jueves. 20.01.2022 |
El tiempo
jueves. 20.01.2022
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Los Gallegos fanse antoloxías

Un bo periodista é quen de contarche dez boas historias na barra dun bar. Agora triunfan os que contan dez historias sobre a barra do bar

Augusto Assía. EP
Augusto Assía.

O VENRES ESTABA sacrificando lecturas máis notables mentres me adurmentaba no Twitter cando cometín o erro de volver entrar noutro artigo sobre esa xeración de columnistas galegos que nos abruma.

Aparecía publicado nunha desas revistas modernas —de inevitable título en inglés— que tanto me aburren. Non son quen de discernir unhas doutras. Paréceme que todas tratan todas as semanas sobre fotografía bondage; series sobre espías con estrinximento; zapatillas de running —tenis para correr—; tomates cultivados no balcón da casa, ou o aire acondicionado como manifestación do patriarcado. Poño atención, pero non consigo distinguilas nin polos contidos nin pola maquetación nin polas fotografías con modelos pálidos.

Pero estaba ben cómodo no sofá. Non se me apeteceu erguerme para coller un libro decente. Acabei por tragar o artigo. Trataba a alineación astral que provocou que na Galicia dos 70 e os 80 nacese unha xeración de talentosos columnistas que escriben en español —agás en festas de gardar como o Día das Letras—. Case todos eles redactan sobre a plantilla de Julio Camba: catro chistes sobre un encontro nun café, un argumento liviano como un globo inchado, desdén pola sintaxe, preguiza na metáfora,..
Camba tiña o seu motivo para botar auga da billa nas súas columnas: fóra líder anarquista na Arxentina e pretendía sobrevivir no Palace a conta da prensa da ditadura. Os seus artigos eran inanes, pero el nunca tivo un talento de maior altura que redactar saúdas simpáticos para os libros de festas de Vilanova de Arousa.

— Era un aburrido. Nunca salía del hotel. Echaba unas siestas larguísimas —dicíanos Luis Blanco Vila, de quen lles falarei neste mesmo texto.

Teño máis dun amigo que se bota a correr cando descubre o seu nome na relación do colectivo de articulistas que nas redaccións de Madrid denominan torcendo a boca como Los Gallegos

A columna que lin o venres na revista moderna xa a lera noutras revistas modernas asinado por outras firmas modernas. Volvía darnos noticia gastada, dunha xeración de articulistas que beben gintonics con desmesura, exhiben as preocupacións futbolísticas en Twitter e comparten mariscadas a prezo de amigo. Nunca falla neses textos de compracencia grupal unha relación de integrantes nin unhas desculpas aos excluídos. "Seguro que me dejo a alguien...", largan por se atopan en Twitter alguén o que non nomearon. Estou certo de que ese alguén está agradecido non ser convocado á pista central do circo. Teño máis dun amigo que se bota a correr cando descubre o seu nome na relación do colectivo de articulistas que nas redaccións de Madrid denominan torcendo a boca como Los Gallegos.

A función de redactar esas listaxes é delimitar a elite á que pertencen. Dedícanse a concretar o número de integrantes e a situarse por riba de quen os segeu nas redes sociais para coñecer as inclinacións alcohólicas e futbolísticas. O sofá venceume e acabei o artigo, aínda que sei que elites teñen un punto de ridículo inevitable.

O escarmento que levei trouxo a súa lección. Descubrín un elemento atractivo no medio dese lameiro de frases feitas e amores impagables por si mesmos: son a única xeración de columnistas da Historia que se antologa a si mesma. Aínda non lin unha reflexión ou unha acotación sobre este grupo escrita por outra persoa. Non pido xa un estudoso, pido un periodista ou un filólogo de garda. Os propios integrantes de Los Gallegos deciden os que son e os que non son, como nas pandas divinas do bacherelato; mesmo cando ninguén lles preguntou.

Los Gallegos están despistados sobre o periodismo norteamericano dos 60 e 70 que tanto admiran. Non entenden que aquela revolución do oficio saiu victoriosa porque eran autores que consideraban a vida como uns recados que se facían para poder sobrevivir no periodismo. A existencia carecía doutra función.

