domingo. 25.07.2021 |
El tiempo
domingo. 25.07.2021
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Tres galiñas voando no paraninfo

Escritores, editores e libreiros fan públicas as nominacións para a Gala do Libro Galego. Paco Martín vén de cumprir 80 anos. Nin unha mención a Paco, que vén de publicar unha novela ben agradable. Nin un cariño ao ilustrador Xan López Domínguez. Cando baixarán estas febres bravas e afoutas?
Xan López Domínguez.
Xan López Domínguez.

JULIO CAMBA era guapo como un poeta futurista. O nariz subíalle verticalísimo para bifurcarse nuns ollos alegres de pescador con troitas saltándolle na cesta. Con 17 anos era belo e caníbal. Jabois ensinou un retrato de 1902 mentres eu tomaba un café. Non sei que facía Jabois nese momento. Enredos madrileños, supoño; Madrid é un labirinto de reloxos malogrados. A fotografía vina en El País.

Daquela Camba escribía «la revolución es una obra de arte». Bonito epitafio para gravar nunha tumba ultraísta do cemiterio parisino de Père Lachaise. Nese camposanto Allen Gingsberg falaba a Apollinaire: «Peter Orlovsky e máis eu camiñamos a modo a través de Père Lachaise/ ambos sabendo que morreríamos/ e polo tanto íamos da man tenramente nunha miniatura urbana da eternidade». Apollinaire recibiu un balazo na cabeza mentres lía as noticias locais da Primeira Guerra Mundial. O poeta estaba informándose da guerra e a guerra furoulle na cabeza. A guerra nunca se presenta, acontece.


A trepanación que lle practicaron a Apollinaire foi a fazaña máis emocionante da Primeira Guerra despois do paseo para revista que fixo o kaiser en Verdún, aínda que despois perdésemos o conflito todos os que nos sentimos prusianos. A eternidade de Apollinaire foi breve porque a cabeza soamente lle durou dous anos máis. O poeta rexeitou curar a ferida, preferiu conservala como fazaña, e a ferida matouno.

«La revolución es una juerga una orgía, una bacanal que no tiene nada que ver con la guerra. Se tiran tiros. Se comen jamones. Se matan curas»


Camba era pouco amante do rigor funcionarial e administrativo de Prusia. Aseguraba que, como actividad humana, a revolución era superior á guerra: «La revolución es una juerga una orgía, una bacanal que no tiene nada que ver con la guerra. Se tiran tiros. Se comen jamones. Se matan curas». Sen embargo, «la guerra es orden,método, disciplina, jerarquía, autoridad y responsabilidad».

O escritor de Vilanova de Arousa foi propagandista na Arxentina. Debuxaba arengas, escribía incendios, cantaba protestas. Regaloulle a primeira folga xeral a aquel país no que todo estaba por estrear. As autoridades agradecéronllo dedicándolle a Lei de Residencia, que serviu para darlle unha patada con pasaporte no cú. A editora Pepitas de Calabaza vai recuperar El destierro, os seus escritos de mocidade sobre o «justo, sutil y poderoso veneno», como consideraba o anarquismo —en frase fusilada a Thomas de Quincey, apunta Jabois—.


O axitador de Vilanova de Arousa confesa nese libro que «tuve la humorada de decirle a Maura que debía matarnos a los anarquistas y Maura, por lo que se ve, ha tomado en consideración mi consejo».


Camba acabou convertido na ditadura nun lucifer enfermo de pecar, nun triste vello que vivía no asilo do Ritz que lle pagaba March, nun esmoleiro á porta da igrexa franquista. Pagou a revolución arxentina nunha longa penitencia de xaxún político. Ego te absolvo se me escribes chistes para ABC. Desactivou a bomba ideolóxica cortando o cable azul e o cable vermello, e se meteu na cama a pasar a gripe falanxista. Canta humillación hai no decoro!

A Camba aínda se lle mantén a condea por ser o gracioso do réxime


Escribir nos corenta anos de paz e rosario esixía valerse das metáforas que permitía a cartilla de racionamento da censura e repetir as onomatopeas do discurso oficial. Ás veces, ás menos das veces, podía obtenerse unha elipse no estraperlo e, raramente, usar un calambur que chegara de contrabando dende Hendaia.


A Camba aínda se lle mantén a condea por ser o gracioso do réxime. Non sei que penitencia se lle pode pedir a un covarde que mandou calar ao seu medo para sobrelevar a hipocondría de ser sinalado.


