIC. Óscar ten unha manga de metro e medio, e unha eslora que supera os dous. Cos vellos xogadores de rugby pásame como cos curas: o sensato é levarte ben. Non vaia ser que este nihilismo meu sexa unha trapallada e necesite recomendación para entrar no Purgatorio.

Eu perdín a fe no lugar máis puro para facelo, nun colexio de monxas. As relixiosas do Sagrado Corazón de Ribadeo aplicáronse con entusiasmo na tarefa dende que era párvulo. Sor Cleofé enfádabase coas miñas sumas mal levadas. Pegábame cuns nocellos que me afectaban severamente o cranio, coma o piolet co que Mercader matou a Troktski. Sor Teresa odiaba que Loli e máis eu esborrachásemos cadernos para aprender a escribir. Castigábanos a quedar tras a clase coas cadeiras sobre a cabeza. Coroábanos de espiñas e de escarnios dos compañeiros. Loli acabou casando con Docobo, que foi porteiro do Compostela; pero eu nunca superei que corrixisen a miña zurdeira a golpes na man cada vez que ía escribir. As monxas razoábanme que era «a man de Lucifer».

Confío agora no PP lucense para volver sentirme coma cando era neno. Devolverte a ese tempo é o mellor que un político pode facer por ti.

Estiven a piques de volver crer en Deus con 24 anos, en 1980, cando asistín a unha misa ortodoxa en Xerusalén. Uns hombretóns ataviados de túnicas negras cantaban en do sostido cara a un altar de barroquismos dourados e velas que tremían. Nesa misa puiden tocar o misterio da Santísima Trinidade coa punta dos dedos. Confío agora no PP lucense para volver sentirme coma cando era neno. Devolverte a ese tempo é o mellor que un político pode facer por ti.

Entre mentres, o meu estado de ánimo vai parello ao de Jep Gambardella, o protagonista de La gran belleza. Organiza unha festa rachada na mansión que ten ao carón do Coliseo. Os invitados póñense en ringleira para bailar. Jep argumenta:

—As nosas congas son as mellores de Roma porque nunca se dirixen a ningún sitio.

O venres foi a última vez que tiven fe. Atopei a Lodos na rúa da Cruz. Vende cupóns da Once. Lémbroo correndo polo céspede do Pepe Barrera, en Ribadeo. Levaba o balón escondido entre as pernas, que eran longuísimas coma a felicidade adolescente. Compreille un cupón polo egoísmo de saber que me tocaría. Era Lodos, era Ribadeo, era a miña nenez. Se non cres na túa infancia, en que podes crer?

Non acertei nin o primeiro número, pero fixen un labor social; aínda que non por altruísmo. Iso tampouco movía a Urbano Lugrís. O artista malvivía nunha pensión da Coruña. Un amigo trampeoulle un emprego na Compañía de Tranvías de Vigo en 1965. Era un traballo a cuberto, de oficinista. Comezou o luns. O venres o xefe xa o chamou ao despacho.

—Mire, señor Lugrís, entramos a las nueve de la mañana y usted ha llegado todos los días de esta semana a las once.

O artista ergueuse da cadeira indignado, axitando os brazos:

—¡Pero como pretende que esté en la oficina a las nueve si me levanto a las diez!

Veñen de cumprirse 125 anos da primeira exposición do artista malagueño; non foi lonxe, na rúa Real

Regresando da andaina mariña polo paseo da Coruña cheguei ao Eusebio da Guarda. O pai de Picasso deu clase nese instituto. Veñen de cumprirse 125 anos da primeira exposición do artista malagueño; non foi lonxe, na rúa Real. A Xunta non acordou da efeméride, a Deputación non soubo dela e para o Concello pasou desapercibida. Sigo camiñando.

No instituto reproduciron unha obra de Lugrís nunha porta anchísima que dá a un patio. Pintaron os seus mares, que son «largos campos que aran coordenadas, astros, navíos y muertos. Por sus tendidos senderos y dispersos se pasean con áncoras y alas, con sangres y risas», como escribiu. Antón Patiño, pintor trascendente do grupo Atlántica, reveloume que Lugrís empezaba os cadros polo ceo. Sobre aquela porta azulona do Eusebio da Guarda pintaron un ceo limpísimo. Conservaba o aspecto que brillaba no Paraíso cando Deus curtou a cinta inaugural cunhas tesoiras de ouro e marfil. Lugrís non creía no Camiño de Santiago, unicamente no xamón. Era agnóstico co idioma.
—Non podo ser realista porque pinto en galego.

As congas que non van a ningún sitio
Comentarios