Blog | O Cabaret Voltaire

Cuartos de baño que revelan misterios

A cidade de Lugo é alongada. Paréce cada vez máis á política española: vai baleirándose polo centro e medrando polos extremos. O xoves atraveseina para ir visitar a Carlos Valcárcel.

SÓBRAME tempo antes da cita. Paro tomar un café. Un grupo de señoras fala nunha mesa arredor do amor e do sexo. Hai unha loira riza duns setenta anos con cara bonita de lúa chea.

—Dende que me divorciei non volvín facer o amor. E con quen? Non saio da casa e cambiei o butano por gas cidade!

Saio cara a casa de Valcárcel. Faltoume valentía para confesarlle que non pretendía visitalo, senon homenaxealo. Admiro todas as persoas que fan cousas que non fago por torpeza: cociñar marmitako, bailar claqué e tirar fotografías. Carlos Valcárcel fixo algunhas das mellores fotografías que teño visto e, dende logo, as máis emotivas e irónicas que teño visto. É mestre de fotografos afeccionado de todo o mundo.Préndenlle lumes eternos en internet. Logrouno sen moverse apenas da provincia de Lugo, primeiro; sen moverse de Lugo, despois, e sen moverse da casa, agora.

Vive na Place d’Alacante, Montparnasse. As escaleiras son verticais e frescas. Afora chove sen pulsión. Deixei na entrada un paraugas dalgunha marca inglesa. Pensado para combinar co traxe e o bombín.

—Como está, Carlos?

—Como supondrá usted, me encuentro mal. Todo mi cuerpo está mal, menos el fotográfico.

Entendo que se refire ao corpo fotográfico das súas cámaras. Como escribe Natalia Alonso: "A balea contén un barco no seu esquelete". O cerebro de Valcárcel navega a todo filispín. Nega ao corpo que teña 91 anos.

Valcárcel empeza a falar sobre revelado de negativos, sobre os produtos químicos que ía comprar á Coruña, sobre emulsións e sobre xeito de lograr sombras e brillos. Quedo, marabilaldo, a pasar a tarde na súa lección maxistral. Ao final, como agasallo de despedida, permíteme entrar na cámara secreta. É o cuarto de baño no que traballaba madrugadas longas coma estradas noturnas. Ao amencer deitábase unha hora e saía traxeado para o banco que lle financiaba  ter familia e mercar carretes.

—A veces salía de trabajar y me iba por ahí a hacer fotos con Hipólito. Bueno, era joven y el cuerpo aguantaba.

. Hai un póster de Ansel Adams coa imaxe dunha estrada que leva directamente a ningures

O laboratorio de Carlos parece un decorado de pelicula de Jim Jarmusch, unha portada de Lou Reed, un apartamento realugado en Nova York. Hai un lavabo e un armario que é unha farmacia para curar fotografías. Hai un póster de Ansel Adams coa imaxe dunha estrada que leva directamente a ningures. Hai uns folios amarelecidos con apuntamentos a bolígrafo de fórmulas maxistrais e tempos de mergullado.

Na rúa chove con memoria. O paraugas británico quedoume na casa de Valcárcel. Entro nuns billares para gorecerme nun café negro. Uns rapaces xogan ao billar. Son novos, poderosos. Visten cadeas e chándales vermellos, verdes,azuis.

Falan unha lingua que me soa ao euskara no que se informaba das noticias desagradables na miña casa da infancia. Odiábao porque non o entendía. Irrítame que unha lingua de lume non baixase sobre a miña cabeza nos billares porque teño curiosidade pola súa conversa. Ansiaba o meu Pentecostés. Tamén usan unha lingua universal e atemporal: un dos mozos, o perdedor, debe arrastrarse por baixo da mesa. Os brazos fortes mantéñeno a salvo do chan. Recende a gato sen castrar. Penso nas enerxías que lle sobran e comezan a despedirse de min.

O mércores Benedicta pasara pola redacción do xornal repartindo enerxía, naturalidade e cariño, como unha cabalgata de Reis. Con 83 anos empezou a súa carreira cinematográfica nun cásting organizado por Oliver Laxe en Navia de Suarna, a vila situada nun berce dos Ancares. Con 84 anos gañou un Goya. Non houbo estralado tan serodio, veloz e exitoso en España. Laxe soubo contela en ‘ O que arde’. Se a ceiba cómelle o guión, a fotografía, o son e a paisaxe mesma.

Benedicta Sánchez naceu no Corgo, pero ben puido nacer en augas internacionais. Cando tiña 8 anos foi a Lugo ver unha película. Escollérana os pais coa poderosa morriña de ter regresado da emigración cubana. Víanse praias, palmeiras e sol. Benedicta foi quedando soa co mar.
—Son unha namorada do mar. Botaría meses nun barco navegando.

Saín dos billares para determe nun Gadis. Comprei iogures de Xanceda para o meu cativo, Antón.

No cruce de San Marcos coa Praza do Pombo saltoume un patinete que case me golpea. Lenín nin se decatou. Era un pouco máis alto que cando a fundación da URSS e levaba lentes, pero souben que era el pola barba e porque levaba unha gorra aviseirada cun pin da estrela vermella. A estrela brillaba.

Foxá gañara unha guerra, pero esa fazaña mancha na lapela dun poeta

Comprendín por que os fineses pintaron de branco as cúpulas das súas igrexas ortodoxas na Segunda Guerra. Evitaban que a aviación soviética detectase as cebolas douradas. Linllo a Agustín de Foxá en Un mundo sin melodía (1949). Foxá gañara unha guerra, pero esa fazaña mancha na lapela dun poeta. Marchou de embaixador á democracia de Helsinki para sandar o desencanto coa ditadura.

—Los españoles están dispuestos por la dama de sus pensamientos o por un punto de honra, pero morir por un sistema democrático les parece tan tonto como morir por el sistema métrico decimal.

A edición que teño de Un mundo sin melodía leva un prólogo de Luis Calvo, que fora espia franconazi. Calvo sabía que Augusto Assía estaba espiando para os aliados. Citouno nun restaurante baixo a excusa dun encontro de correspondentes de ABC e La Vanguardia. A finalidade era entregarllo aos británicos presentándoo como axente de intelixencia hitlerián. Assía sentou á mesa e, entre prato e parto, foi ao baño. Na sobremesa varios membros do contraespionaxe detiveron a Luis Calvo. As probas contra el foran depositadas polo seu colega entre a cisterna e a parede.

Hai baños que son laboratorios e baños que son comisarías. Umbral maldicía que todo o mérito de Calvo fora entrevistar a Chaplin, pero parece que a súa folla de servizos e a súa torpeza eran maiores. Serrano Suñer pagoulle liberándoo dos interrogatorios espido na pérfida Albión e sentándoo na dirección do ABC.

Assía acabou por aveciñarse en 1964 en Xanceda, onde se puxo un pazo con granxa adosada Recibía con xersei de rombos, gravata e wishkey con améndoas salgadas. Xantaba á unha e mandaba servir o té ás cinco. Nese lugar foi onde o xornalista e Totora convenceron a Fraga sobre a idoneidade de Albor, que hai dous anos marchou con 101.

Agora o meu fillo come os iogures que se elaboran en Xanceda e, ás veces, tres bocadillos no recreo. Ignora que os heroes envellecen. Antón empeza a asomar por riba da miña cabeza con enerxía benedicta. El medra coma un xogador de billar e eu vou agachándome ao reencontro coa terra.