Poderíamos reclamar tantas contas a tantos! A Filgueira Valverde, por exemplo. Pero el tamén llas pedía a Alfonso X por crear un santiario dedicado á Virxe María para desmontar a pelegrinaxe a Santiago. O rei de Toledo soubo facerse perdoar por todos nós coas Cantigas en galego.


Este apuntamento de Filgueira coñecino por A causa das mulleres (Candeia), unha compilación de artigos que vén de mandarme Sarille. Faime unha dedicatoria na que me explica que é unha «edición non comercial, pero que quere ter ambición de influír». Onde sinala unha contradición, eu non a vexo. O home é o único animal capaz de contradicirse, pero Xosé Manuel ten unha ética tan fundada que ata mantén firme a coherencia no que escribe.

Sarille expón o valor intelectual de Filgueira para avalialo en 360 graos


O curioso é que unha das liñas que terma dos seus artigos é tratar de comprender ao incongruente, tratar de situalo no contexto que explique o comportamento que nos irrita. Na columna Filgueira Valverde, de 2014, Sarille expón o valor intelectual de Filgueira para avalialo en 360 graos. Rexeita «usar a hermenéutica actual para condutas do pasado». Cita, como exemplo, o repudio a Pondal «por ser un violador, ao menos en potencia: Pilleina entre os pinos soa ou Esta si que é ocasión, agora léveme o demo non che val dicir que non».


Opina Sarille que pretendemos «esixirlles comportamentos impecábeis dos nosos días aos que tiñan outra mentalidade e loxicamente outro xeito de valorar o bo e o malo».

Un quixera que os escritores fosen xulgados pola súa literatura e non polas teses que sustentan os discursos literarios de arestora. Estamos enxalzando novelas e poemarios pobres, mesmo diría que defectuosos, porque navegan nas correntes de pensamento dominantes. A xeito de exemplo, poden revisar vostedes os candidatos á Gala do Libro Galego que seleccionaron escritores, editores e libreiros. A visión de curto prazo é unha característica que nos denuncia como animais sen evolucionar.


Non fai falta escribir contra os canons para ser ignorado, abonda con estar aparte. Paco Martín asentou a mellor narrativa contemporánea —xunto a Fernández Paz e Xabier Docampo—. Xan López Domínguez é un ilustrador de libros que se desputan editoriais de Estados Unidos e China, un artista ao que convidan a pasar temporadas en Corea do Sur coa fin de prenderlle a inspiración. Nin unha mención de honra na Gala do Libro. Cústame asumir que o criterio político marca recoñecementos que deberían corresponder a criterios de valía.


Xan inaugurou o venres a súa primeira exposición de pintura en Lugo. Volveu a Galicia, a unha galería de Jorge Espiral na súa cidade natal, para ofrendar a exclusiva. Viaxaba dende Madrid, achegouse ata o periódico e amosou toda a humildade por non estar na hora concertada:
—Chego tarde porque se me estragou unha rueda en Rueda.

fala de Cunqueiro, quen se disfrazou de ropaxes en público e tremeu en privado, e de Cela, quen desafiou en público e foi xeneroso en privado


Unicamente estas casualidades divertidas poden manternos en pé no medio do incendio moral que prenden as bombeiras e bombeiros da inclusión e a igualdade para apagar calquera conato de talento. O texto de Sarille fala doutros filgueiras e outros cambas; fala de Cunqueiro, quen se disfrazou de ropaxes en público e tremeu en privado, e de Cela, quen desafiou en público e foi xeneroso en privado. Sarille rememora o acto solemne para nomealos doutores honoris causa no paraninfo de Santiago en 1980. Un grupo de manifestantes ceibou tres galiñas para que voasen coma curuxas de Atenea sobre as alfombras e entre os estandartes do saber.


A protesta non ía contra Cela nin Cunqueiro, era contra o rector. Cela estaba categorizado como censor, pero soamente levou un xordo apupo. De Cunqueiro había memoria de correaxes, cintos e laudatios ao xeneral superlativo, o Xeneralísimo.


Sarille apunta que nese evento tiñan presente o exemplo de Isaac Díaz Pardo, fillo do asasinado Camilo Díaz, que editou nove volumes dos Adral de Filgueira Valverde. «Os antifascistas mirabamos mal a Cunqueiro, e só abrandamos, rendidos sen remedio, ante o seu universo poético, inugualabelmente fermoso». A arte é superior á vida porque vivir pode vivir calquera.

Tres galiñas voando no paraninfo
Comentarios