sábado. 27.11.2021 |
El tiempo
sábado. 27.11.2021
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Se ladras non te vai querer ninguén

Cyrano é un amigo de Ribadeo que aceptou o seu destino dende cativo. Dixéronlle que non triunfaría e fixo todo esforzo posible que o afastase dese designio

92691nz
Milena Busquets.

TEÑO UN AMIGO tan feo que lle din Cyrano, polo De Bergerac. Na casa estaban convencidos de que nunca chegaría a nada porque, ao presentarse, ía antedecido polo seu rostro. Os triunfadores adoitan ser guapos. O vencedores feos destacan o respaldo da familia como decisivo. Cyrano carecía de ambas as cousas, polo que desbotou ser antropólogo ou cantante.

—Tes unha cara tan difícil que ninguén te vai contratar —espetáballe á nai, á que era cuspidiño e, sen embargo, ten emprego.

Cyrano entendeu o maleficio da nai coma un destino. Efectivamente, non chegou a nada. A pesar de que temos exemplos de supervivintes aos augurios das tres meigas corvudas que adiantan o reinado e a decadencia consecuente a Macbeth, o habitual é que ninguén chegue a nada. Cando escoito louvanzas a un deportista que triunfou contra todos os prognósticos penso no destino dos 999 que o intentaron coa mesma intensidade e paciencia, e fracasaron. Moitos serán agora mozos de almacén, como o meu amigo.

O caso de Cyrano é distinto. Chegou onde quería chegar. Non estaba polo labor de buscar o seu sitio e nunca chegou. Onte cruceino en Ribadeo e sorriume baixo o seu nariz grande e os seus ollos de mofeta. É feliz. Non sei se Milena Busquets é feliz, pero si que tivo todas as oportunidades para chegar a ser alguén como filla da editora Esther Tusquets. Fixo como aquel compañeiro de Oppenheimer que daba clases de Física e lle espetou a un alumno: "Tan novo e xa fixo tan pouco". Pero sospeito que non buscou ser alguén.

A miña nai quería que eu chegase a algo, concretamente a secretario municipal. Imaxinábame amosando unha tarxeta de visita profesional nos restaurante e vivindo nun chalet con ceador e parra.

Crucei a Cyrano diante da súa vivenda, na rúa de San Miguel. Gústame pasear esa rúa porque é silandeira; ten unhas casas brancas e baixas de cando Hansel e Gretel veranearon en Ribadeo, e uns coches tuneados en vermello cos cristais afumados aparcados nas beiras que contribúen á pracidez do paseo. El estaba falando coa súa avoa —en galego, claro— e marchou.

A avoa vestía unha bata fucsia e un gorro pistacho de xeito que parecía un gnomo despedíndose nun aftehours. A cadela da señora, cativa e peluda como unha rata, botouse a protestarme. Ela reñeulle.

—Linda, no ladres; que no te va a querer nadie.

Ignoro a idade de Linda, pero a súa dona mira porque non perda unha oportunidade laboral polo idioma. Sés, a cantante, contoume que unha vez nunha entrevista de traballo á que se presentara con licenciaturas en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social tivo que escoitar:

—¡Qué mal te sienta el gallego en la boca!

Eu non podería ser o pai de Sés. Tería sufrido que se dedicase á música cunha preparación semellante. "O meu era ser profesora de instituto", alega ela con satisfacción.

O meu pai cantaba fados con acento e precisión portuguesas. Nunha das diversas vidas que levou foi músico. Era famoso nos concesionarios de coches. Non porque o motivasen os automóviles, senón porque cando ía comprar un entraba cunha guitarra. Pedía que lle abrisen o maleteiro dun modelo e doutro. Levaba o coche no que mellor entraba a guitarra. Necesitábaa para poder levala dunha troula improvisada a unha efeméride de amigos e solteiros.

Na súa vida máis realista, o meu pai acabou por ceder á vocación docente que nunca sentiu. Aceptouna con prudencia cando naceu o cuarto fillo dos cinco cos que redondeou a súa paternidade. Daba clase de Matemáticas. Iso marcou a miña infancia. Os meus irmáns eran sobresaíntes; eu, suspenso. A comparación afastoume dos díxitos para sempre xamáis.