Busquei ao amado Ramón Villares, de quen aprendo a cada encontro. El estaba cun amigo o que logo puxen cara. Era o xornalista Luis Blanco Vila

Un día de aí atrás escoitei no Gadis que as lúas veñen atrasadas este verán, polo que o outono vai ser un borrador da primavera. Aproveitando esta bonohomía solar, aceptei unha invitación a facer vida social. É algo que practico de cando en vez porque me permite coñecer xente.

A xuntanza desenvolveuse nunha campa tan coidada que temín que me citaran entre burato e burato dun xardín de golf. Estaba situada na beira dun río fresco e á sombra duns freixos. Sentamos a bordo dunha mesa longa coma a vida na infancia e sobre un banco corrido. Busquei ao amado Ramón Villares, de quen aprendo a cada encontro. El estaba cun amigo o que logo puxen cara. Era o xornalista Luis Blanco Vila, que naceu en Boiro, na colleita tráxica do 36.

Pouco me levou comprender por que aquel home de ollos proustianos e nariz firme lograra encadear bolsas de estudos en Madrid para fugarse do seu destino suicida na posguerra aldeá.

A súa intelixencia atenta e o seu currículo deixarían pálido coma un gin tonic a calquera dos autoantologados. Foi correpondente do xornal Ya en París e Roma; director de El Ideal Gallego, e catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada.

A miña equivocación no banquete foi ceder a Villares a quenda de preguntas. Blanco Vila contestaba axilmente. Como historiador esperto, Villares buscoulle a biografía política, que incluía o Madrid que alcaldaba Arespacochaga.

—Arespacochaga era un liberal —insistía o periodista.

Esa convición debe de ter longo alento en Blanco Vila porque Francisco Umbral recollía a mesma afirmación súa nunha folla do Diario de un esnob que lle dedicou en El País en 1977.

A conversa envurullouse no asunto público e debín de deixar no bloc de notas mentais as preguntas sobre o ouro e a fame dos xornalistas da época.

Aínda puiden escoitarlle a Luis algunha anécdota memorable:

—Le dije al obispo que el Ya era un periódico, no una diócesis. Él quería gobernarlo como una diócesis.

Villares xirou o torno para volver a Arespacochaga e a outros señores da alopecia franquista

Non faltaron apuntamentos sobre a súa amizade con Umbral. O artigo de El País era ben cariñoso con Blanco Vila, aínda que levaba batifondo de reproche porque aceptara ser concelleiro no Madrid no postmortem da ditadura.

Blanco Vila escapoume a media tarde. Quedei coas ganas de preguntarlle se as cousas feas que contan sobre Ruano son certas. Dixo que o tratara. Cando ía desenvolver a tese, Villares xirou o torno para volver a Arespacochaga e a outros señores da alopecia franquista.

Quedei coa dúbida de se César González Ruano fora tan miserable como para vender a xudeos desesperanzados unha documentación que lles permitiría saír do París nazi que nunca entregaba. Ou sobre se lle prestaron un piso de 850 metros para que llo coidase a un xudeu fuxido, e toda a súa atención foi ir vendendo moble a moble e cadro a cadro. Pasados uns meses, Ruano soamente sentía o seu eco cando espertaba polas mañás.

Aínda peor, quedei sen preguntarlle se coñecera a Augusto Assía. Villares tiña unhas curiosidades vaticanistas que mo impediron. Nunca xanten cun italianófilo.

Hai unha historia preciosa de Assía que conta un amigo. O xornalista ourensán estaba en Londres traballando oficialmente para La Vanguardia e para a espionaxe alemá. En realidade, era un axente con nómina dobre que axudaba ao MI5 británico. O correspondente do ABC, Luis Calvo Andaluz, acabou por sabelo.

Ao verse descuberto, Assía convidouno a xantar nun restaurante. Atopáronse alí e Assía foi ao lavabo. Cando regresou había dous axentes ingleses detendo a Luis Calvo.

A trampa consistira en que o ourensán advertira ao servizo secreto británico de que o agregado cultural español espiaba para os alemáns. Concretou que lles entregaba información nuns cartuhos que deixaba no lavabo daquel restaurante, entre a parede e a cisterna. Naquela cita, Assía fora ao servizo para colocar o cebo no lugar anunciado.

—Cando Luis Calvo vai, o galego xa está de volta —presumía Assia.

Los Gallegos fanse antoloxías
Comentarios