Na casa eramos de ladrar e de facelo en español, como o can da avoa de Cyrano. O motivo de berranos raramente era un enfado. Lembro o meu pai e o meu irmán Mikel discutindo sobre matemática euclediana e sentirme coma un home chegado do futuro entre falantes de linguas mortas. Ás veces falaban do Athletic, ás veces discrepabamos sobre Amália Rodrigues e os Rolling.

Subín pola rúa de San Miguel pasei por Vivín, que tiña a primeira novela de Milena Busquets, Hoy he conocido a alguien Estaba en saldo, como lles pasa a todos os clásicos; pero reserveimo para outra oportunidade temendo deixame arrastrar polo que me gustara a novela sobre a morte da súa nai, También esto pasará (Anagrama).
O seu novo libro, a recompilación de artigos Hombres elegantes (Anagrama) comenza cunha evocación de Esther Tusquets en Nada de perder el tiempo. Nese primeiro texto confesa que, pasados uns días da morte da nai, ergueuse ás catro da mañá para beber auga. A través da ventá descubriu un gato amparado pola calidez dunha farola e convenceuse de que era a finada, a presenza que tanto botaba en falla; de que estaba encarnada no animal. "A la noche siguiente, me puse el despertador a las cuatro de la mañana y estuve esperando, mirando por la ventana, pero no vino nadie. Mi madre tenía muchos defectos, pero la impuntualidad no era uno de ellos".

Todos temos unha familia emocional, que poucas veces ten que ver coa biolóxica. Pasa nas parellas. Quico Cadaval foi abandonado por unha noiva:

—Antes era guapa, agora é fea.

Eu coñecina. Era atractiva. Nada comparable o meu amigo Cyrano, pero o desamor afeouna.
 

Non deixarei que os meus fillos estuden Antropoloxía. Os antropólogos empezan facendo prácticas na casa, coa familia.


Cando era un cativo preguntábame pola familia de Frankenstein, o monstro construído nun desguace humano. Na novela de Mary Shelley acaba prometendo suicidarse, pero eu estou certo de que, como pasa con Elvis, que sei que "está vivo/ me lo dijo un amigo/ mirando diez canales a la vez". A miña convición está baseada en que o canta Andrés Calamaro. Seguro que tivo noiva e que lle parecía guapa mesmo cando o abandonou por un Cyrano con máis labia.

Non deixarei que os meus fillos estuden Antropoloxía. Os antropólogos empezan facendo prácticas na casa, coa familia. Milena Busquets é antropóloga, como Sés. A cantante galega fala positivamente do seu pai, que finou con trinta anos. Milena non menciona case o seu, co que conviviu sete anos.

Busquets non fala de Esteban Busquets nas columnas, que se enchen expresa o sombrizamente de Esther Tusquets e se recrea en escenas que protagoniza outra escritora, Ana María Moix. Ambas as amigas xogaban timbas de cartas na casa dos Tusquets. Para a anfitrioa era sagrada a concentración no xogo; para Moix, os partidos televisados do Barça. Ese era a súa frición, a matemática euclediana.

Can Tusquets debía de ser unha feira, con Umberto Eco entrando e saíndo, e facendo debuxos para a pequena Milena e o seu irmán mentres contestaba aos periodistas.

Ana María Matute non debía de sentirse a gusto nesa timba literaria. Había ocasiones en que cansaba de relacionarse co mundo e calaba hermetica e obstinadamente, como se fose a rúa San Miguel de Ribadeo. Tras unhas semanas sen falar, o seu amigo Esteban Busquets levouna a xantar. A escritora sentou nunha cadeira. Deixou pasar varios minutos ata que berrou: "¡Chautebriand! ¡Quiero un filete Chautebruiand!", ladrou. E todas a quixeron un pouco máis dende entón.

Se ladras non te vai querer ninguén
Comentarios